A Universidade olla para o graffiti

Unha tese pioneira analiza o desenvolvemento da arte urbana en Galicia

Creacións de rúa, anónimas, a miúdo criticadas ou ao borde da legalidade. A arte urbana leva ao noso carón anos e anos sen acadar ata moi recentemente un certo recoñecemento. Tamén en Galicia, malia ás dificultades, unha tese doutoral pioneira está a tentar reconstruír a historia desta actividade clandestina. Á dificultade de obter unha información que só se transmitiu por canles informais súmanse as propias reticencias das universidades e institucións a lle outorgar rango de arte a este tipo de obras.

Amabel González Troncoso, investigadora e comisaria independente, é a autora de Aproximación á historia do graffiti en Galicia a tese que busca achegarse, por vez primeira no noso país, á arte urbana desde unha perspectiva académica. O interese da autora por este tipo de manifestacións xorde da súa propia biografía. "A miña adolescencia estivo moi vencellada coa cultura hip-hop. Teño familia en Nova York e xa cando comezou a se dar a coñecer esta cultura xa me enviaban por correo postal fanzines, os primeiros discos de Tupak Shakur e outros materiais". Logo, nos seus estudos de Historia da Arte "sempre me chamou esa historia que non era oficial pero que estaba aí, as artes decorativas ou a moda, e quixen facer visible esta arte que non interesou contar".

Traballo de campo
A ausencia de bibliografía previa sobre a cuestión fixo que as pescudas de González Troncoso se tivesen que basear en "traballo de campo e máis traballo de campo", segundo explica. "Non había nada en toda Galicia que fase do tema, en toda España hai só 20 teses en universidades de Barcelona, Zaragoza e Madrid. Fronte a isto, en facultades de químicas hai do duplo de investigacións que analizan como eliminar os graffitis". A situación, non é tampouco moito mellor a nivel europeo. "Está moi estudado en Estados Unidos pero non en Europa. Isto por unha banda dáme máis liberdade á hora de me achegar ao tema, pero teño que partir desde cero".

Historia oral
Así, os contactos no mundo dos artistas reveláronse imprescindibles para reconstruír unha historia que nos nosos días continúa a ser fundamentalmente oral. "Neste mundo o importante é a obra, non o autor, que polo xeral fica no anonimato", lembra esta investigadora. A esta dificultade súmase o escaso recoñecemento que este tipo de expresión posúe fóra do propio gremio de artistas, o que provoca que a miúdo a súa evolución pase inadvertida para grande parte da sociedade. "A través de Sokram e da xente que monta do Desordes Creativas en Ordes, fun conseguindo contactos e unhas nocións da historia que se contan uns aos outros de como chegou o graffiti en Galicia". Segundo descubriu González Troncoso, esta recente tradición oral apuntaba a Vigo como berce desta arte no país. "Alí hai quen me fala de que xa había xente a pintar en Ourense, e nesta cidade unha persoa dime que coñeceu a alguén de Pontevedra que levaba xa un tempo a pintar antes do que eles". Así, paso a paso e base de entrevistas, a investigadora foi conectando a xenealoxía das pintadas. "Uns fálanme do grupo A Familia, de Lugo, estes comentan de xente en Ribeira ou en Betanzos. E alí vou, é traballo de campo puro e duro".

Pioneiros
Deste xeito, segundo recoñece, "foron moitos anos de traballo, é moi difícil unificar este relato oral e conseguir imaxes". Malia a que moi escasa, algo de documentación tamén existe sobre as máis temperás épocas desta disciplina. "Que eu saiba só saíu en Galicia un fanzine sobre graffiti, feito en Gondomar. Logo xente como Aifer, da Coruña, unha das persoas máis importantes desde o comezo do graffiti en Galicia, deixáronme álbums de fotos nos que recollían as primeiras pintadas da cidade. Normalmente a xente non tiña cartos para tirar fotos dos seus traballos". Segundo sinala a raíz das súas investigacións, "ata o de agora pensábase que o graffiti comezara por Vigo, pero atopei referencias a que chegara desde Ourense. Alí había xente de diferentes nacionalidades e alguén de México ou Colombia comezou a pintar. Daquela había relación en Vigo polo tren e ían uns onda os outros pintar e verse os traballos", explica. "Logo chegou o fenómeno do madrileño Muelle, que percorría España a pintar, e iso deulle unha certa visibilidade a esta arte. Hoxe moitas das súas pinturas en Madrid están consideradas Bens de Interese Cultural. En Vigo consérvanse algunhas pero non están protexidas".

A orixe en Pontevedra
A seguir a súa investigación, "en Pontevedra atopo a Crawler, que foi o primeiro en Galicia en introducir frases nos seus graffitis. Era fillo de militar e percorrera moitas cidades, sempre en contacto coa escena local, e el dime que coñeceu a alguén que xa pintaba cando el chegou á cidade". Así foi como chegou á que, polo momento, semella ser a pioneira do graffiti en Galicia, Seor, unha rapariga de Poio que nos primeiros anos 80 comezou a pintar. "Para min foi un descubrimento marabilloso. Contoume que tiña uns veciños que emigraran a Canadá e que foron quen lle ensinaron a bailar e a pintar. Con doce anos escapou do colexio levando o xiz da clase e foi pintar un mural nunha obra. Este foi o primeiro graffiti feito en Galicia". Aínda que logo deixou esta actividade, a artista seguiu durante varios anos cun grupo de amigos participando nas primeiras competicións de hip-hop que había en España. Na actualidade, dedicada á artesanía, e segundo lle sinalou a esta investigadora, "está a pensar en voltar a pintar e recuperar, con máis de corenta anos, algo que deixara na adolescencia". Esta historia sorprende nos propios círculos de graffiteiros. "Cando lles digo que a seguir o fío cheguei a Seor, parécelles incrible, moitos non o cren. Está moi pendentes de cando saia publicada a tese".

Resistencias académicas
Ás dificultades propias de desenvolver unha investigación deste tipo, sumáronse as propias resistencias da Universidade e doutras institucións á hora de lle dar rango de arte a estas manifestacións creativas. "Nos cursos de doutoramento atopo a primeira barreira, cando dos compañeiros de departamento preguntan se considero o graffiti como arte contemporánea". Máis adiante atopou outras formas de incomprensión. "Hai uns anos propuxen para a Cidade da Cultura a primeira exposición sobre historia do graffiti galego. A proposta foi ben acollida polo equipo de entón da Consellaría de Cultura, pero logo mudou o equipo e indicóuseme que o proxecto non seguía adiante porque os nosos responsables considerábano politicamente incorrecto".

Evolución
Na actualidade estas formas de creación "teñen unha presenza crecente. especialistas como Henry Chalfant, un dos primeiros que comezou a ver os graffiterios de Nova York, di agora que o graffiti alí morreu e que está en Eruopa. Aquí mesturouse coa arte clásica e agora hai graffiteiros que pasaron por facultades de Belas Artes e fan cousas que saen das normas. Hai mesmo obras nas que se pegan elementos tridimensionais, co que xa estariamos a falar de escultura, ou fanse decoracións de edificios que se poderían considerar arquitectura". Se durante anos esta arte estivo vencellada ao emprego de sprays, nos nosos días "valen todos os materiais, hai que lembrar que ao comezo facíanse con pinceis e pintura de coche". Deste xeito, a investigadora advirte que "hoxe non se pode falar de graffiti, senón de postgraffiti ou neograffiti".

Boa saúde
Falamos pois dunha arte "con moi boa saúde e un bo futuro", tanto a nivel internacional como amosa a alta cotización acadada polos traballos do inglés Banksy, como en Galicia. "Nos últimos anos está a aparecer xente que vive disto. ETsueña do Porriño traballa hoxe en Barcelona a facer deseños para marcas deportivas. POW en Vigo decora casas e locais sempre a chegar o seu estilo de Graffiti". Tamén desde Vigo Sax "fai parte dunha crew mundial de graffiteiras que teñen base en Australia" A outro nivel, Nano 4814 chegou a expor recentemente na Tate Modern de Londres e viu unha das súas pezas á venda en ARCO, "é un dos grandes a nivel mundial", asegura esta especialista. As novas tecnoloxías están a facilitar en grande medida a popularización destas obras. "O Google Art ten un proxecto dedicado á arte urbana, tamén hai unha páxina que recolle xeolocalizados os traballos de Banksy e están a se facer bases de datos a nivel mundial da man dos propios graffiteiros, o que permite coñecer moitas destas obras sen saír da casa, comprobar quen traballa nunha zona e qué se está a facer en cada lugar", explica. "O graffiti está a conquistar nos últimos cinco ou seis anos moitos espazos que antes no fora capaz de conquistar". No noso país, espazos como o Desordes Creativos, o festival Marisquiño, de Vigo ou a modalidade dedicada ao graffiti no certame Xuventude Crea están a axudar a normalizar esta arte.

Longa historia
A historia deste tipo de pintadas, segundo advirte esta historiadora, non é algo tan recente como se pode pensar. "Na Cova das Mans en Arxentina poden verse as pintadas nas paredes de siluetas das mans feitas a soprar pintura sobre elas, ao xeito dun estarcido". Máis recentemente, González Troncoso sinala a Miguelanxo como "un dos primeiros graffiteiros do Renacemento, cos seus murais e unha actitude de rebelión. Tamén Dalí tivo esta perspectiva nalgunhas obras, e mesmo a nivel galego temos a Seoane cos seus murais". Con estes exemplos, a investigadora quere salientar que "o graffiti sempre estivo aquí pero ollábase de xeito diferente a outras formas de arte. O día que cousas como unha poxa de arte urbana sexan normais, será un síntoma de que a sociedade se abriu".

Galería de graffitis galegos

Galería de graffitis galegos

Un traballo de Miss7

Un traballo de Miss7

Graffiti de Crawler

Graffiti de Crawler

Unha obra de Pelucas

Unha obra de Pelucas