Contar máis do que ovellas

As iniciativas de seguimento achegan unha información fundamental sobre a nosa fauna

Montaxe con varias capturas de fototrampeo. Fonte: GEAS
Montaxe con varias capturas de fototrampeo. Fonte: GEAS
Transformar un paseo ou un traxecto habituais en xeitos de protexer o noso patrimonio natural. Esta é mais ou menos a proposta que achegan os grupos que se dedican ao seguimento de animais no noso país. Un traballo de ciencia social que se revela como fundamental para coñecer a situación de moitas especies e verificar o estado do noso medio.

O pasado 31 de xaneiro a Casa das Insuas de Rábade, un espazo dedicado á educación ambiental e sede da Asociación Galega de Custodia do Territorio, acollía o encontro Os inventarios colectivos de mamíferos en Galicia, unha cita que puxo en común o traballo de diferentes proxectos dedicados a contabilizar a presenza deste tipo de animais no noso contorno. Persoas que se dedican a investigar a situación de micromamíferos, carnívoros medianos, morcegos ou lontras debateron a situación dunhas actividades que suscitan o interese de biólogos pero tamén de persoas que simplemente queren coñecer mellor o espazo que lles rodea.

A importancia do voluntariado
Algo que pode resultar curioso é que este tipo de propostas sexan as principais fontes que existen para coñecer a evolución das poboacións de animais, e non só mamíferos, en toda a Península. Segundo explica Martín Pérez, membro do Grupo de Estudos de Animais Salvaxes (GEAS) e un dos coordinadores de varias destas actividades, "as fontes bibliográficas que existen están moi desactualizadas. Trátase de Atlas que recollen unicamente a presenza ou a ausencia dunha especie, e están moi influenciados polo feito de haber xente que traballe sobre unha zona determinada", explica Pérez. Así por Exemplo, o último Atlas de Vertebrados de Galicia, aínda que publicado no 95, inclúe como datos máis recentes os de 1982. Así pois, este tipo de accións resultan fundamentais á hora de elaborar estudos científicos e tamén "para poder esixirlle medidas de protección á administración pública se son necesarias". Na actualidade, "a maior parte deste traballo faise da man de voluntarios, aínda que lle correspondería á administración. De feito noutros lugares estas iniciativas contan con subsidios que aquí hai anos que non existen". Desde 2013 existe no noso país unha Rede de Seguimento de Especies Ameazadas conformadas por Sustinea, o Grupo de Estudos de Animais Salvaxes (GEAS) e mais a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA).

A utilidade de contar animais
Os seguimentos permiten coñecer máis polo miúdo "qué especies hai en Galicia e ver como evolúen no tempo, especialmente en ambientes afectados pola poboación humana". Para alén da importancia que poidan ter os animais en si, Pérez advirte da súa capacidade de nos alertar sobre a calidade ambiental dun territorio. "En moito casos actúan como indicadores. A presenza ou ausencia de determinadas especies pode amosar problemas ambientais". A diminución na poboación do raposo, ou a desaparición de determinadas aves, por exemplo, poden dicirnos moito sobre se un contorno está a se degradar.

Carnívoros
No caso concreto dos mamíferos, a variedade de especies que se engloban baixo a etiqueta fai que non sexa sinxelo traballar este ámbito. "Hainos desde os que viven debaixo da terra ata os que son voadores, como os morcegos", lembra Pérez. Isto esixe toda unha variedade de protocolos adaptados a diferentes tipos de animais. Así, por exemplo, no caso do seguimento que fai GEAS dos carnívoros medianos, a súa presenza e densidade coñécese por métodos indirectos. "Fanse traxectos de indicios nos que se ollan as pegadas, os excrementos, e outros rastros como pelos". Ademais "colócanse tamén cámaras de fototrampeo en zonas próximas, cebadas con atraentes de olor para que se acheguen" o que permite obter imaxes de diferentes exemplares e especies. Cada un destes percorridos desenvólvense cando menos unha vez cada estación para ver as variacións nas poboacións. Segundo advirte Pérez, "segundo as especies hai métodos que funcionan mellor que outros. Así, a algaria ou xeneta deixa menos rastros de excremento pero aparece máis a miúdo nas cámaras. Con outros animais pasa o contrario".

Micromamíferos
No caso dos micromamíferos, pola contra, trabállase en parcelas concretas, nas cales se sitúan trampas nas que estes animais quedan atrapados, sen sufrir dano e provistos de alimento. "Supón un maior esforzo, porque hai que pasar todos os días para evitar que morran. Póñense as trampas dun determinado xeito e separadas entre si, e vanse revisar durante tres días antes de as retirar", explica este investigador. Os animais atrapados pésanse e mídense, pónselles un pequeno crotal para os identificar en caso de futuras recapturas e logo sóltanse.

Colaboracións
Malia a que desenvolver un traballo como este pode semellar tarefa de especialistas, Pérez advirte que "nestas redes pode colaborar calquera", aínda que recoñece que cómpre unha mínima formación. "O máis recomendable é pórse en contacto coas asociacións que xa están a traballar e se apuntar ás actividades, que son sempre abertas". Recoñece que técnicas como o trampeo para micromamíferos teñen certa complicación, mentres outros protocolos "pódense facer por gusto, simplemente dando un paseo e buscando rastros. Son uns coñecementos relativamente sinxelos de adquirir pero é recomendalo obtelos sobre o campo con alguén que saiba". Para alén da participación individual, desde a rede lémbrase que tamén se pode colaborar a nivel grupos. "Mesmo institutos ou asociacións de veciños poden integrarse na rede e facer unha estación de seguimento. Nós podemos facilitarlles os protocolos e indicacións ou acompañalos nas primeiras saídas".

Animais atropelados
Outro xeito curioso e relativamente sinxelo de participar na investigación sobre os mamíferos que poboan o país é participar na Rede Ibérica de Seguimento de Fauna Atropelada. Como o seu propio nome indica esta iniciativa, que conta tamén cunha importante participación galega, pretende tirar coñecemento dos cadáveres de animais vítimas de accidentes de tráfico que fican polas vías. Desta volta, o traballo é do máis sinxelo e céntrase en localizar, mediante unha aplicación para móbil, os lugares nos que aparecen os restos. "Non cómpre sequera identificar a nivel de especie, a verdade é que se sacrifica algo o rigor en aras da participación. Simplemente hai que descargar a aplicación e estar atentos. Non cómpre facer rutas aposta, trátase de aproveitar os desprazamentos habituais, cun percorrido ao mes abonda", explica Pérez. O que si advirten é que en ningún caso se debe manipular o teléfono móbil mentres se está a conducir, polo recomendan ou ben parar, ou mellor contar cun copiloto que desenvolva esta tarefa.

O que din os atropelos
Aínda que a priori poden semellar uns datos de utilidade relativa, desde a Rede aseguran que "agardamos que a medio ou longo prazo nos digan bastante cousas. Por exemplo, permitirá detectar puntos negros de atropelos de fauna e ver por qué, que en que tipo de estrada e de hábitat se dan". Ademais, pode achegar valiosos datos sobre a distribución de determinadas especies. "A primeira pegada da aparente expansión do meloncillo cara ao norte da Península foi un atropelo en Valladolid, onde non estaba rexistrada a súa presenza. Do mesmo xeito, a aparición de lobos atropelados no sur tamén pode indicar a ocupación dunha área maior pola especie". Segundo apunta Pérez, pola experiencia destes voluntarios "boa parte dos accidentes danse logo de curvas e nas proximidades aos accesos a autovías e autoestradas, por onde entran os animais e logo non atopan como saír". Á información recollida polos voluntarios, a Rede pretende engadir datos da Administración e das compañías de seguros.

Descubertas
Xa desde a perspectiva dos participantes, estas actividades achegan un maior coñecemento do medio que non exclúe sorpresas. Así, desde GEAS apuntan que "a moita xente sorpréndelle descubrir a cantidade de animais que conviven relativamente preto do ser humano. E falamos de especies como o teixugo ou o gato bravo, que de certo habían escoller espazos menos estresantes para vivir pero non teñen onde elixir". Canda a isto, apuntan que as imaxes de fototrampeo son tamén algo que chama moito a atención de público e de colaboradores. Dentro de datos destacados que saíron destes proxectos, Pérez destaca que no marco do inventario estatal sobre lontras descubriuse o que semella ser unha certa expansión desta especie aínda vulnerable. "Descubriuse unha peculiaridade da especie que só se dá en Galicia e Asturias a nivel europeo. Nestes lugares existen as únicas comunidades de lontra que, sen seren lontras mariñas, viven e pescan no mar parte do seu tempo".

Ampliacións
Se ata o momento non hai moitos grupos que se dediquen a estes labores no país, o encontro que se celebrou na Casa das Insuas de Rábade semella abrir unha nova época para estas actividades. Así desde a Rede Galega de Seguimento de Fauna pretenden abrir novas estacións pola xeografía e publicar os datos que levan xa anos a recoller. Na actualidade o interese por facer seguimentos deste tipo está e plena expansión, e aproveita as posibilidades que achegan a rede e as novas tecnoloxías. "Desde GEAS levamos anos a traballar a nivel local. Agora en colaboración con ADEGA e con Sustinea estamos a desenvolver esta rede de seguimentos", lembra Pérez. A rede acaba de abrir o seu propio espazo no web e, a partir deste recente encontro, prepara novas iniciativas de investigación e de divulgación dos seus datos. Así, agárdase que en breve o web Biodiversidade.eu acolla este material e se sume ao xa publicado en liña no Atlas de Mamíferos e mais no web Morcegos de Galicia.

Por suposto, o seguimento de mamíferos non é o único traballo deste tipo que se desenvolve no país. Colectivos como CEMMA levan desde hai tempo atendendo á situación dos mamíferos mariños nas nosas costas, e grupos de ornitoloxía achegan importantes datos sobre a situación das aves no país. Tamén hai propostas de seguimento doutras especies como teixugos ou caracois e lesmas. A estes súmanse aínda outras iniciativas cidadás de protección do medio como son as propostas de custodia do territorio. Ou sexa que os interesados teñen onde escoller para saber máis do seu contorno e contribuír ao protexer.