María Victoria Moreno protagoniza o segundo Día das Galegas nas Letras

A plataforma A Sega recoñece así o traballo desta escritora e activista

O vindeiro 15 de agosto a plataforma de crítica literaria A Sega celebrará a segunda edición do Día das Galegas nas Letras. Segundo anunciaron esta mesma mañá, a homenaxeada neste 2015 será María Victoria Moreno. Autora especialmente dedicada á literatura infantil e xuvenil, Moreno falecía hai agora dez anos en pontevedra logo dunha intensa actividade de dinamización cultural. Nada en Estremadura, a homenaxeada escolleu o galego como lingua literaria e chegou a entrar na lista de honra do IBBY pola suá obra Anagnórise.



Texto de A Sega sobre a homenaxe a María Victoria Moreno

A FORZA DA VONTADE

Hai lugares onde nos nacen e lugares onde escollemos nacer. Hai familias que nos veñen dadas e outras que creamos para nós. Hai linguas que se nos falan e outras que coa determinación obstinada de quen se quere poñer do lado que máis o merece, escollemos para nós. Se cadra o accidente do noso nacemento pode determinar abondas cousas na vida, pero a escolla e a vontade teñen a forza mesmo de cambiar o lugar co que se asociará por sempre o noso nome, a lingua na que se falará de nós, o pobo que ha de celebrarnos para sempre.

Esa lingua, ese pobo e ese nome somos neste II Día das Galegas nas Letras todas nós segando para recoller as gavelas de María Victoria Moreno. Ela que escolleu o lugar onde vivir cada minuto, ela que escolleu a familia dos afectos, ela que escolleu a lingua e a comunidade á que pertencer. Tamén ela que escolleu as historias que quixo contar, aquelas nas que cada unha, coma unha gavela única, brilla na súa complexidade, na súa letra diáfana e motivadora. María Victoria Moreno escribiu para todas nós dende o espírito máis abranguente, máis total. Para nosoutras que buscamos nos relatos nenas que nos expliquen a vida nos nosos termos, á nosa idade. Para nosoutras que, adolescentes, procuramos descubrir o desenlace sen saber que o importante está se cadra no camiño. Para nosoutras que padecemos nos nosos corpos a dor mais tamén a esperanza. Para nosoutras que queremos saber doutras vidas aparentemente próximas pero ao tempo moi afastadas.

María Victoria representa para nós a forza da vontade fronte á desidia e o accidente, a decisión consecuente da palabra xusta. E con esa mesma vontade facémola nosa e pertencémoslle nunha celebración á que estades todas convidadas.