Arquitecturas para enmarcar

Esta fin de semana falláronse os premios do Colexio Oficial de Arquitectos

Manuel Jorreto, por Vivenda Unifamiliar / Urbanización Pazo Ramirás / Ourense. Foto: COAG
Manuel Jorreto, por Vivenda Unifamiliar / Urbanización Pazo Ramirás / Ourense. Foto: COAG
“O número e o nivel dunhas obras achegadas directa e libremente polos seus propios autores, evidencia a altura intelectual do discurso da Arquitectura Galega no século XXI, na plenitude dunha crise especialmente devastadora e persistente para o noso sector”. Así de contundente é o xurado dos XVI Premios COAG, os principais galardóns de arquitectura do noso país. Repasamos os premiados na gala desta fin de semana, un bo termómetro para coñecer as tendencias da arquitectura en Galicia.

Vivenda
O xurado concedeu o premio ex-aequo a Manuel Jorreto, por Vivenda Unifamiliar / Urbanización Pazo Ramirás / Ourense e a Tercero Derecha Arquitecturas por unha vivenda unifamiliar en Xuanzo (Abegondo, A Coruña).



"Valorouse a precisión e elegancia do obxecto, o acertado uso dos materiais e o seu rigor construtivo, a súa contención volumétrica, a calidade dos espazos interiores e o tratamento dos exteriores, e o diálogo cun lugar do que ambos os dous, vivenda e paisaxe, resultan beneficiados".



Sobre o proxecto de Terceroderecha Arquitectos, o xurado “considera moi destacable a valentía e o carácter experimental dunha proposta que se interna no século XXI sen recorrer a antecedentes formais claros”.


Rehabilitación
Emilio Rodríguez Blanco: “Rehabilitación integral de vivenda unifamiliar / Portanova / Coeses (Lugo)”.



“A decisión de complementar o corpo orixinal cunha peza actual sen concesións, profundamente meditada e medidas, unida á naturalidade nada afectada do xesto, resulta nun brillante exercicio de arquitectura, discreto e dunha harmonía conmovedora.”

Equipamentos
JOSÉ CARLOS SEOANE GONZÁLEZ CENTRO SOCIAL E DE OCIO BIOSAUDABLE |Eirexa |Oleiros |Ribeira |A CORUÑA



“ O xurado quere subliñar a sensibilidade no uso dos materiais, na exploración do feito construtivo como expresión da arquitectura, reinterpretando formas e materiais e recorrendo a novas técnicas cando se considera oportuno. O traballo coas texturas e a luz é outra das grandes virtudes dun proxecto sensible e de marcado carácter experimental”.

Interiorismo e reforma interior

VILLACÉ Y COMINGES ARQUITECTOS ADAPTACIÓN DE LOCAL PARA ACTIVIDADE DE CAFETERIA |VIGO



O xurado destaca a elegancia dunha intervención sobria e sen artificios, que encontra ocasión para interpretar e matizar o estilo "Art-Decó" do edificio en que se integra, renunciando á autonomía expresiva que habitualmente se dá neste tipo de programas

Arquitecturas efémeras

JORGE GARCÍA ANTA | FERNANDO EIROA LORENZO | FRANCISCO XABIER BARRAL FERNÁNDEZ (estudante de arquitectura) | REBECA EIRAS BOHORQUE (estudante de arquitectura) ORDENACIÓN FESTIVAL DO NORTE 2014 |Varadoiro do Xufre | ILLA DE AROUSA



Nesta obra o xurado estimou a capacidade para modelar un espazo e propoñer diferentes usos e ámbitos utilizando exclusivamente módulos de palés de madeira. Tamén o acerto á hora de extraer posibilidades expresivas, ao facelos traballar como peche a xeito de celosía, ao compoñer estruturas de certa dimensión e ao incorporar elementos referenciais e de sinalización.

Baixo custo

CASTROFERRO ARQUITECTOS EL REFUGIO | VILABOA



A reflexión sobre o hábitat mínimo convértese neste caso na elaboración dunha peza precisa e optimista, concibida para un proceso de prefabricación industrial, formalmente contida e versátil no uso e a localización, e que o xurado considerou como moi interesante. O acertado uso dos materiais e o esmerado deseño das pezas que o compoñen, contrasta co carácter xenérico e frío que pode chegar a presentar a construción seriada.


Divulgación e investigación

RUBÉN ULLOA MONTES | LUIS SANTALLA | ALBERTO FORTES | JUAN MIGUEL SALGADO | DARIO VALLINA | ADRIÁN CAPELO | IAGO VALVERDE | OMAR RODRÍGUEZ | ESTEBAN VIGO | MIGUEL PICADO | IAGO CASABIEL
ARQUITECTURADEGALICIA.EU |PÁXINA WEB | GALICIA



Asumindo a eficacia da ferramenta web como vehículo para a divulgación e o coñecemento, o xurado decidiu premiar a arquitecturadegalicia.eu destacando a súa claridade expositiva, o seu carácter aberto e o esforzo na presentación e actualización dos contidos. Unha iniciativa loable para tomar conciencia e dar a coñecer a arquitectura galega dentro e fóra do noso país.

Proxecto fin de carreira

PABLO LÓPEZ PROL ESTADIO OLÍMPICO NA RIBEIRA DO MANZANARES | MADRID



O xurado destaca a solvencia demostrada polo autor ao asumir un proxecto de escala tan complexo como o dun estadio, o esforzo de integración paisaxística e de rexeneración do ámbito fluvial.