O Premio San Clemente recupera autores na súa XXI edición

Os alumnos dos IES galegos escollerán entre obras de escritores xa galardoados

Autores que xa levaron o premio nalgunha edición e que contan con obra recente compoñen a listaxe de finalistas do XXI Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente. O Instituto de Ensino Secundario Rosalía de Castro de Santiago de Compostela acollía onte a presentación da nova xeira, que como cada ano deixa nas mans dos alumnos de centros de ensino de toda Galicia a elección dos gañadores. Desta volta e como novidade, o xurado contará coa participación dun centro inglés, dun francés e dun alemán.

Os finalistas desta nova XXI edición son A lúa da colleita de Anxos Sumai, A memoria da choiva de Pedro Feijoo e Somnámbulos de Suso de Toro na categoría en galego. En castelán compiten Así empieza lo malo, de Javier Marías, El balcón en invierno de Luis Landero e El impostor, de Javier Cercas, mentres que na categoría internacional os finalistas son Barba Azul de Amélie Nothomb, El testamento de María de Colm Toibin e Expo 58 de Jonathan Coe.

Os resultados do premio daranse a coñecer o vindeiro 28 de maio, mentres o 4 de marzo visitará Compostela Julian Barnes, para recoller o seu premio por Arthur & Georges, libro galardoado na XIV edición.