As xoias do tesouro dos Gil

Dous especialistas comentan as principais pezas do legado de Álvaro Gil que retornou ao Museo de Lugo

Sala 8 do Museo de Lugo, coa colección Álvaro Gil. Fonte de todas as imaxes Museo Provincial de Lugo.
Sala 8 do Museo de Lugo, coa colección Álvaro Gil. Fonte de todas as imaxes Museo Provincial de Lugo.
Logo de quince anos de litixios, a pasada semana o Museo de Lugo recuperou para os seus fondos a colección de ourivería prerromada de Álvaro Gil. Un investimento de 2.346.200 euros por parte da Deputación lucense permitiu que a familia do filántropo lugués cedese en propiedade a este centro as corenta pezas que se atopan en proceso de declaración como Ben de Interese Cultural. A Sala 8 do Museo presenta agora de volta este legado, único no país. Dous especialistas no tema repasan para nós as principais pezas da colección e explícannos a súa importancia.

Corenta pezas, na súa inmensa maioría de ouro, compoñen a que sen dúbida é a principal colección de ourivería castrexa que existe en Galicia. Pezas emblemáticas, como o torques de Burela ou o Carneiro Alado de Ribadeo fan parte deste conxunto. No entanto, non todo o público é consciente da importancia que teñen moitos dos elementos que se poden ver no Museo de Lugo.

Segundo explica Aurelia Balseiro, museóloga e directora do Museo Provincial de Lugo, "coa volta da colección de D. Álvaro Gil Varela, a sala de ourivería antiga desta institución contén en total cincuenta e dous exemplos do traballo do ouro (incluíndo tamén dous exemplares de prata) datados entre a Idade do Bronce ata a cultura galaico-romana e incluso bárbara por mor de dúas pezas de influencia xermánica". Ao seu ver "as xoias máis importantes do conxunto adscríbense á época prerromana aínda que tendo en conta a súa gran pervivencia temporal e a descontextualización dos achados, as cronoloxías non poden ser exactas".

Encol da importancia do conxunto a directora establece que "podemos valorar a colección como unha das máis importantes da península Ibérica sobre todo no que atinxe ao seu Nororeste, tanto pola súa variedade tipolóxica, cronolóxica, técnica e/ou simbólica. Así, cualitativa e cuantitativamente o Museo Provincial de Lugo amosa unha colección que nos axuda a comprender e apreciar o noso patrimonio cultural a través de obxectos da cultura material de sociedades pretéritas que son algo máis que xoias: testemuños a través dos cales interpretamos e contextualizamos sobre todo o noso pasado pre e protohistórico".

As xoias segundo Xosé-Lois Armada e Óscar García Vuelta
Xosé-Lois Armada, investigador contratado ó abeiro do programa europeo IEF Marie Curie no Institute of Archaeology, University College London e mais Óscar García Vuelta, experto en ourivería castrexa e responsable técnico do Laboratorio de Microscopía Electrónica e Microanálise (MICROLAB) do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC (Madrid), repasaron para nós este conxunto e seleccionaron as que, ao seu ver, son as pezas máis representativas. Estes dous investigadores colaboran desde hai anos en proxectos e publicacións conxuntas sobre ourivería castrexa e metalurxia do Noroeste peninsular. Agora, explican para nós a feitura e mais as circunstancias do descubrimento dunha seleccións destas xoias, incluíndo os misterios que rodean a figura do famoso Carneiro.
Velaquí as súas explicacións.

Lámina de tiras de Monte dos Mouros (I)




Seleccionamos esta peza como unha mostra das producións antigas ou precastrexas -é dicir, datables no Calcolítico e naIdade do Bronce- que integran a colección Gil Varela. Trátase dunha das dúas láminas de tiras -habitualmente interpretadas como "gargantillas"- que integran o coñecido como conxunto de Monte dos Mouros, procedente de San Martiño de Oleiros, no concello de Toques.

Esta peza, de forma curva e aberta, elaborouse a partir dunha lámina rectangular de ouro obtida mediante martelado e batido. Na zona central practicáronse unha serie de curtes a cicel que deron lugar a 14 finas tiras lonxitudinais. Os extremos presentan unha decoración a base de puntos obtidos cun punzón dende o reverso, mentres que o peche realizaríase ó retroceso dobrando os bordes en pestanas. Tanto a decoración en tiras como o sistema de peche contan con paralelos noutras pezas áureas da fachada atlántica datables no Calcolítico e Bronce Antigo. A outra gargantilla, en cambio, presenta un sistema de peche diferente.

As pezas apareceron de forma casual en 1887 ou comezos de 1888, no curso de traballos agrícolas, e foron empregadas nun primeiro momento como estribos de cabalgadura. Ricardo Blanco-Cicerón adquiriunas posteriormente en Santiago de Compostela, sendo mercadas anos despois da súa morte –como o resto da súa colección de ourivería galega pre e protohistórica- por Álvaro Gil Varela. Existe unha certa confusión historiográfica respecto á composición orixinal deste achado, ó que diversos autores engaden unha pulseira de ouro. Sen embargo, coincidimos con Beatriz Comendador en que resulta prudente considerar a pulseira como non pertencente ó conxunto.

Torques de Burela




Este exemplar é unha das principais iconas da ourivería castrexa. Aínda que conta con diversos paralelos formais –integrándose tipoloxicamente dentro do grupo "Astur-Nordcalaico" definido por Luís Monteagudo- é único até o momento polo seu gran tamaño (ca. 21 cm. de diámetro) e o seu elevado peso (ca. 1812 gr.), calidades que teñen servido para atribuírlle un posible uso ritual ou simbólico. O torques, elaborado cun ouro de gran pureza, incorpora un aro macizo en forma de "C"obtido a partir dunha barra de sección circular que acada un grosor máximo de 1,8 cm. na parte central, adelgazando lixeiramente cara os extremos. Como é habitual en moitos torques castrexos, o aro incorpora elementos ornamentais engadidos que diferencian os terzos laterais da súa zona central. Así, os laterais da barra, previamente traballados a martelo,recubríronse con tramos de arame enrolado de sección plano-convexa, asegurados con puntos de soldadura. O tramo central do aro decorouse na súa maior parte con filigrana, cunha composición de seis bandas paralelas de meandros entrelazados separadas entre si por fíos de superficie lisa. Na parte orientada ó interior mantívose unha zona en reserva, na que se atopa unha marca en forma de X con pequenas postas en resalte, elaborada a punzón, que se ten interpretado como unha marca de propiedade ou taller. Os terminais, ocos, son de dobre escocia e gran tamaño (ca. 7 cm. de lonxitude e 6,5 cm. de diámetro máx.). Fabricáronse mediante a soldadura de catro elementos independentes e uníronse ó aro coa mesma técnica. Amosan pequenas perforacións triangulares na parte posterior, que foron realizadas para facilitar a evacuación dos gases producidos durante os procesos de unión.
Foi descuberto casualmente no curso de labores agrícolas e vendido a un xoieiro polos seus descubridores antes de ingresar na colección Gil Varela. Tradicionalmente a súa procedencia situouse no lugar de Chao de Castro, pero tras novas informacións precisouse en datas máis recentes no lugar de Castrillós / Burelés de Castrillós, en torno ós anos 1950-51. A colección Gil Varela conta cunha arracada de ouro tamén procedente de Burela e descuberta casualmente na primeira metade dos anos 50.

Torques de prata de Mondoñedo




Este exemplar forma parte do aínda reducido grupo de torques de prata dados a coñecer até a data no Noroeste. Pola súa tipoloxía, considerouse unha peza allea ó ámbito castrexo, con claros paralelos formais na área celtibérica, aínda que no Museo Arqueolóxico Nacional (MAN) consérvase outro exemplar lucense de ouro, con características formais e ornamentais semellantes.

A peza inclúe un aro de estrutura sogueada na parte central, fabricada a partir de dúas barras e un fino arame torsionado. As barras, de sección plano-convexa, trabállaronse por deformación plástica, formando tres bucles ornamentais con forma de "8" dispostos a intervalos regulares. Os tramos que forman os extremos do aro, de superficie lisa, incorporan pequenos terminais piriformes moldurados, dobrados cara o exterior. Estes tramos puideron fabricarse a partir dos elementos que conforman a parte central do aro, se ben non descartamos que fosen fundidos independentemente, uníndose á peza mediante procedementos térmicos.

Segundo as primeiras referencias, achegadas por Villaamil y Castro, esta peza, que pertenceu á colección Blanco Cicerón, foi descuberta nas proximidades de Mondoñedo. López Cuevillas precisou a data do seu achado en torno a 1884, posiblemente nas inmediacións do Coto da Recadieira (parroquia de Os Remedios), onde se atopa un castro no que se localizaron outros obxectos de ouro, entre eles varios torques a finais do século XIX (dous deles tamén forman parte desta colección) ou unha torta de fundición nos anos 80 do século XX (tamén no Museo Provincial de Lugo). Lamentablemente, o xacemento carece dun estudo arqueolóxico sistemático.

Arracadas de Valiña/Masma (Mondoñedo)




Dúas arracadas penanulares incompletas e deterioradas, cun sistema de suspensión mediante tubos enfrontados. Corresponden a un tipo ben representado en Galicia, con achados en castros como os de Recouso, Bretoña ou Viladonga. A súa estrutura evidencia o alto nivel técnico da ourivería castrexa. O corpo destas pezas forma unha caixa pechada cunha lámina de base no seu ecuador, sobre a que se dispoñen tabiques interiores de reforzo e os tabiques laterais. Os planos das pezas pecháronse con cubertas laminares unha vez enchido o seu interior cun material de recheo -posiblemente carbón ou cinza mesturados cun aglutinante- destinado a darlle solidez ó obxecto. A profusa ornamentación, elaborada principalmente con filigrana e granulado, oculta toda esta estrutura. Os planos laterais decoráronse con dobres filas de gránulos en disposición concéntrica, discutíndose aínda a técnica de fabricación (granulado/falso granulado)destas series. A decoración dos bordes internos e externos varía. Unha das pezas incorpora una dobre fileira de gránulos con disposición de "dentes de serra" no borde interior, e series de triángulos de gránulos enfrontados no exterior. O segundo exemplar, que carece do borde interior, presenta no exterior unha serie de fíos torsionados dispostos en espiga e soldados en paralelo. Os tubos de suspensión, situados nos extremos do corpo, soldáronse sobre as paredes laterais, disimulándose a zona de unión mediante granulado. Como sucede noutras pezas deste grupo, apréciase un forte desgaste de toda a superficie, aparentemente intencionado.

Segundo Villaamil y Castro formaron parte dun conxunto descuberto por unha campesiña en xaneiro de 1873 nun camiño do Monte do Lago, nun punto próximo ó lugar de A Valiña, "junto al castro de Masma", ó que pertenceron tamén tres torques e dúas pezas laminares caladas de revestimento, de ouro. A poucos metros localizouse tamén unha vasilla de barro contendo obxectos de bronce (entre eles unha fíbula), "cuentas de cristal" e un anel de ouro. Tras avatares descoñecidos, parte dos materiais chegaron a pertencer a Villaamil y Castro. Posteriormente ingresaron na colección Blanco Cicerón, adquirida despois por Álvaro Gil Varela. Do conxunto consérvanse, ademais das arracadas, os dous elementos de revestimento e dous fragmentos de aros de torques.

Carneiro alado de Ribadeo



Constitúe un exemplar singular na colección de ourivería de Álvaro Gil Varela, composta basicamente por pezas galegas de época pre e protohistórica. Os primeiros traballos sobre este curioso carneiro alado, a cargo de grandes figuras da arqueoloxía peninsular como Blanco Freijeiro e Maluquer de Motes, atribuíronlle unha cronoloxía protohistórica e influencias fenicio-chipriotas ou gregas, sen descartar que puidese ter sido fabricado no Noroeste, nun taller de orixe ou influencia mediterránea. Sen embargo, varios estudos da década de 1990 amosaron con claridade as súas semellanzas con pezas do ámbito selxúcida datables nos séculos XI-XIII d.C.ou incluso posteriores.

Trátase dun obxecto de ouro, oco e cunhas dimensións duns 6,5 cm de ancho e alto. A práctica totalidade da peza está decorada con motivos en filigrana e granulado. A filigrana a base de fíos torsionados emprégase intensamente para simular as escamas no corpo do animal, que contén asemade decoración de rosetas e zoomorfos cuxo perímetro está feito a base de fíos torsionados mentres que o interior énchese mediante granulado. Gránulos de diverso tamaño empréganse tamén profusamente na decoración de áreas como a cabeza ou os cornos do animal.

Álvaro Gil Varela adquiríuno en Madrid. O achado atribuíuse inicialmente a un dragado efectuado en 1945 na ría de Ribadeo, pero novamente as investigacións posteriores cuestionan dita afirmación. Ó longo do século XX a bibliografía arqueolóxica convertiu a Ribadeo no lugar de achado dalgunhas pezas áureas significativas sen que a posteriori estas atribucións de procedencia puidesen verificarse. É o caso deste carneiro alado ou das diademas con decoración figurada que os traballos das dúas últimas décadas sitúan con argumentos máis convincentes na localidade asturiana de Moñes.
Pezas recollidas na Sala 8 do Museo Provincial de Lugo. Fonte: Museo Provincial de Lugo.