As últimas producións galegas atópanse no programa Augal

Webseries, filmes e un foro fan parte do programa formativo ata o mes de abril

Por cuarto ano, a Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra acolle o ciclo de formación sobre audiovisual Augal. Desta volta, o programa, que se desenvolve entre febreiro e abril, inclúe a proxección de varias producións recentes do noso panorama fílmico, como Encallados, Las altas presiones ou A viaxe de Leslie. Ademais, un apartado dedicado especificamente a webseries amosará os traballos Interfecto, Poetarras e Clases do social. Os responsables dos diferentes proxectos, como Alfonso Zarauza, Marcos Nine, Nerea Sarmiento, Ángel Santos ou David Valero compartirán a súa experiencia cos asistentes, que se poden matricular a partir do 28 de xaneiro. Na última xornada, o martes 21, está previsto que se desenvolva unha conferencia sobre a situación do sector audiovisual a cargo de Antonio Mourelos, presidente da Academia Galega do Audiovisual.