Novos Aires da Terra

Dous proxectos paralelos resucitan o coro pioneiro de Perfecto Feijóo

O pasado 15 de decembro facíanse cen anos da disolución do que está considerado como o primeiro coro tradicional galego. Aires da Terra, nado da man do boticario Perfecto Feijóo marcou un fito fundamental no desenvolvemento da nosa música de raíz e deu pé a múltiples formacións posteriores. A conmemorar este feito, o coro volta aos escenarios. Dúas iniciativas paralelas, da man de Pablo Carpintero e de Suso Vaamonde, recuperan esta formación e reivindican o seu legado.

Dúas propostas paralelas, que se foron desenvolvendo durante anos sen saber unha da outra e que saen ao público agora homenaxean o traballo do coro de pefecto Feijóo. Pablo Carpintero, músico, investigador e luthier, está detrás de O novo Aires da Terra, mentres que Suso Vaamonde, coñecido polo seu traballo en Vaamonde, Lamas e Romero é o principal promotor da formación Aires da Terra. O legado de Feijóo.

A importancia dos aires
"Feijóo foi o primeiro en subir a música tradicional a un escenario, foi o nacemento do folclore en Galicia" resume Carpintero. "Antes ca el, só estaban traballos de recollida como o de Casto Sampedro, isto supuxo un impulso descomunal para a dignificación da tradición". Canda a este logro, outros fitos que se lle poden atribuír ao coro foi o ter feito as primeiras gravacións de zanfona e de gaita que ser realizaron no noso país, ou a propia recreación do traxe tradicional. "Todo o concepto actual de folclore de música, danza e canto, co traxe tradicional, xorde del", coincide Suso Vaamonde. No entanto, para boa parte do grande público a importancia desta formación pioneira non é clara. "Segue sen ter a consideración que merece. Grazas a ese coro creáronse todos os demais e grazas a eles houbo clases de música, danza e canto e se puido coñecer o folclore e logo nacer o folk. Poida que se Feijóo non crease Aires da Terra outro tivese feito outra cousa, pero desde logo o resultado sería diferente", advirte Vaamonde. Encol do legado do coro, Carpintero sinala que "perdurou nas corais históricas, pero como orientación perdeuse logo da guerra e ata o sesenta e pico e ou os setenta".

O centenario
Así, a coincidir cos actos que, ao longo do pasado mes de decembro conmemoraban o centenario da súa disolución,a dúas propostas recuperaron os sons deste achegamento ás nosas músicas. "O proxecto xurdiu sobre todo co motivo de celebrar o centenario", lembra Vaamonde, que presentou o seu proxecto o pasado 13 de decembro nun acto de homenaxe no Museo de Pontevera. Do mesmo xeito, tamén a data foi a escolleita por Carpintero para dar a coñecer o seu proxecto, que se presentou publicamente o pasado 23 de novembro no programa Lume na palleira da Radio Galega e mais o 12 de decembro en Luar. Para o labor de recreación "foron fundamentais o libro Aires da Terra. La poesía musical en Galicia de José Luís Calle e a gravación do coro que publicou Ouvirmos en 2004. Ao ter as partituras e a biografía do coro, ademais do audios e das reproducións das gaitas de Feijóo, pensei que era posible resucitar isto como homenaxe e agasallo", apunta Vaamonde. Carpintero é o responsable da reconstrución das gaitas de Feijóo que soan en ambos os dous proxectos. "Teñen escalas modais, no estilo medieval, e unha construción diferente ás actuais. Están pensadas para tocar por si mesmas e con este fin son máis perfectas que as de hoxe, o que non se pode é afinalas para integralas con outros instrumentos", explica este artesán.

O legado
Así pois, a existencia dunha investigación exhaustiva sobre o traballo da formación, que inclúe programas de man cos contidos das súas actuacións, facilitou enormemente o traballo de recreación. "Con esta documentación pódese ver como se interpretaban as pezas", sinala Vaamonde, ata o punto de que "cando hai unha discrepancia entre a partitura e a gravación optamos pola versión gravada, porque o propio Feijóo dicía que para el as partituras eran simples apuntamentos". A aposta pola fidelidade fai que a súa versión do Aires da Terra interprete unicamente pezas do repertorio da formación orixinal. "Tentamos coller o concepto das súas actuacións. Realizamos tres ou catro temas instrumentais con gaita, tambor e bombo, seis ou sete cantados con esta mesma instrumentación e dúas pandeiradas e cantos de fiada sen gaita", explica. Ademais, o espectáculo que propoñen inclúe tamén unha parella de baile que acompaña a execución das pezas.

Os novos
A aposta de Carpintero pola recreación do proxecto ten como principal obxectivo "pasalo ben. É algo que facemos polo pracer de tocar e cantar dese xeito". A súa experiencia a reconstruír as gaitas de Feijóo, iniciada hai dez anos, animou ao músico a abordar este novo coro. "Pensei que estaría ben facer algo con elas, e hai como dous anos falei con algúns amigos para o reconstruír tamén coas voces". A proposta que encabeza este musicólogo non se limita a reproducir o repertorio do boticario, senón que adapta á formación de coro outras pezas. "Collemos algo do seu repertorio e logo interpretamos cousas que pensamos que lle gustarían a Feijóo, cancións populares que cantamos sen máis. Sabemos que lle gustaban moito os alalás ou as tocatas de gaita". Deste xeito, as dúas formacións coinciden apenas en dúas ou tres pezas de repertorio, segundo asegura Vaamonde. "É tamén unha interpretación diferente do conxunto", explica a sinalar que non existe ningún tipo de competitividade entre as propostas. "Ogallá haxa máis e que a xente poña en valor este formato, que é moi cómodo, práctico, bonito e natural".

Coros e corais
A proposta musical de Aires da Terra, malia a se denominar coro, difería en moito de corais posteriores dedicadas á nosa música popular, como foron De Ruada, Cantigas e Agarimos ou Toxos e Froles. "Hai un abismo de diferenza. O propio Feijóo falaba destas corais como orfeóns, non eran exactamente o que el quería", lembra Carpintero. En Aires da Terra os arranxos limitábanse ao mínimo non había polifonía vocal. "Cantábanse as cousas tal e como se recollían", incide este investigador. Do mesmo xeito Vaamonde explica que "as corais collían temas populares orquestrados, arranxados e harmonizados. Isto é mais un encontro de seis, oito ou dez amigos que cantan ao unísono temas populares.

Futuro
Como vindeiros proxectos dos dous coros, Carpintero apunta que "tivemos un par de presentacións e saímos algo na radio e na televisión. Agora, pasado o centenario, imos seguir a ensaiar e montar cousas novas a seguir o estilo de Feijóo. Polo que estamos a ver, á xente gústalle moito. As cancións son parecidas pero obtense unha sonoridade moi interesante". Do mesmo xeito, Vaamonde apunta que "sorprende, pero a resposta está a ser moi positiva. É curioso ver como evoluíu a sonoridade da gaita nos últimos 120 anos, e como hai pezas que continúan a ser iguais e que fan parte do patrimonio popular aínda vivo".De cara ao futuro, Carpintero baralla a posibilidade de incluír unha sección de voces femininas, do mesmo xeito que fixo o coro orixinal, e non desbota a posibilidade de gravar un disco da formación. Vaamonde, pola súa banda, pretende "continuar coa homenaxe pola sentidades que son os fillos directos deste coro e que aínda están vivas". Toxos e Froles, Cántigas da Terra, De Ruada e Cantigas e Agarimos acollerán nos vindeiro meses diferentes actuacións da refundada formación, que neste caso desbota por principio pasar polo estudo de gravación e quere aproveitar para reivindicar a música ao vivo.