O camiño vai polo xardín

A estrea do CDG de Xardín suspenso supón un novo avance na colaboración co teatro portugués

O Centro Dramático Galego estrea mañá, 13 de marzo, a súa primeira produción de 2015. Xardín suspenso, dirixido por Cándido Pazó, supón a cristalización dun longo traballo de achegamento ao teatro lusófono. Un texto de Abel Neves premiado en Portugal e en Brasil convida a reflexionar sobre o amor, o absurdo e a inacción sobre o fondo dun contorno aparentemente baleiro e calmo.

Lucía decide deixar de comer e deixarse morrer cando o seu irmán adoptivo, Mateo, anuncia que vai casar e marchar da casa. Detrás desa decisión, a ruptura da promesa da infancia de estaren sempre xuntos. O conflito que a decisión da protagonista desencadea no seo da súa familia e a propia dificultade desta para se enfrontar á situación marcan a narración de Xardín suspenso. Co desamor como eixe do argumento, a incomunicación, o absurdo e os problemas familiares entrecrúzanse nunha obra sobria na que a escenografía e o traballo actoral posúen unha importancia fundamental.

Montaxe
Cándido Pazó dirixe unha montaxe para a que tamén adaptou, en colaboración con Manuel Guede, o texto orixinal portugués de Abel Neves. Canda a el, unicamente seis actores dan corpo á historia. Melania Cruz e Santi Romay interpretan os irmáns protagonistas, César Cambeiro e Ana Santos fan de pais e Rocío González actúa como moza do irmán. Luísa Merelas, no seu papel de avoa, pon o contrapunto de comprensión nun conflito enquistado.

Traxedia e absurdo
Segundo explicou Cándido Pazó na presentación do proxecto, "unha frase que se repite ao longo da obra e que pode servir para explicala é "Isto non pode estar pasando". O argumento amosa como comeza a se tecer unha traxedia por non acometer os problemas de xeito decidido, e no canto, tentar ignoralos". Deste xeito, para o director estamos ante un texto "no que se roza o absurdo, no que algo que non debería chegar a pasar, pasa". Como referentes posibles para Neves, apunta que "parecería que o autor pediu a colaboración dun Racine, un Chekhov e un Ionesco para, sen que a orde dos factores altere o produto, desconcertarnos, emocionarnos, divertirnos, sacudirnos ou estremecernos". De cara ao público, Pazó advirte que "máis do que emocionar en si, que o consegue, a obra busca conmocionar, que a xente saia sen saber moi ben qué pensar e continúe dándolle voltas ao que aconteceu no escenario".

A complexidade do sinxelo
A escenografía posúe unha importancia fundamental na obra, que transcorre no jardín zen que a protagonista construíu. "Trátase dun xardín que semella sobrio, pero que acaba por resultar exuberante grazas á iluminación de Alfonso Castro e do vestiario", que ao igual que o escenario, foi construído por Carlos Alonso, segundo explica o director. O blog que ao CDG lle dedica á obra explica algunha das complicación que agocha unha escenografía en apariencia sinxela. "A verdadeira dificultade estaba na area, non só pola complicación técnica do seu transporte senón tamén porque estas pequenas partículas de rocha manchan e soltan moito po. Despois de moitas pescudas, localizouse un tipo de area nunhas canteiras de Verín que, sometida a un proceso de lavado, resultou máis limpa". Encol do vestiario, desde do CDG advirten que algunhas das pezas que se empregan fan parte do propio fondo de armario de Alonso. "Basicamente, son prendas contemporáneas, que reflicten a clase social alta e culta á que pertencen os personaxes. Pero iso si, teatralizadas en composicións de cor, ton e volumes", explican no blog.

A xira
A obra, que chega ao escenario por vez primeira no Salón Teatro de Compostela este trece de marzo, poderá verse na capital galega ata o vindeiro día 29. O tour continuará despois por Narón (11 de abril), O Barco (17), A Estrada (24), Pontevedra (29), Vigo (seis de maio) e posterioremente por Tui, Rianxo, Ourense e A coruña. A xira rematará coa presentación da montaxe en Lisboa, onde a produción do Centro Dramático poderá verse entre o 28 e o 31 de maio no Teatro Dona María II.

Alén do xardín
Para alén dos seus demostrados méritos dramáticos, Xardín suspenso posúe unha especial importancia na historia do Centro Dramático Galego por ser a primeira montaxe que se desenvolve como parte do programa de colaboración con teatros lusófonos. Anunciada por Manuel Guede como un dos eixes da súa dirección, esta liña de traballo está a se consolidar nos últimos anos, e no marco da mesma se sitúa esta produción. A montaxe seleccionada foi a gañadora do Prémio Luso-Brasileiro de Dramaturgia António José da Silva, e chega dun autor unanimemente recoñecido como un dos principais expoñentes do actual teatro de Alén Miño.

O intercambio
En concreto, e segundo expresou Manuel Guede, director do Centro, "Hai dous anos", a coincidir co comezo do seu actual mandato, "comezou o diálogo co Teatro Nacional Dona María II de Lisboa a buscar novas vías para procurar mecanismos de intercambios de dramaturgos". Para iniciar este proceso, os responsables das entidades involucradas apostaron por "representacións de autores cun nivel incontestable", e por obras "que estaban xa canonizadas nos seus respectivos sistemas". Así, Saxo Tenor fora xa premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais mentres o texto de Neves se fixera co máis relevante premio dramático da lusofonía. Para completar a posta en escena en Galicia, Guede apostou por Pazó, "que foi xa director do primeiro achegamento do CDG á dramaturxia portuguesa con Nau de amores de Gil Vicente, e que posúe un longuísimo percorrido de diálogo coa lusofonía". Un percorrido que inclúe, entre outros méritos, ter sido profesor durante varios anos na Escola de Músicas e das Artes do Espectáculo do Porto.

Compañía mixta
No marco destas colaboracións desenvólvese tamén o ciclo Troco x Troco, que achega compañías galegas a portugal e á inversa, proxectos lusos a Galicia, "cun grande éxito de público", segundo apuntou Guede. Logo da estrea de mañá, o traballo de intercambio coa escena portuguesa continúa. A primeira cita será a escenificación de Sax Tenor en Lisboa, da man de José Martins no Teatro Nacional Dona María II. De cara a xuño, Guede adianta unha nova proposta mixta. "Está en proceso de formación unha compañía con alumnos da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo e mais da Escola de Músicas e das Artes do Espectáculo do Porto, que agardamos presentar en xuño", cun espectáculo titulado Bilingüe "non por cuestións lingüísticas", aclarou o director do CDG. E o camiño continuará.
Dosier de Xardín Suspenso.
Claves de Xardín suspenso.