Quiosco: Revista Galega de Teatro número 82

O audiovisual galego protagoniza este exemplar de primavera

Sae á rúa o número de primavera da Revista Galega de Teatro, RGT, o primeiro deste ano dedicado ao mundo audiovisual galego. Neste novo exemplar o investigador e teórico cinematográfico, Miguel Anxo Fernández, reflexiona sobre Mudanzas no audiovisual galego e Mariana Carballal analiza o papel das mulleres como directoras de ficción. A revista tamén achega a dramaturxia en lingua portuguesa coa a peza Albertine, o continente celeste, de Gonçalo Waddington.


Nesta publicación trimestral, editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas, o seu director, Antón Lamapereira, pide na editorial a colaboración das diferentes asociacións e colectivos culturais para elaborar entre todos o que denomina "un Plan Estratéxico para as Artes Escénicas en Galicia". Asimesmo dentro dos contidos habituais da publicación, o apartado dedicado aos libros recolle as críticas de Máis alá da Ultranoite. Crónica canalla do cambio de milenio e Juan Mayorga. Teatro 1989-2014.

A sección Escea Aberta inclúe as crónicas dos festivais: Escenas do cambio, Festival Internacional de Danza de Guimarães e Feten 2015 xunto coa segunda parte da entrevista cos programadores Luciano Fernández e Paulo Rodríguez.

No apartado dedicado a Espectáculos o público pode descubrir as análises das montaxes Xardín suspenso, do Centro Dramático Galego; 30 e tantos ósos, de Aporía Teatro e La vida es sonho, de Cia. João Garcia Miguel.