En que fala a publicidade?

A xornada "A publicidade en galego" reflexiona sobre a presenza da nosa lingua nese ámbito

Hoxe pola tarde celébrase no CCG a xornada “A publicidade en galego”. Está pensada como unha revisión dos primeiros estudos que o Consello da Cultura Galega publicou ao redor da actitude dos consumidores en relación ao galego, hai xa dezasete anos. Falamos con Benigno Fernández Salgado, profesor de Publicidade na Universidade de Vigo, quen suliña que o uso do galego na publicidade en medios como a Televisión de Galicia está nos seus niveis máis baixos.

“No ano 2005 fixen un estudo sobre a publicidade na Televisión de Galicia. O 40% dos anuncios eran en galego, aínda que non dun xeito uniforme. Se miramos o que acontece hoxe en día na mesma cadea decatarémonos de que se reduciu aínda máis e de xeito notable”, sinala Benigno Fernández Salgado, profesor de Linguaxe Publicitaria en Galego da Universidade de Vigo, quen considera que hai moitas causas para isto. “Son sociais, políticas, económicas, pero tamén de falta de interese en querer frear isto. Poderíase facer outra publicidade”. Segundo Fernández, a TVG está en condicións de impoñer as súas normas no mercado.
Unha xornada para actualizar o estado da cuestión.

En 1995, o Consello da Cultura Galega publicaba o volume >i>Publicidade e lingua galega>, de Fernando Ramallo e Gabriel Rei, que abordaba por primeira vez un estudo estatístico da actitude dos consumidores perante o uso do galego na publicidade, rigoroso e pretendidamente obxectivo, aínda que sobrenadaba a finalidade animadora.

O contacto con empresarios puña de manifesto que a resistencia estaba non tanto na cúspide das empresas, senón nos postos de responsabilidade intermedia e, sobre todo, nas empresas de publicidade, que en xeral desanimaban calquera intención de opción en galego invocando diversos razoamentos.

Para darlles voz aos verdadeiros responsables das empresas e armar argumentos obxectivos a través dunha mostraxe de actitudes científica, naceu o libro Vender en galego. Comunicación, empresa e lingua galega, editado no ano 1997 polo Consello da Cultura Galega. De novo, Fernando Ramallo e Gabriel Rei trataron a cuestión do galego na publicidade nun traballo que inclúe, ademais da parte estatística, unha transcrición de 27 entrevistas a empresarios.

A xornada de mañá contará cun relatorio ofrecendo unha perspectiva xeral sobre a publicidade en Galicia, a cargo de Alberto Pena, e unha mesa redonda co marco histórico e actual a cargo dos profesores da Universidade de Vigo Alberto Dafonte e Benigno Fernández Salgado, seguido dunha mesa redonda das empresas de publicidade con representantes de axencias e empresas como BAP Conde, R, Gadisa ou IDEA.