Dez anos encantados

Galicia Encantada cumpre dez anos como un referente da nosa literatura oral

Ilustración de Noemí López para <i>Galicia Encantada</i>
Ilustración de Noemí López para Galicia Encantada
Seres míticos, historias sobre topónimos, xogos ou lendas urbanas. O web Galicia Encantada acaba de facer, pasado 5 de marzo, unha década a compilar os máis variados exemplos da nosa literatura oral na rede. Un proxecto único nado da man de Antonio Reigosa que busca garantir a transmisión de historias condenadas doutro xeito ao esquecemento.

Cando hai unha década botaba a andar o portal Galicia Encantada, o seu responsable, Antonio Reigosa, non pensaba que puidese dar no que deu. "A verdade é que eu cría que podía ter certo futuro, pero non chegar a imaxinar que fose o que é. A idea era buscar novos xeito de transmisión para a literatura de tradición oral". Daquela, segundo asegura, "parecíame que a rede, que non era o mesmo que é hoxe, podía chegar de xeito particular á xente máis nova, e a idea era buscar a transmisión deste patrimonio por esa vía". Unha década depois, e a ollar as dimensións que acadou o proxecto, Reigosa recoñece que "durante os primeiros catro ou cinco anos levaba a conta de cantos artigos publicabamos, pero a partir de determinado momento deixei de o facer. Porque nalgúns casos dinme conta que era máis interesante fundir determinados textos, que achegaban unha visión máis completa sobre un tema. Ao mellor podemos falar de máis de tres mil entradas, pero a verdade é que non o sei", apunta.

Colaboracións
A colaboración dos lectores revelouse como fundamental para o desenvolvemento do web neste tempo. Para o coordinador do proxecto, ademais, facilitou unha maior pluralidade de visións. "Sempre que se recolle un documento hai unha alteración, unha deturpación, e se ademais só hai un intermediario único, acabáselle dando unha orientación a ese material. Entón o ideal é que os transmisores ou intermediarios próximos a eles poñan ese patrimonio en circulación, e nese sentido a participación colectiva en Galicia Encantada evita tamén determinados nesgos". Neste sentido, o proxecto contou ao longo deste tempo con achegas dunhas 150 persoas, que van desde aquelas que enviaron unha única historia ata outras que participan habitualmente como Xabier Moure. Como a amosar a importancia que poden chegar a ter estas contribucións, Reigosa lembra as historias que un neto dun galego emigrado en Arxentina lle enviou hai xa varios anos. "Mandoume varias lendas que lle contara o seu avó de San Amaro en Ourense, unha aldea na que xa non vive ninguén desde hai anos. Así, desde emigración chegounos un patrimonio que doutro xeito non podería conservarse".

O libro
Como principal conmemoración do aniversario, acaba de saír publicado da man de Xerais Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías . O proxecto escolma un cento dos contos que se poden atopar na rede. "Con este formato queremos chegar a públicos que poden non estar afeitos a empregar Internet", explica. A selección de historias pretende representar os diferentes elementos que están no web. "Hai relatos da maioría das seccións", desde lendas tradicionais a urbanas, •e téntase tamén achegar textos recollidos en diferentes lugares da xeografía". Desta escolla, aproximadamente a metade corresponde aos colaboradores que participan de xeito voluntario no proxecto.

Novidades
Canda a isto, o portal conta cunha nova sección, Aulas do imaxinario que busca achegar materiais específicos pensados para o seu emprego nos centros de ensino. "Permite integrar directamente traballos escolares ou de investigación no web mediante un formulario. Acéptase calquera formato e permite intervir directamente no web". Ademais, un novo mapa permite localizar os lugares nos que se recollen as narracións. E é que Galicia Encantada está a servir para moito máis que para deixar constancia deste patrimonio inmaterial, e fíxose unha ferramenta fundamental para educadores e investigadores. "Todo o mundo que está relacionado coa tradición oral coñece a páxina e moita xente emprégaa para consultas. Xa aparece na bibliografía de diferentes traballos,investigadores portugueses emprégana para atopar paralelos ás tradicións que coñecen no norte do país. Tamén chegan artigos e colaboracións de xente de León, Asturias ou Zamora que amosan que culturalmente somos o mesmo". De feito, o portal conta cunha sección, chamada Veciñanzas dedicada a recolle contribucións de zonas próximas ao noso país. No entanto, segundo recoñece Reigosa, "a maior alegría para min é saber do uso regular e frecuente no ámbito escolar dos contidos do web. Aínda que sexa a través do profesor, deste xeito cúmprese o obxectivo de que este material chegue á xente nova".

Proxectos
De cara o ao futuro, e canda a ese obxectivo de favorecer a difusión destes contidos entre a mocidade e no ámbito escolar, Galicia Encantada prevé fundamentalmente "seguir facendo arquivo". Un ámbito no que, segundo sinala o coordinador deste proxecto, aínda é posible atopar novidades. "Un pensa que cos anos vai sabendo algo da estrutura sobre a que se constrúe a cultura popular, pero sempre aparecen sorpresas, variantes que non se agardan". Aínda recentemente o proxecto incorporou a historia do rito de curación cun alicornio, que un informante recolleu directamente dunha muller que aínda hoxe o realiza e emprega este amuleto. "Ao comezo ela non quería divulgalo, e non o publicamos, pero logo deu permiso, e agora temos unha entrada, con foto e todo, na que se recolle este material", explica Reigosa. Canda a incrementar o material, a idea é “traballar máis a interpretación deste patrimonio, achegar artigos ou visións de especialistas, na liña da revista que publicamos en rede”.