Unha obra en NY

Un documental escénico reflexiona sobre a emigración e a identidade

Unha montaxe de teatro. Un documental. A vida de galegos de onte e de hoxe emigrados a Nova York. Propostas escénicas multimedia. O proxecto Balor na acción dunha cadeira integra todos estes elementos, e máis. A primeira das primeiras residencias técnicas que acolle o coruñés Teatro Colón explora as posibilidades de empregar o escenario para un proxecto documental e fai parte dunha iniciativa que aínda dará máis de si.

Os vindeiros seis e sete de febreiro, o coruñés Teatro Colón acolle a estrea da primeira obra que se desenvolveu cunha residencia técnica neste espazo. Balor na acción dunha cadeira é a proposta de Artesa Cía, baixo a dirección de Roi Fernández. Un proxecto complexo, que vai moi para alén desta montaxe e que mestura diferentes soportes para achegar ao escenario un documental sobre a emigración galega en Nova York. Segundo explica o director, "en realidade o proxecto naceu hai xa uns anos como un proxecto de filme documental".

Historia dunha consciencia
A historia do seu propio bisavó foi punto de partida da investigación e actúa como fío da obra. "Ninguén sabía moi ben quen fora, quedaran del tres fotografías, un reloxo e un disco que atopei no faiado", explica o director. Canda a isto, "sabía que fixera parte da sociedade que impulsou a Escola Neutra de Sada, que aínda hoxe funciona". A partir destes elementos, Fernández iniciou unha pescuda sobre "aqueles emigrantes que marcharon por motivos económicos pero que na súa experiencia atoparon unha consciencia cultural e actuaron como ponte entre a sociedade de acollida e de partida. Eran fogoneiros e mariñeiros pero viron a necesidade de crear aquí unha escola que non se rexese polos dogmatismos da igrexa da época". Logo de acabar por circunstancias a vivir durante dous anos en Nova York, o director asegura que se sentiu "máis achegado ao personaxe e iso fíxome preguntarme pola súa vida e polos detalles que puideron facer que adquirise esa consciencia".

Amosar o filme ao vivo
A base da obra son "tres actores que reciben a encarga de reconstruír esa historia familiar nun filme. Discuten como o facer, con argumentos que tiramos de discusións reais, e nese debate fanse cuestións básicas sobre o proceso migratorio e a identidade", explica Fernández. A partir de aí desenvolven sobre a escena "ficcións ou hipóteses sobre o que podería ser a vida desa xente, atendendo ás intrahistorias e ás pequenas cousas cotiás que a fan mudar e que non fican recollidas. Son cousas que nos constrúen mesmo sen as coñecer, e queremos que a xente se pregunte por elas".

Crenzas e ciencias
Pola banda argumental, "o punto de partida é algo que se falaba na aldea do meu bisavó, que foi a aparición do cometa Halley en 1910. Foi moi visible, sobre todo en localidades costeiras onde reflectía no mar. Había quen pensaba que era a apocalipse, pero foi tamén a primeira vez que xurdiu un debate científico que refutaba a idea disto como castigo. Penso que para moita xente este feito puido ser tamén un resplandor secreto, que lles amosou que iso era máis do que lles contaban habitualmente". A nivel técnico, o espectáculo conta cunha cámara que coa que se van construíndo planos, unha voz en off que actúa como se fose a narración do filme e, ao tempo, un making of do propio filme que se desenvolve en directo. Canda isto, aparecen proxectadas partes do documental en marcha. "As proxeccións fanse directamente sobre a escenografía, que está formada por baúis e maletas de emigrantes".

Actualidade
Malia á ambientación nos anos 20, Balor na acción dunha cadeira pretende ser un proxecto que fale do día de hoxe. "Ponse en relación coa actualidade, cun fenómeno migratorio masivo que se está a dar agora mesmo e que tamén ha achegar ideas novas". Segundo asegura Roi Fernández, o argumento "está cheo de referentes universais sobre identidade e ideas que van da física cuántica ao sachar na leira. A prioridade era que fose unha peza contemporánea", asegura.

Composición colectiva
O propio xeito de traballo da compañía viuse impulsado pola residencia técnica que desenvolveu no Colón. "Empregamos métodos de composición, xa Laura Villaverde traballou con compañías recoñecidas internacionalmente con este sistema. Nós tentamos facer un filme en directo sobre o escenario, e amosamos todo o proceso espido". Textos de Castelo, Rosalía, Lugrís Freire ou discursos anarcosindicalistas atópanse no seo desta obra. "Collemos de aquí e de alá, e logo os propios actores van manipulando esas pezas nos ensaios, en pequenas improvisacións, e a partir de aí vanse compoñendo as escenas". Nese sentido "contar varias semanas co Colón foi imprescindible para desenvolver a obra", recoñece o director. "Non só polas instalacións, senón tamén polo equipo humano. Ter xente de comunicación, administración ou luces quitounos un labor que habitualmente ocupa o 80% do tempo nunha compañía pequena como a nosa". Así, apunta a idoneidade de continuar con este tipo de residencia e mesmo ampliar a fórmula. "É un modelo que se podería abordar para instalacións públicas que poden estar pouco utilizadas e pode permitirlle ás compañías acadar resultados profesionais e competir non só en Galicia senón alén".

De feito, a intención de Artesa é levar o espectáculo fóra do país, aínda que polo momento non teñen novas datas previstas. De cara ao futuro, "o proxecto posiblemente acabe tamén cunha peza puramente audiovisual", apunta Fernández a remarcar que Balor na acción dunha cadeira non está, nin moito menos, rematada.