Pedro Feijóo volve gañar o Premio San Clemente

Cercas e Toibin recuncan tamén no palmarés da XXI Edición

A organización dos premios Arcebispo Juan de San Clemente daban a coñecer onte os premiados na XXI edición destes galardións, que escolle un xurado de estudantes de secundaria de todo o país. Como homenaxe ás dúas décadas do galardón, a selección de finalistas realizouse entre escritores que xa recibiran o premio nalgunha ocasión, de xeito que todos os gañadores recuncan. Pedro Feijóo con A memoria da choiva foi seleccionado na categoría de obra en galego, con cinco votos dos dez emitidos. En narrativa en castelán, impúxose Javier Cercas con La velocidad de la luz, ao obter doce de dezaseis votos. No ámbito internacional, pola súa banda, o xurado seleccionou El testamento de María de Colm Toibin.