Os títeres saen de novo a escena

O Museo Galego da Marioneta reabre en Lalín logo de catro anos fechado

Este sábado 13 abre as súas portas o Museo Galego da Marioneta. Logo de catro anos fechado, o centro inicia a súa nova andaina co restaurado Pazo de Liñares como sede. Nado a partir do traballo de Viravolta Títeres, o centro inicia unha nova etapa na que agarda facerse unha referencia no mundo dos monicreques en Galicia.

Galicia voltará ter, a partir desta fin de semana, un espazo de referencia para o mundo dos títeres. Logo de catro anos fechado, reabre na parroquia lalinense de Prado o Museo Galego da Marioneta. O centro, que pretende ser referencia no seu campo, nace coa vontade de dignificar esta expresións escénica e sitúa o noso país no mapa europeo de espazos especializados neste ámbito.

O nacemento
O proxecto d botaba a andar en 2001 por iniciativa do Concello de Lalín. Segundo conta Julio Balado, un dos responsables do centro, “desde Viravolta Títeres fixeramos unha exposición co material que tiñamos para celebrar os nosos quince primeiros anos de actividade. Entón desde o Concello interesáronse e propuxeron facer algo máis permanente”. Ao pouco, un convenio co concello permitiu a apertura de portas dun espazo pioneiro en Galicia. No entanto, a falta de fondos, o progresivo deterioro do espazo asignado e a non renovación dese acordo levaron a que o Museo fechase as súas portas en 2010. Na súa primeira andaina, o Museo deixou fitos que aínda perduran, como os encontros Titirideza e Titerentroido, ademais dunha multitude de visitas escolares, actividades periódicas e outras iniciativas. Agora, catro anos despois, comeza unha nova xeira para o centro. A restauración do Pazo de Liñares, na parroquia de Prado, a cargo dos fondos culturais do Ministerio de Fomento, permitiulle ao Concello propor unha localización alternativa. Cun novo convenio asinado por dez anos, este sábado trece abre as súas portas.

Fondos
Segundo apunta Balado, a colección está composta por “centos de pezas”, e malia ao novo local, composto por dúas salas de exposicións, “o espazo non abondará para o amosar todo”. Entre o custodiado “hai fondos propios, cesións e doazóns. Temos todo o material de Viravolta almacenado e canda a el marionetas de boa parte das compañías galegas”. Cachirulo, Trécola, Kukas ou Artello ou restos do espectáculo Barriga Verde da familia Silvent son algúns dos elementos que se poden ver. Canda a isto, a exposición visitable permite coñecer diferentes aspectos do universo dos títeres. “Temos un espazo centrado na técnica e na manipulación, onde se poden ver os diferentes tipos de títeres, de luva, de fío, de varas ou de variña”. Outra área dedícase a formas parateatrais, como son os cabezóns, os xigantes e outras formas de espectáculos de rúa, incluíndo, como non, máscaras de Entroido. “Outro apartado explica a tradición dos títeres, amosando bonecos de diferentes épocas e tamén xoguetes articulados que na realidade son títeres feitos para se manipular”, sinala Balado. As variedades de monicreques por todo o mundo, “con exemplos de África, Asia, América ou Europa”, e mais un espazo centrado en pezas artísticas como pinturas, esculturas ou fotografías vencelladas ao mundo do títeres completan o proxecto.

Documentos
Para alén do que se pode ver, hai tamén un grande fondo documental catalogado e organizado a disposición de investigadores no centro. “Ademais de bonecos, expomos tamén material bibliográfico, cartelería, folletos, tarxetas, selos, discos ou documentos sobre este mundo”. A Biblioteca Marioneta, como lle chaman, ocupa boa parte do espazo co que nace a nova xeira do museo. O novo espazo, malia a estar afastado do centro urbano, achega, ademais dun contorno monumental, unha boa accesibilidade, segundo os responsables do centro. “Hai moitas liñas de autobuses que paran por Prado, aínda que logo hai que camiñar un anaco ata o pazo”.

Interese
Desde o feche do centro, e logo de diferentes tentativas de reapertura, a expectación arredor do mesmo mantívose. “Aínda hoxe todos os días hai chamadas a preguntar polo horario Nótase que a xente está interesada, e desde a profesión os comentarios tamén apuntan a necesidade deste espazo”, segura Balado. O traballo para esta nova xeira incluíu xa, para alén do traslado e da reorganización dos fondos, a incorporación de novos elementos. “Xa apareceron novas pezas que achegaron compañías galegas. A idea, contemplada no convenio, está ir incrementando os fondos e crear un museo como ten que ser”.

Retos
“A intención co novo convenio é outorgar o museo dunha entidade xurídica propia e dunha personalidade que lle permita seguir medrando. Queremos crear un lugar que non só expoña pezas, senón que acolla actividades, xuntanzas ou congresos e que sexa un punto de encontro para todo o relacionado co mundo do títere” sinala este coordinador. Un dos retos para o futuro, ademais de completar o catálogo de pezas, é integrar o traballo do centro coa poboación da zona. “Queremos traballar para dinamizar o espazo a nivel local. A parroquia é ampla e hai unha banda de música, unha asociación de veciños e un colexio cos que temos que contar”, sinala Balado.

Actividades
As visitas escolares preséntase, ao igual que na primeira etapa, como un dos eixes fundamentais do traballo que desenvolverá o museo. “Xa están reservadas as primeiras. Logo tentaremos facer actividades como mínimo todos os meses, xa sexan espectáculos, obradoiros, concertos, xornadas ou outros actos” que se desenvolverán nun horario de mércores a domingo. A maiores “desde Viravolta queremos facer un espectáculo propio para este espazo. En principio está previsto que o Pazo acolla tamén un centro sobre cultura castrexa, polo que pensamos nunha obra sobre este tema que complemente as visitas escolares e ligue as dúas temáticas”. Na inauguración prevista para este sábado, participará a banda de música de Prado e haberá, como non, un espectáculo de títeres a cargo de El Topil. A función continúa.

Galería: Pezas do Museo Galego da Marioneta

Galería: Pezas do Museo Galego da Marioneta

Títere da India

Cabezudo realizado por Laxeiro. Fonte: Museo Galego da Marioneta

Cabezudo realizado por Laxeiro. Fonte: Museo Galego da Marioneta

Boneco de Cambodia. Fonte: Museo Galego da Marioneta

Boneco de Cambodia. Fonte: Museo Galego da Marioneta

Títeres do teatro de sombras de Java. Fonte: Museo Galego da Marioneta

Títeres do teatro de sombras de Java. Fonte: Museo Galego da Marioneta

Bonecos da compañía O retablos da marabillas. Fonte: Museo Galego da Marioneta

Bonecos da compañía O retablos da marabillas. Fonte: Museo Galego da Marioneta

Títeres da obra O crego ignorante realizados nun obradoiro con Francisco Peralta

Títeres da obra O crego ignorante realizados nun obradoiro con Francisco Peralta

Bonecos da compañía Sapoconcho. Fonte: Museo Galego da Marioneta

Bonecos da compañía Sapoconcho. Fonte: Museo Galego da Marioneta

Monográfico do Anuario Deza dedicado o Museo Galego da Marioneta (en pdf).