A base audiovisual

O LAV de Vedra encara a súa oitava edición como un referente para a formación neste sector

Hai xa oito anos, a asociación Senunpeso, en Vedra, iniciaba un proxecto pouco usual arredor da sétima arte. O LAV, un laboratorio audiovisual que reúne afeccionados e profesionais, amosa co seu éxito as posibilidades da formación arredor deste ámbito. O encontro celebra agora unha nova edición a manter o seu obxectivo de achegar ao público os coñecementos para contar historias con imaxes.

O lugar, un concello rural próximo a Compostela, pode semellar pouco axeitado para propostas anovadoras. Os organizadores, unha asociación cultural que "o mesmo podiamos facer isto que a festa local", segundo explica Abelardo Rendo, un dos coordinadores da iniciativa, tampouco son a priori axentes especializados no campo formativo. E, no entanto, desde hai oito anos, o LAV de Vedra está a se consolidar como unha cita fundamental para o audiovisual galego. Neófitos e profesionais coinciden nun encontro no que a formación é o fundamental e que permitiu a moita xente se iniciar no campo da creación con cámaras ademais de dar pé a diferentes proxectos. "En realidade a nosa idea inicial era facermos un festival de cinema en Vedra, que era a moda naquel momento", lembra Rendo. A buscar como diferenciar este encontro doutros similares, saíu a proposta de dedicar un apartado á formación no campo audiovisual. "E ao final esa acabou sendo a parte máis importante. Vimos que a xente o agradecía moito".

Un audiovisual para todos
A oferta formativa do LAV parte de ideas pouco convencionais no campo audiovisual. "Non se trata de competir en prezo, non somos unha academia. A idea é facer obradoiros moi prácticos con profesionais". Ademais, boa parte das propostas céntranse en facilitar o emprego da linguaxe audiovisual por xente común. "Hoxe coa tecnoloxía que hai todo se reduce moito. Con algo de capacidade de traballo e de curiosidade pódense contar cousas, facer reportaxes ou historias para un blog ou unha canle de YouTube". Como parte desta filosofía, desde Senunpeso destacan que "como asociación cremos que temos que camiñar cara aí, ofertarlle á xente que aprenda e que vexa que con poucos recursos se poden facer cousas interesantes, que non se trata só de vivir do audiovisual senón de contar cousas".

Do activismo ao profesional
Nesta liña desenvolvéronse obradoiros como os de Vídeo de Combate, orientados a asociacións e colectivos que buscan explicar as súas mensaxes mediante o audiovisual na rede, ou o dedicado á creación con teléfonos móbiles, centrado en alumnos de ESO. "Por exemplo para os vídeos de combate viñeron moitas ONGs, asociacións ou mesmo profesores que querían adquirir eses coñecementos para os integrar nos seus ámbitos habituais de traballo", lembra Rendo. No entanto, a fidelidade de moitos dos asistentes levou tamén a que, andado o tempo, pasasen de se organizar cursos de iniciación a incluír tamén propostas avanzadas. "Foi unha demanda dos asistentes, e pareceunos que era o noso deber incluír tamén unha oferta que tamén lles facilite aos profesionais aproveitarse das xornadas". Esta variada oferta permite achegarse a este mundo a persoas que non coñecen polo miúdo as posibilidades laborais nesta industria. "Isto facilita que a xente pique un pouco nos diferentes oficios e ao mellor descubra unha vocación que logo pode desenvolver no ensino regrado".

Mesturas e encontros
Deste xeito, no LAV atópase unha heteroxénea mestura de público, que segundo asegura Rendo, resulta un excelente caldo de cultivo creativo. "Créase moi boa relación entre afeccionados, semiprofesionais e profesionais que conviven durante a fin de semana". De feito, non son poucos aqueles profesionais que se achegan a impartir cursos logo de, no seu día, ter sido tamén alumnos do LAV. A organización destaca a boa resposta que atopan dentro do sector. "Todo o mundo coñece o proxecto e sempre atopamos portas abertas nas academias, na universidade ou mesmo nas produtoras, que nos teñen cedido material para facer os obradoiros. Os profesionais galegos son moi xenerosos e apúntanse ao que sexa, sempre que teñan dispoñibilidade". Nani Matos, Alfonso Zarauza, Jorge Coira ou Beatriz Senén son algúns dos nomes coñecidos que se achegaron nun momento ou outros por Vedra. "Créase unha relación moi chula entre alumnos e profesorado que en ocasións dá en novos proxectos. Hai xente que xa se coñece dos diferentes anos".

Amosar
No entanto, o LAV inclúe tamén no seu programa unha mostra audiovisual que permite coñecer os traballos máis recentes que se desenvolven no país. "Convidamos a xente a que presente as súas cousas. Para nós é un aliciente arroupar a xente que en moitos casos pasaron polo encontro como alumnos, sobre todo porque sabemos que non hai moitos espazos de exhibición para o cinema galego". Este ano o programa inclúe propostas como Funes, o inventor da lúa, O labirinto dos soños e A viaxe dos Chévere.

Evolución
O proxecto naceu cunha menor dimensión da actual, "o primeiro ano eran 60 alumnos". Pouco a pouco o proxecto foise ampliando ata chegar, en 2011 a un pico de 20 obradoiros e 240 inscritos. "Saíu todo moi ben, pero quedamos algo saturados. Pensamos que para o manter no tempo temos que adaptar o programa á nosa capacidade de traballo e non nos queimar". Así, nas últimas edicións, o evento céntrase nunha única fin de semana e a oferta de cursos reduciuse. A actual edición segue a liña dos últimos anos, con 11 obradoiros que van desde a maquillaxe de efectos especiais e a dirección de actores ata a montaxe ou a gravación con cámaras réflex. "Sempre tentamos presentar algo distinto e que chame a atención. En xeral buscamos cursos que nos resultarían interesantes a nós mesmos. Este ano, por exemplo, temos un de Arduíno, que é unha placa de hardware libre que permite crear moitos dispositivos electrónicos".

Futuros
Como principal demanda para o futuro, a asociación atópase con que os alumnos reclaman a realización que máis obradoiros cada ano. No entanto para os responsables do LAV o seu grande desafío e conseguir unha maior implicación da veciñanza de Vedra no proxecto. "Cremos que é o debe que nos falta. Ao ser algo de formación e relativamente especializado non ten a repercusión que podería ter un festival máis convencional. Vemos que a xente de Vedra que o coñece, que cada vez é mais, sorpréndese da aceptación que ten, e desde o Concello sempre tivemos apoio, independentemente de quen gobernase". Como un exemplo de colaboración veciñal apunta que "hai varios anos que colaboramos cos pais de sexto do colexio que fan a excursión de fin de curso e ofertan os cafés, bocadillos e comida aos participantes. A moitos deles sóalles o proxecto, pero quedan alucinados cando ven o movemento de xente e de cámaras. Cada vez chegamos a máis xente da zona", aseguran desde a organización. Nesa liña, para Rendo é importante "ampliar a mostra, pero para iso precisariamos de máis xente e poder traballar en dous equipos coordinados, un centrado na formación e outro na mostra". Polo momento, semella que o futuro do proxecto está garantido.