O Consello da Cultura Galega desenvolveu un estudio pioneiro sobre a política lingüística do país durante os últimos vinte anos

A verdade sobre o galego

Vinte anos dun proceso de normalización lingüística dan para moito. Éxitos e fracasos, mudanzas de orientación, novas propostas... A Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega dedicouse os últimos catro anos a analizar este proceso, nun traballo pioneiro que comeza a ver a luz, “O proceso de normalización lingüística do idioma galego (1980-2000)”. En marzo de 2003 preséntase o primeiro volume, que analiza o aspecto legal da lingua e a política lingüística desenvolvida neste tempo.



O Consello da Cultura Galega, cumprindo coas súas atribucións de investigación e análise, puxo en marcha o Informe de Política Lingüística e Normalización en Galicia co fin de coñecer e avaliar as iniciativas que se desenvolveron neste eido durante os últimos vinte anos. A efectividade da política lingüística, a visión sobre o idioma e a súa implantación en distintos eidos foron algúns dos temas que se tentou aclarar, coa intención de conseguir unha análise sistemática da situación da nosa lingua e aventurar posibles xeitos de mellorar a efectividade destes traballos.



Unha idea

En 1997, Henrique Monteagudo, daquela membro da sección de Lingua do Consello da Cultura Galega, lanzou a idea de facer un informe sobre a evolución e os resultados da política lingüística no noso país durante os últimos 20 anos. Segundo el “ había unha carencia en estudios deste tipo que transcendesen a cuantificación e fixesen recomendacións apuntando liñas de mellora”. En 1998 iniciábase o traballo co apoio da Dirección Xeral XXII da Comisión das Comunidades Europeas, que forneceu unha cuarta parte do custo total do plan. Constituíuse entón un equipo de traballo no que participaba Xan Bouzada, Henrique Monteagudo, Anxo Lorenzo, Xosé Manuel Núñez Seixas, Agustín Fernández Paz e Xesús Costas Abreu. A eles sumábase como secretaria técnica Susana Mayo, a quen substituiría en 1999 Iolanda Galanes. Este comité dividiu o traballo en seis áreas comandadas por cada un dos seus membros, e segundo foron xurdindo necesidades íanselle destinando persoal e recursos.



División

Para abordar un campo tan complexo como a política lingüística decidiuse comezar polo estudio das leis e das iniciativas políticas sobre lingua. Deste xeito, a primeira área do estudio, que agora se presenta, analiza a lexislación e as iniciativas desenvolvidas desde a administración sobre este eido. Esta área, o marco glotopolítico, contextualiza todas as demais. O seguinte ámbito de estudio que se decidiu abordar foi o emprego do galego nas administracións públicas, desde a delegación do goberno e a Xunta ata as administracións, locais. A penetración do noso idioma na educación, prestándolle unha especial atención ao ensino infantil e ao primario, foi outro dos sectores que se decidiu analizar. Finalmente abordouse un sector transversal como é o da planificación do corpus lingüístico e a difusión do coñecemento do idioma. O estudio tamén contemplou a situación do galego que se emprega fóra da nosa comunidade nun capítulo especial.



Un traballo absorbente

A importancia destes recursos foi tal que durante os seguintes catro anos a Sección de Lingua do Consello da Cultura dedicouse case exclusivamente a este proxecto, cun orzamento de máis de cento vinte mil euros. Cinco bolseiros estiveron adscritos ao proxecto durante este período e constituíuse unha Comisión Técnica do Informe no que participaban especialistas que non estaban estrictamente vencellados á Sección. Buscando un enfoque multidisciplinar, ademais das revisións da Comisión Técnica, todos os contidos debatíanse tamén na Sección de Lingua, coa participación de editores, xuristas, especialistas en didáctica ou profesores de ensino secundario. De feito realizáronse mesmo xuntanzas conxuntas entre a Sección e a Comisión Técnica para debater os contidos. Seguindo con ese enfoque multidisciplinar, os responsables do traballo contactaron coa empresa Cidadanía, dedicada a realizar análises sociais. Ademais de elaboraren unha enquisa para aplicaren ao ensino, os encargados do informe decidiron recorrer tamén a este equipo para desenvolver o traballo referido á análise politolóxica.



Métodos

Os métodos de traballo foron moi diferentes para os diferentes apartados en que se dividiu o Informe. Desde as enquisas (enviadas a 201 centros de ensino medio e a 315 concellos), ata as análises dos Boletíns Oficiais das provincias, dos rexistros de entrada dos concellos ou dos orzamentos anuais da comunidade, pasando polos baleirados de prensa ou as entrevistas individuais. A canda estes sistemas de prospección social, seguiuse tamén a técnica Delphi, un sistema de dous cuestionarios que se lles enviaron a destacados persoeiros dos máis diversos campos da cultura, a política ou a economía galega. Mentres o primeiro destes cuestionarios era aberto e solicitaba opinións xerais sobre a situación da lingua, o segundo, elaborado tendo en conta o anterior, pedía valoracións concretas. Este sistema permitiu obter un panorama sobre a valoración do noso idioma en diferentes campos.



Kloss en Galicia

Unha das iniciativas pioneiras deste estudio foi a aplicación da Retícula de Kloss ao caso galego seguindo unha iniciativa de Henrique Monteagudo. Este sistema, deseñado para analizar o grado de desenvolvemento dunha lingua minoritaria, baséase nunha gráfica de dous eixes. No horizontal represéntanse os distintos eidos de coñecemento (neste caso concreto empregouse a división en máis de 400 campos empregada pola UNESCO) e no vertical o grao de desenvolvemento de cada un deles segundo o tipo de material que haxa dispoñible na lingua. Este estudio, aplicado por primeira vez ao galego, permitiu coñecer os diferentes graos de emprego do idioma.



Material de futuro

O primeiro resultado visible destes catro anos de traballo é o volume “Política lingüística: Análise e perspectivas”, primeiro da serie “O proceso de normalización do idioma galego, 1980-2000”. Ademais deste libro e dos outros tres que se publicarán proximamente, o proxecto deu como resultado abondoso material de documentación. Por exemplo, un completo Caderno de prensa que analiza a presencia da lingua en xornais e publicacións institucionais, sindicais, políticas ou culturais. Tamén se fixo e se mantén a máis completa base de datos existente sobre a producción didáctica en lingua galega, que se publicará proximamente. Outra base de datos, en actualización permanente, recolle todas as iniciativas parlamentarias sobre lingua, e aínda outra recolle un censo de publicacións periódicas científicas e profesionais. Tamén queda o cuestionario Delphi e a retícula de Kloss elaborada para este proxecto. A maior parte deste material pasará a depender do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, constituíndo unha importante base para futuras investigacións sobre lingua.





Conclusións

Unha das conclusións básicas deste estudio é, segundo Henrique Monteagudo, “a necesidade de estender unha cultura de planificación” non tanto no referido a medios económicos “senón na creación de estructuras de apoio e de xente competente, así como dunha dirección coherente”. Monteagudo sinala tamén que a realización deste estudio tivo influencia na creación da demanda dun Plan Xeral de Normalización Lingüística. “As consultas con expertos que se realizaron difundiron a idea de que había necesidade dunha cultura de planificación”. Haberá que ver os avances nos vindeiros vinte anos.
Política lingüística: Análise e perspectivas.
Descarga íntegro o primeiro volume da serie “O proceso de normalización lingüística do idioma galego (1980-2000)”, que analiza o marco legal do noso idioma e as iniciativas políticas sobre o galego nos últimos vinte anos.