A fenda do proxector

A apertura de NUMAX pon sobre a mesa a viabilidade alternativas de exhibición cinematográfica

O pasado mércores abría en Compostela NUMAX, a primeira sala privada dedicada ao cinema independente do noso país. Unha proposta arriscada e anovadora, que chama a recuperar a experiencia do cinema no centro das cidades, con horarios diferentes e fóra da corrente principal de estreas de Hollywood. A iniciativa desenvólvese nun contexto no que semella que están a coller forza, tanto dentro como fóra do noso país, as vías alternativas para exhibición en salas.

Un tal de 120 proxeccións en versión orixinal ao mes e unha carteleira de entre seis e oito filmes no mesmo período. Filmes de estrea, recuperación de clásicos dixitalizados, unha sala provista da última tecnoloxía de proxección. Libraría, alugueiro de espazos, unha unidade de produción audiovisual e outra de deseño. NUMAX, a sala que abría as súas portas en Compostela o pasado xoves non nace en absoluto como un cinema convencional. Ao contrario, fai parte dunha tendencia máis ampla que busca novas fendas desde a que achegar a sétima arte ao público nun contexto no que se reducen as posibilidades de acceder aos filmes en sala.

Menos cinemas e máis pobres
A consabida crise das salas de cinema semella bater con especial forza en Galicia. Pontevedra botou varios meses sen cine, Lalín ficou sen salas logo de fechar, en pouco tempo, dous cinemas, en Compostela a única oferta é a dun centro comercial, ao igual que en Lugo. En xeral, o fenómeno repítese desde hai anos con maiores ou menores magnitudes por todo o país. As salas tradicionais e multicines situados nos centros urbanos fechan e deixan o seu espazo a grandes instalacións artelladas en cadeas que se adoitan localizar en espazos comerciais. Canda a isto, os custos da dixitalización dos proxectores e a integración de novas tecnoloxías de imaxe e son nas salas dificulta cada vez máis a viabilidade fóra deste sistema. Por non falarmos do consumo por Internet de contidos audiovisuais.

Distribución
O control da exhibición cinematográfica por parte das grandes distribuidoras e a situación de crise semella ter levado a que só poidan sobrevivir os grandes proxectos, con múltiples salas, unha carteleira de grandes éxitos garantidos e a última tecnoloxía de imaxe e son. Este proceso leva tamén a un importante empobrecemento da carteleira. Segundo asegura Ramiro Ledo, coordinador e responsable do apartado de cinema de NUMAX, "a exhibición normal está reducida a grandes centros comerciais e espazos con moitas salas que polo xeral son propiedade de grandes grupos". Nese contexto, "mesmo distribuidoras medianas, que non estaban vencelladas ás firmas de Hollywood e achegaban filmes premiados en festivais como Locarno, Venecia ou Cannes, ficaron sen pantallas onde proxectar. Nese sentido tamén agradecen que aparezan espazos como o noso". Canda a isto, apunta que "desde que o vídeo doméstico comezou a achegar acabados profesionais, están a se multiplicar as producións e aparecen obras moi interesantes que reflicten os problemas da sociedade e que non teñen onde se exhibir. Aquí queremos darlles tamén unha oportunidade".

Alternativas voluntariosas
No entanto, nos últimos anos semella que este modelo está a deixar un espazo crecente para alternativas cinematográficas. Os tradicionais cineclubs, refuxio durante anos da produción minoritaria e dos clásicos da sétima arte, están a se reinventar e a ocupar, en moitos casos, novos espazos. É o caso da creación do Cinema Palleiriso de Chantada ou as tentativas en Lalín por se facer cargo da antiga sala comercial da vila. En total, arredor de 25 destas entidades traballan no país no seo da Federación Galega de Cineclubes (FECIGA), que recoñecía recentemente estar a vivir un momento de expansión. No entanto, non se pode esquecer que algúns destes colectivos, como é o de Pontevedra, atravesan crises importantes que poñen en risco a súa actividade. Así Ledo, el mesmo con experiencia de traballo neste tipo de entidades, apunta a necesidade de artellar propostas máis profesionalizadas. "Os cineclubs desenvolven proxectos moi interesantes, pero non se dá un artellamento serio da exhibición. En moitos casos dependen do voluntarismo e hai proxectos que esmorecen por mor do cansazo da xente implicada", explica.

Apoios
Canda ao realativo auxe destas entidades tamén se detecta un renovado apoio público ás alternativas de exhibición logo de varios anos de seca, nos que desapareceron proxectos como Cinemas Dixitais e se limitaron as axudas a cineclubs, que chegaran a 60.000 euros. Así, desde 2012 a Axencia Galega das Industrias Culturais apoia con 24.000 euros anuais diferentes programacións da FECIGA por todo país. A maiores, novos acordos co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) están a permitir por vez primeira establecer circuítos de proxección dos fondos desta entidade por diferentes espazos do país. Este mesmo centro integrouse recentemente nunha rede alternativa de salas públicas que busca achegar ao público filmes que non chegan aos espazos comerciais. En paralelo, a Consellaría de Cultura botaba a andar a finais do pasado ano o circuíto Cinemas de Galicia que procura incrementar a presenza da nosa lingua nas proxeccións cinematográficas e ofertar unha alternativa para vilas que non dispoñen de salas. Logo dunha primeira proba catro vilas do país (As Pontes, Sanxenxo, Foz e O Carballiño), o proxecto expandiuse xa a Redondela e Verín e prevé no futuro continuar a medrar.

A aposta privada
Nese contexto é que xorde NUMAX, nun local situado nas proximidades do Casco Histórico compostelán. O novo cinema nace cun investimento de 450.000 euros e cinco socios traballadores constituídos como cooperativa. Malia á aparencia de ambicioso do proxecto, segundo explica Ramiro Ledo, "para nós é a mínima maneira de pór cinema a disposición de público nunhas condicións estándar. Non pensamos que se puidese facer máis barato, tendo en conta que o proxecto parte de que os seus membros puidésemos seguir a traballar nisto a partir da ligazón común que é o cinema". Desde a perspectiva dos promotores "outra opción podería ser recuperar os multicines, que a priori podería ser máis barato, pero teriamos que dixitalizalos e adquirir equipo novo para todas as salas, de xeito que acabaría sendo máis caro". Con vistas a buscar a viabilidade, as actividades que propoñen van moi para alén do propio traballo de proxección. Así, NUMAX é unha libraría, unha axencia de deseño gráfico, un fornecedor de servizos audiovisuais e un espazo en alugueiro dispoñible para actividades. Ademais, conta cun ambigú que funciona como cafetería en horas de proxección, e como novidade sobre o proxecto inicial, a cooperativa tamén actúa como distribuidora cinematográfica. "Seguimos un pouco o modelo de Zumzeig, unha sala que abriu en Barcelona hai ano e medio. É algo máis grande do que nós e no canto de libraría ten un restaurante", explica Ramiro.

Outro cinema
Para alén de achegar títulos alternativos, o proxecto NUMAX pretende tamén outra experiencia de cinema e pensa en públicos alternativos. "Trátase de recuperar o hábito de ir ver un filme sen ter que coller o coche", explica Ledo. "Poder pasar polo cinema, ver o que hai e entrar, actuar en relación co barrio". Nesa liña está a aposta polas sesións matinais. "Pensamos que hai público en xente xubilada, que traballa ou estuda de tarde ou que está desempregada para a que pode as doce da mañá pode ser un bo horario". Así, estes colectivos contarán con descontos para todas as sesións, e a matiné contará sempre cun prezo reducido para todos os asistentes. "Realmente dirixímonos a un espectador anónimo, que non coñecemos mais que sabemos que está aí e que é moi diferente entre si. A nosa idea é programar todas as sesións posibles e que a xente poida vir en calquera momento ver filmes, somos conscientes de que vivimos nunha sociedade na que conviven moitos horarios diferentes".

O panorama fóra de Galicia
A situación que semella estar a se configurar en Galicia con todos estes ingredientes non difire en grande medida da doutros lugares. "En moitos países, como en Estados Unidos, conformouse un panorama no que as grandes cadeas de multicines conviven con salas pequenas e independentes, en moitos casos mesmo mais pequenas que a nosa. A nivel estatal e europeo, o camiño que se está a seguir semella ser o mesmo", explica Ledo. Así, segundo anunciaron os responsables de NUMAX na presentación do proxecto, "acaba de se constituír unha rede de salas independentes no Estado". Baixo a forma dunha fundación, a rede Cinearte reúne unha ducia de salas e pretende "crear un tecido de cinema fóra do circuíto comercial e xerar outro ámbito de distribución" así como "sumar esforzos para apoiar filmes diferentes". Desde esta nova plataforma, os integrantes queren traballar "para que se aplique o contemplado na Lei do Cinema encol do apoio a propostas de distribución alternativa ou orzamentos baixos, un capítulo que está sen desenvolver e non se fixo efectivo".

Recepción e proxectos
Logo da inauguración do pasado xoves, os primeiros días de actividade da nova iniciativa foron para os promotores "espectaculares. A cidade está a nos acoller con moito agarimo, non só en termos de asistencia, senón de implicación. Xa se fixeron case 150 abonados e atopamos moitas palabras de apoio. Non contabamos cunha benvida así, e estamos verdadeiramente agradecidos". Como propostas inmediatas, para alén de continuar a proxección continua de filmes, unha das primeiras novidades previstas desde o NUMAX é o desenvolvemento de circuítos escolares a aproveitar as sesións matinais. "Imos comezar co deseño de programas nese sentido", asegura Ledo. A fenda ábrese, e por ela entra a luz do proxector.