O Centro Dramático Galego recupera as dúas obras que marcaron o inicio do teatro profesional no país

Pioneiros do pano

Hai vintecinco anos o noso teatro deu un estirón. Só cinco anos despois de que comezase a Mostra de Teatro de Ribadavia, a compañía Troula, con “O velorio”, e Antroido, con “Laudamuco, señor de ningures”, lanzábanse en 1978 á aventura de seren as primeiras compañías profesionais de Galicia. Agora, o Centro Dramático Galego recupera as dúas montaxes para lembrar aqueles tempos de pioneiros.

A oportunidade veu en 1978 no colexio La Salle de Santiago de Compostela a través dos ciclos que daquela programaba o Vicerrectorado de Extensión Cultural da Universidade. O dezaseis de maio, e logo de seis meses de ensaio, subía á escena Troula e representaba “O velorio” un texto de Francisco Taxes. A dirección do espectáculo estaba a cargo de Antonio Simón, que lembra que “xa a finais de 1977 Troula fixera unhas declaracións públicas dicindo que comezaba a súa andaina coas miras postas en ser a primeira compañía profesional galega”. O tres de xuño dese mesmo 1978, ocupaba ese mesmo escenario a compañía Antroido, que iniciaba a súa etapa profesional logo de catro anos como grupo de afeccionados. A súa obra, “Laudamuco, señor de ningures” fora escrita, dirixida, e representada por Roberto Vidal Bolaño, daquela un rapaz que viña de facer a mili e que decidira mudar o seu emprego nun banco pola escena.




Dedicación completa


Segundo lembra Antonio Simón, “desde Troula a intención era poder dedicarse ao teatro todo o tempo e vivir diso, ao tempo que se tentaba facer un teatro máis competitivo”. A situación daquela en Galicia era de efervescencia, “non había espacios escénicos, pero moitas asociacións culturais e concellos tiñan interese en facer país e apoiaban o teatro”. Un teatro que en moitas ocasións viña desde fóra, “chegaba aquí moito teatro de Madrid e de Cataluña, aquelas compañías influían en nós e dalgún xeito queriamos competir con iso”, lembra Simón. Non era alleo a este proceso o intento de normalizar o feito teatral en Galicia, unha arte que aínda había cinco anos que contaba cun foro coma a Mostra de Teatro de Ribadavia. Pola banda de Roberto Vidal Bolaño, o paso á profesionalización veu en grande medida polo seu desexo de abandonar o traballo de oficina que facía daquela e a súa intención de chegar a ser dramaturgo. A falta de compañías dispostas a levar a escena textos dun escritor novel deron o empurrón, e o autor profesionalizou Antroido, compañía que creara en 1975.



O éxito

Á experiencia naqueles primeiros anos non foi mala, aínda que as condicións en absoluto eran as idóneas. Á ausencia de lugares axeitados para representar sumábanse as carencias técnicas que obrigaban aos intérpretes a encargárense tamén da iluminación e do son. Sen contratos nin seguridade social, os primeiros actores profesionais percorrían Galicia en furgoneta cargando con todo o necesario para actuar. Con este sistema Troula desenvolveu máis de cen postas en escena de “O Velorio” e chegou a ter unha repercusión social daquela inédita para unha obra galega. Só dous anos despois, o goberno de Madrid abriu a tempada teatral na capital con dúas montaxes desta mesma compañía, que se representaron durante quince días e que situaron o grupo á altura doutras compañías coma as catalanas Els Joglars ou Dagoll Dagom.




Camiño aberto

Os proxectos foron avanzando, e o camiño da profesionalización tamén. Nos tres anos seguintes seguiron o seu camiño compañías coma a Luís Seoane, Andrómena Teatro ou Artello, entre outras. As dúas pioneiras foron seguindo o seu traballo ata que os diferentes camiños dos seus membros as desfixeron a comezos dos oitenta. Sen embargo, a maior parte desta xente continuou vinculada ao teatro dun xeito ou doutro. No caso de Vidal Bolaño, a súa carreira continuou de compañía en compañía; pasou de Antroido a Teatro do Estaribel e, aínda despois, a Teatro de Aquí, fixo ademais traballos como actor e mesmo se introduciu no mundo da televisión.





As obras


”O Velorio” foi na época da súa estrea unha obra revolucionaria. O emprego de máscaras e bonecos para representar algúns dos personaxes, a música en directo (composta e executada polos irmáns Morán, que daquela tentaban botar a andar o rock galego a través do grupo Agra)... Segundo Antonio Simón, “coincidiron moitas cousas, era un texto moi innovador, a posta en escena tamén rachaba moito co que se vira ata entón”. Pola súa banda, con “Laudamuco, señor de ningures”, Vidal Bolaño recuperou elementos parateatrais populares a canda a tradición de Castelao e Otero Pedrayo para representar unha sátira sobre o poder en descomposición cando a transición política estaba no seu apoxeo no Estado.



O retorno


En 2003 volven a escena “O Velorio” e “Laudamuco, señor de ningures”. O Centro Dramático Galego xunta as dúas pezas no espectáculo “Daquel Abrente” para celebrar os vintecinco anos de teatro profesional. E para isto recuperou non só as obras, senón a grande maioría das persoas que estiveron implicadas na súa realización. Desgraciadamente nos últimos doce meses desapareceron os autores destas dúas obras pioneiras, Roberto Vidal Bolaño e Francisco Taxes onda outros membros da compañías, de xeito de en “Laudamuco, señor de ningures” só repite o seu papel Rodrigo Roel, aínda que a súa compañeira Laura Ponte (primeira actriz profesional de teatro galega) participa na montaxe de “O Veloiro”. Nestoutra obra recuncan tamén Manuel Manquiña, Gonzalo Uriarte e Manolo González, que abandonara o teatro hai vinte anos. Onda eles, de novo os irmáns Morán poñen a música. Como director, outro antigo compoñente de Troula, Antonio Simón.



As diferencias

As diferencias entre as montaxes de hai vintecinco anos e as actuais están claras para el, “hai unha mellor expresión do traballo dos actores e transmítense mellor os contidos do espectáculo, pode perder en espontaneidade porque xa todos vimos moito teatro, moita televisión e moito cine desde aquela”. Unha das grandes curiosidades do proxecto foi para el ver como os actores se reencontraban cun texto que interpretaron hai un cuarto de século: “non só se lembraban dos textos senón tamén das situacións, dos personaxes, dos ritmos e da música, no noso disco duro non queda só o texto, quedan tamén os movementos e as formas con que se constrúe un personaxe”.