A semana das letras de Filgueira

As iniciativas institucionais marcan a axenda no Día das Letras deste ano

As iniciativas institucionais marcan a axenda no Día das Letras deste ano
Real Academia Galega, Xunta, Consello da Cultura Galega, CRTVG e Deputación e Museo de Pontevedra. A axenda do Día das Letras Galegas de 2015 preséntase cun marcado acento institucional. A escaseza de publicacións e de iniciativas privadas e sociais vencelladas ao autor deixan da man das entidades públicas a conmemoración deste ano.

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, xa advertira cando foi seleccionado que o perfil erudito de Filgueira podía supor un problema para a popularización da celebración. A esta cuestión súmase a polémica que se dá sobre a colaboración do homenaxeado co Franquismo, que provocou o seu rexeitamento por parte de entidades como A Mesa pola Normalización e o Concello de Pontevedra ou comentarios negativos desde a directiva da Asociación de Escritores.
Coma eles, tampouco o colectivo cinematográfico Acto de Primavera, que no pasado ano artellara unha ambiciosa homenaxe colectiva a Díaz Castro, apoiou a figura deste ano, o que non fai máis que restar posibles apoios á celebración.

Deste xeito, fica nas mans das institucións e dos centros do Ensino o groso dos homenaxes ao Vello Profesor. Non faltan, coordinadas coa Xunta, iniciativas privadas xa habituais como as de Gadisa, Eroski ou Feiraco, que distribúen nos seus embalaxes a figura do homenaxeado, ou a achega de diferentes xornais de publicacións monográficas dedicadas a Filgueira Valverde. Pola súa banda, os interesados en integrar lingua e deporte teñen unha nova ocasión na II Carreira Camiño das Letras que Convoca a Consellaría de Cultura. Os participantes percorrerán na tarde do día 16 oitos quilómetros e medio entre Lavacolla e Compostela a integrar lingua, deporte e Camiño de Santiago.

Programa da Xunta para conmemorar as Letras Galegas

Pontevedra
Pontevedra, vila natal e onde desenvolveu o groso da súa actividade O Vello Profesor, concentrará como é habitual os actos conmemorativos do día 17. A Real Academia Galega, que celebrará un plenario na cidade, a Consellaría de Cultura e mais a Deputación, a través do Museo de Pontevedra, protagonizan os actos da data. Canda a eles o Consello da Cultura Galega leva a esta cidade o día 16 o Concerto das Letras.

Web do Concerto das Letras

Pola banda do Concello, malia a ter cuestionado a elección do homenaxeado e se desvincular das celebracións oficiais, a cámara municipal finalmente desenvolve tamén ao longo deste mes os seus propios actos con presenza de Filgueira. Faino no marco da campaña Maio, mes da Lingua, con actividades como obradoiros escolares (Agromar: coñece a obra de Filgueira Valverde), unha conferencia (Vida e angueiras de Xosé Filgueira Valverde por Fernando Filgueira), un concerto, unha charla teatralizada, unha proxección do documental Contextualizando a Filgueira Valverde e mais unha Homenaxe Popular no propio 17 de maio.

Programa de Maio Mes da Lingua

Tamén Afundación ten as súas propias propostas sobre Filgueira. Así, o Café Moderno de Pontevedra acolle desde o 15 ata o 31 de maio unha teatralización sobre a vida do intelectual homenaxeado. Ademais, a nivel galego achegará obradoiros escolares e mais a campaña Móllate co galego.

Por suposto o Museo de Pontevedra, do que foi director o homenaxeado, está a actuar nestes meses como cuartel xeral das celebracións. Para alén da exposición Xosé Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia, aberta ata o 24 de maio, e de múltiples actividades paralelas, o centro acollerá a celebración do acto central da Academia no propio Día das Letras, no que está previsto que interveñan Víctor F. Freixanes, Francisco Díaz-Fierros, Xosé Ramón Barreiro e mais Xesús Alonso Montero.



Producións
Falta nesta celebración o xa habitual aluvión de lanzamentos editoriais vencellados á figura que se homenaxea. Se nos últimos anos vimos libro-discos, documentais, audiovisuais creativos, fotobiografías, bandas deseñadas, volumes colectivos ou publicacións inéditas, o Día das Letras de 2015 caracterízase pola contra por unha certa escaseza neste sentido. Como xa comentamos, unicamente Baía, Ir Indo e Xerais lanzan novidades arredor do homenaxeado mentres Galaxia recupera os seus fondos na Biblioteca Filgueira Valverde. Os Cadernos Ramón Piñeiro tamén publican o seu habitual monográfico, que se presenta, como non, no Museo de Pontevedra o día 14, mentres a USC apoia a conmemoración cun volume colectivo.

Presentación dos caderno Ramón Piñeiro dedicado a Filgueira Valverde

Volume sobre Filgueira Valverde da USC

No campo audiovisual, unicamente contamos neste 2015 do documental Contextualizando a Filgueira Valverde promovido desde a Consellaría de Cultura, no que se recollen diálogos de diferentes persoeiros da cultura do país a analizar a figura do homenaxeado.



Desde a CRTVG desenvolveron as xa habituais pezas promocionais que se están a emitir nos días previos ao 17 de maios e ademais o web da compañía recuperou do seu arquivo varios vídeos que teñen como protagonista o Vello Profesor.



Da man doutras entidades, unicamente a Associaçom Galega da Língua tirou un documental sobre a figura, mais centrado nesta volta no seu papel á hora de oficializar a normativa ILG-RAG para a nosa lingua co chamado Decreto Filgueira de 1982.

Web sobre Decreto Filgueira



Alternativas
Malia aos anuncios de celebracións alternativas ao Día das Letras oficial que se sucederon ao pouco de anunciar a dedicatoria a Filgueira Valverde, polo momento non hai moitas novidades na axenda neste sentido. Si se confirma a segunda edición do Día das Galegas nas Letras, promovido desde a plataforma de crítica literaria A Sega. Logo de conmemorar no mes de xuño do pasado ano o traballo de Dorothé Schubarth, desta volta a figura homenaxeada será a de María Victoria Moreno. No entanto, hai que agardar pola festa ata o 15 de agosto, cando se realizará o acto de homenaxe a esta escritora e activista morta en 2005.

Aínda que no seu día fixera un chamamento para realizar actividades alternativas ás homenaxes a Filgueira, polo momento a Mesa pola Normalización non concretou estas propostas e sumouse aos xa habituais actos a prol da nosa lingua. A plataforma Queremos Galego convocou concentracións na Coruña, Ferrol, Foz, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo ás 12 da mañá desta data, aínda que sen facer referencia ao escritor homenaxeado.

Do mesmo xeito, tampouco acadou o eco necesario para se pór en marcha a iniciativa da Romaría das Letras, polo que, de momento, semella que non nacen novas propostas alternativas ás convocatorias oficiais.

Mantéñense xa como clásicos do Día das Letras celebracións como o Festiletras da aldea de Couso, en Ponteceso. Como cada ano, o lugar vibrará con música e festa no que é xa unha festividade local con máis de trinta anos de tradición. Tamén en Compostela a asociación A Gentalha do Pichel desenvolverá unha nova edición da súa Festa do Dezassete, mentres librarías de todo o país sacarán á rúa postos para conmemorar a literatura na nosa lingua.

Webs
De xeito paradóxico, a polémica que está a acompañar o homenaxeado no Día das Letras está a servir para que se multiplique a súa presenza na rede. Son múltiples artigos de opinión, entrevistas, reportaxes e contidos especiais sobre a súa figura os que desde diferentes medios, blogs e webs abordan a relación de Filgueira co Franquismo e sitúan o persoeiro nun lugar preeminente da Internet galega.

A isto súmanse contidos específicos como o flamante web da Fundación Filgueira, que achega múltiples documentos facsímiles, novas e datos e imaxes sobre o homenaxeado. Na mesma liña sitúase, o especial que publicou o Consello da Cultura Galega, con audios, fotografía ou a destacada biografía que elaborou Xesús Ferro Ruibal. Os xa comentados documentos recuperados pola CRTVG ou o material que dispoñibiliza a Secretaría Xeral de Política Lingüística, especialmente orientado ao ensino, son outros dos contidos que se poden atopar na rede.

Web da Fundación Filgueira

Especial do Consello da Cultura sobre o homenaxeado

Recursos sobre o Día das Letras no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Xosé Filgueira Valverde no web da RAG

Futuros
No entanto, o ano non remata no Día das Letras, e desde a Xunta anunciánse propostas que se desenvolverán nos vindeiros meses. Así, agárdase a publicación, da man do Consorcio de Santiago, a Xunta e a editorial Alvarellos, do volume Historias de Compostela, da autoría de Filgueira. Teremos tamén libro-disco, o que publicará aCentral Folque. O volume recuperará a gravación que se lle fixo ao Gaiteiro de Campañó en 1947, por iniciativa de Filgueira e comentada por el mesmo. Como feche do ano celebrarase, como está a ser habitual, o simposio que convoca a Real Academia Galega e que permitirá facer balance do autor e da recepción da súa figura neste 2015.