Un outono cada vez máis aberto

A cita fotográfica por excelencia en Galicia completa o seu cambio de modelo na nova edición

Un premio de fotografía de prestixio, un espazo para a experimentación coa imaxe, un peso fundamental do traballo dos afeccionados. As mudanzas que o Outono Fotográfico estivo a desenvolver nos últimos anos con vistas a se reconfigurar chegan ao seu fin. Como grande novidade, a cita aposta por vez primeira por un eixe temático concreto para a súa sección oficial. O binomio Identidade/Alteridade marca a 32 edición da que é a cita fotográfica por excelencia do noso país.

Logo de varias edicións de transición logo da morte en 2011 do seu impulsor, Benito Losada, o Outono Fotográfico semella completar este ano a súa reformulación. A última grande novidade, a aposta por vez primeira por dotar dun eixe temático á que xa é a cita por excelencia desta arte en Galicia. O que está considerado o segundo evento deste tipo máis antigo do mundo, chega á súa xeira número 32 centrado no binomio Identidade/Alteridade.

Orientación
A aposta por un tema para a sección oficial responde tamén a cuestións organizativas. “O número de exposicións posibles é enorme. Ao apostar por unha orientación permítenos seleccionar convidados que toquen o tema concreto. Con isto, a información que se dá a través das exposicións e dos textos curatoriais está máis enfocada, achega máis datos”, explica Xosé Lois Vázquez, actual director do evento. Para alén de servir á selección dos traballos da sección oficial, este eixe transmítese tamén ao Outono Aberto. “Este espazo, dedicado á xente que participa só polo pracer da fotografía ten así tamén unha orientación. Dalgún xeito fíltranse as inscricións e faise máis sinxelo seleccionar”. Segundo apunta Vázquez, “que a xente tome este tema como un criterio é xa un avance, fai aos fotógrafos pensar cal pode ser a súa achega a este ámbito concreto e resulta un exercicio moi interesante. Poida que haxa quen sen retire de participar por non ter traballos axeitados e quen opte por desenvolver un proxecto específico”.

Completar a proposta
Segundo Vázquez, con esta última proposta “fica marcado o camiño a seguir para o Outono. A idea é converter o evento nun festival non só de exposicións senón que sirva tamén a tarefas artísticas e valoración do estado da cuestión fotográfica”. En xeral, segundo apunta, a fórmula do evento “está estabilizada e asentada. Practicamente Benito Losada deixou xa todo moi ben montado, pero dependía moito da súa xestión, e agora da nosa, sobre todo na sección oficial”.

Participación
Finalmente, son 121 as exposicións que se poden ver ata xaneiro na nova xeira do Festival, unha contía que é posible pola participación masiva que acada o evento. “Ante as nosas limitacións organizativas pensamos en dimensionar o festival nunhas oitenta exposicións, pero foi algo imparable. Hai unha dinámica de xente que quere participar e agora, como se pode inscribir por formulario, resulta moi sinxelo e iso incrementa aínda máis a participación”. Esta aceptación consolídase como un sinal distintivo do evento. “Este ano son máis de noventa exposicións no Outono Aberto. Ata o de agora o peso cualitativo do sector oficial é importantísimo, cun traballo curatorial de Víctor Nieves impecable. Agora agardamos que tamén estoutra sección vaia tendo máis calidade”.

Sección oficial
Entre as principais achegas da sección oficial atópase a primeira exposición de Lindsay Morris en Europa, unha retrospectiva de Manuel López, ou o recoñecido fotógrafo Tito Mouraz. Canda a eles, poden verse propostas doutros nomes destacados como Alexis W. Net ou Same de Wide, que comparten espazo con autores emerxentes coma Carla Andrade, Irene Cruz, Rocío Verdejo, Lara Jacinto ou Marta Moreiras. Trinta e dúas localidades, entre elas catro portuguesas, e un total de 472 autores participantes dan idea da magnitude que mantén a cita, por non falar do programa formativo que, como cada ano, se desenvolve de xeito paralelo ás mostras.

Outros espazos
Mantense nesta xeira tamén o espazo Interseccións, centrado na experimentación coa imaxe e os límites da fotografía. Na súa segunda edición, o apartado desenvólvese en colaboración co Campus da Auga en Ourense e inclúe instalacións como caixas de luz a aboiar nun estanque ou a proxección dunha fervenza. “Trátanse de intervencións que están nese territorio de fronteira. Como director gustaríame que o Outono avanzase por estes ámbitos de experimentación”, salienta Vázquez. Outra sección recente que repite por segundo ano é a de Historias da Fotografía Galega,un apartado que se centra na recuperación do traballo de fotógrafos galegos. “Abre un espazo para imaxes históricas que non son coñecidas polo grande público. Este ano Eduardo Ochoa comisaria unha mostra sobre o traballo de Hipólito Galán, de Lugo”.

Problemas e alternativas
Fronte a esta consolidación do programa destaca o feito dunha nova redución orzamentaria para esta iniciativa. Desta volta, segundo denuncia a organización foi a delegación da Xunta en Ourense a que retirou o seu apoio para o programa. “Tivemos varias reunións con eles previamente, pero ao día de hoxe, co festival xa en marcha, no tivemos comunicación con eles nin xeito de obtela”. Por esta causa os recursos económicos minguaron ostensiblemente, e entón tamén o fixo a nosa capacidade de traballo. Somos só tres persoas no núcleo do festival, aínda que contamos con ducias de colaboradores por todo o país”. Malia a ampliar os apoios económicos, cunha maior achega da Universidade de Vigo e mais a incorporación do Concello da Coruña, segundo recoñece a única opción para soster o programa, é “facelo peor. Por exemplo web este ano ten moitos menos contidos que en edicións anteriores, pero non damos feito”.

Premio
Tamén recunca o vencello do Outono co Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que conta cunha exposición específica. Segundo recoñece Vázquez, “esta foi unha aposta moi clara da Secretaría Xeral de Cultura e mais da Deputación de Lugo. A exposición que está agora no Museo Provincial de Lugo poderá verse por toda Galicia e contará tamén cun catálogo moi digno”. Berto Macei e Jose Romay, gañadores ex aequo do galardón, protagonizan esta proposta.

Visitas fotográficas
A se resistir a salientar propostas concretas de entre todas as dispoñibles no programa, Vázquez fai unha recomendación para se achegar ao Outono. “Temos un programa amplo no tempo. Ata xaneiro hai tempo para poder ver moitas exposicións. Entón eu recomendaría facer viaxes e visitar cidades e vilas. Por exemplo, se vés unha fin de semana a Ourense, entre a cidade e as súas proximidades podes ver dez ou doce exposicións. En Santiago 11, na Coruña 8 ou 9. Entón pode funcionar moi ben para a xente que viaxa”. A proposta está feita.
Programa do XXXII Outono Fotográfico.