Última semana para o cinema

Cinegalicia 25 25 remata no Gaiás a repasar un cuarto de século de audiovisual galego

O vindeiro 8 de febreiro fecha as súas portas Cinegalicia 25, a exposición que, ao longo dos últimos meses, percorreu a historia do cinema galego nos últimos 25 anos. A Cidade da Cultura acolleu este proxecto comisariado por Miguel Anxo Fernández, no que se fai un percorrido por unha etapa fundamental para o desenvolvemento do audiovisual no noso país.

En 1989 estreábanse en Vigo, no marco do evento Cinegalicia, tres filmes pioneiros. Sempre Xonxa, Continental e Urxa abrían unha nova época para o audiovisual galego. Este inverno, a Cidade da Cultura acollía nas súas instalacións do monte Gaiás a iniciativa Cinegalicia 25, unha iniciativa que rememora a evolución de todo un sector audiovisual que se desenvolveu a partir daquelas producións pioneiras.

Evolución
O proxecto, segundo o comisario, pretende “pór en valor ante a sociedade galega” o enorme traballo que supuxo neste tempo erguer todo un sector audiovisual propio. Segundo lembra Jorge Coira no vídeo de presentación da iniciativa “Eu estaba cando se estrearon aquelas películas, e daquela todo o debate era se podiamos falar dun cinema galego, se iso existía. Hoxe en día xa non se discute esa cuestión. O discurso social mudou radicalmente”.

Seccións e contidos
Situada no Museo Centro Gaias ata o vindeiro 8 de febreiro, a mostra estrutúrase en seis seccións Cine galego, 25 pezas máis..., Rodado en Galicia, Ficcións televisivas, Cine de papel e Entornos. No conxunto, poden verse ferramentas como guións, storyboards, deseños, materiais promocionais, fotografías, proxeccións en distintos formatos, libros, folletos, revistas e mesmo obxectos emblemáticos vinculados filmes.

Documental
Ademais da exposición en si, no marco desta iniciativa desenvolveuse tamén o documental A busca da mirada. 25 anos despois. O filme, dirixido por Teo Manuel Abad percorre este período de construción do sector a partir dunha conversa entre Xavier Villaverde, director de Continental, Carlos Piñeiro codirector de Urxa e Uxía Blanco protagonista de Sempre Xonxa. Canda a eles, o proxecto recolle fragmentos de filmes e os testemuños de diferentes actores dese desenvolvemento do audiovisual no noso país.

Proxeccións
En paralelo a isto, o Centro Galego de Artes da Imaxe desenvolveu unha programación especial a percorrer a historia deste ámbito mediante 34 sesións nas que se percorreron producións da época, escolleitas por un comité de especialistas. A iniciativa integrou tamén un ciclo específico dedicado aos pioneiros que se achegaron ao cinema no noso país antes de 1989.

A piques de rematar, é unha boa ocasión para se achegar á Cidade da Cultura e coñecer polo miúdo o xeito no que se desenvolveu un sector que hoxe é fundamental para a nosa cultura.