Cinco ideas ao redor da nova culturagalega

Presentamos un novo deseño e unha nova concepción de culturagalega: máis profundidade, máis axilidade, máis xornalismo.

Presentamos un novo deseño e unha nova concepción de culturagalega: máis profundidade, máis axilidade, máis xornalismo.
O 14 de abril de 1947 a nosa lingua deu un salto excepcional. Da man de dous afoutos xornalistas galegos da BBC, Alexandre Reimundez e Felipe Fernández Armesto, a prestixiosa radio pública británica iniciou ese día as emisións dun programa en galego destinado ao mundo enteiro. Con colaboradores coma Plácido Castro, ou os correspondentes desde Galicia Leuter González Salgado e Francisco Fernández del Riego, polo programa en galego da BBC pasou boa parte da nómina de intelectuais de Galicia. A lingua e a cultura galegas empregaban, por primeira vez, un soporte de alcance mundial.

Quixemos aproveitar unha data tan sinalada para presentar un novo deseño de culturagalega e honrar a memoria dos emprendedores que decidiron sacar a cultura galega ao mundo. A nosa plataforma cumpre xa quince anos nas redes desde que fora inaugurada un 10 de outubro de 2000 no Consello da Cultura Galega e este será o terceiro gran cambio gráfico que se acomete. É o medio nacido en liña en galego máis veterano do país.

Resumímoste os cambios e a nova filosofía en cinco rápidas ideas.

culturagalega.gal.

A partir de hoxe xa podes acceder a culturagalega desde o sufixo .gal, específico da lingua e cultura galegas.

Adaptación.

Unha das claves do novo deseño é a responsividade, é dicir, a capacidade tecnolóxica do medio a adaptarse ás diferentes superficies nos que este se visualiza. A nova culturagalega outorga unha gran flexibilidade para ser vista de xeito cómodo e específico para web, tablets, e móbiles.

Profundidade e lixeireza

A nova culturagalega emprende unha nova visión xornalística que se irá desenvolvendo nos vindeiros meses, abrindo unha nova concepción de servizo público informativo. Producirase máis información destinada a orientar, a conectar, a crear un espazo informativo galego na rede, no que fontes de información, produtores e creadores de contidos canda medios e mediadores poidan ser visibilizados de maneira máis estreita. Ao mesmo tempo, culturagalega prestará máis atención a temas que serán tratados máis en profundidade, ao longo do tempo; temas decisivos e grandes historias que deben ser coñecidas.

Cada páxina é o punto de partida.


Un dos futuros do xornalismo é participar no fluxo informativo das persoas. Cada persoa conectada, hoxendía, deseña o seu propio fluxo de información. Queremos que a cultura galega chegue cada vez a máis persoas, facendo o esforzo de ir nós a eles, e non agardar que eles veñan a nós. Queremos estar no río social que abastece de ideas aos cidadáns, a través de páxinas ben construídas e en detalle, que valgan para acceder ao resto de contidos da plataforma e mesmo do Consello da Cultura Galega.

A acción é a reflexión

Cremos que a vindeira década vai ser crucial para a supervivencia da nosa lingua, cultura e industria cultural, tal e como a coñecemos nun sentido moderno: a dunha cultura viva e europea, cun inmenso leigado en parte aínda sen aproveitar. Na vindeira década xogámonos un xeito de porvir para a nosa cultura e, polo tanto, para o noso país. culturagalega leva quince anos informando día a día dos fíos máis vivos e creativos de Galicia: os vindeiros dez serán os anos nos que debamos recuperar o público, gañar outros novos e construír o futuro. Este redeseño é a nosa primeira acción para esta reflexión.