A plataforma GaliciaLe prestou máis de 7.000 libros dixitais

Esta ferramenta achega as publicacións electrónicas das bibliotecas públicas á cidadanía

<i>GaliciaLe</i>
GaliciaLe
A plataforma para o préstamo de libro electrónico nas bibliotecas públicas galegas, GaliciaLe, rexistrou un total de 7.442 préstamos desde a súa posta en marcha pola Xunta de Galicia, o 20 de outubro de 2014, ata o pasado 17 de abril. Con este servizo en liña, accesible as 24 horas do día de calquera día do ano, ofrécese un catálogo amplo composto por libros e audiolibros en galego e en castelán, álbums ilustrados, que se poden ler en dispositivos compatibles como tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e lectores de libros electrónicos.


Para facer uso deste servizo soamente é necesario ter o carné de lector ou lectora dalgunha das bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, conexión a internet e rexistrarse na plataforma virtual para obter as claves de acceso. O usuario ou usuaria poderá tomar en préstamo ata un máximo de catro libros (dous no do libro en galego e dous no do libro en castelán) durante un prazo máximo de 21 días.

Unha vez realizado o préstamo, o usuario poderá optar pola lectura en liña ou descargar o libro electrónico en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e/ou lectores electrónicos.

Ligazóns