Atopan en Santiago os naipes máis antigos de Galicia

Cun as na tapa

Son do século XVII e constitúen a baralla máis antiga atopada en Galicia. Os naipes foron feitos na comarca de Santiago por un descoñecido francés chamado Jean Volay de Thiers. Hoxe ven por primeira vez a luz pública, agachados durante máis de trescentos anos nas tapas dunha “Biblia”.

O achado produciuse durante unha actividade rutinaria nunha biblioteca con libros antigos. O director da Biblioteca de Estudios Teolóxicos de Galicia, radicada no Instituto Teolóxico de Galicia (ITC), Leonardo Lemos, encargou á bibliotecaria, Isabel Crespo, a restauración das tapas dunha "Biblia" do XVIII, que procedía do convento do Carme, en Padrón. A encadernadora, Barca Cereijo, devolveu o libro a biblioteca cun sorprendente achado que atopara nas súas tapas, un conxunto de pranchas de naipes aínda sen recortar.



Roberto, lentes de Castelao e chaleco negro, estaba acostumado a descubrir finas capas de papel entre as tapas dos incunables e atados. Moveu lixeiramente os finos dedos de tamborileiro -unha das súas afeccións- e examinou o achado con Ana Porto, a súa compañeira de investigación na biblioteca do ITC. Unha baralla de naipes case completa, tal e como saíra impresa dunha prancha xilográfica. As pranchas xilográficas son tallas de madeira en negativo que, montadas nunha estructura, permitían a impresión con tinta.



Unha baralla case completa

Estaban sen recortar, algunhas das cartas pintadas só a medias. O encadernador daquel libro, no XVIII, aproveitara posiblemente os materiais sobrantes e acantoados na súa imprenta ou no Convento do Carme. "O achado sorprendeunos", comenta Roberto, "Os naipes atopados non se separan para nada dunha tipoloxía baixomedieval ou renacentista. Ao estar a baralla case completa, dáche unha capacidade de análise que en Historia case nunca tes". Unha rápida comprobación fíxolles saber que os naipes máis antigos atopados en Galicia ata o momento eran de primeiros do XIX. O erudito pontevedrés Xosé Filgueira Valverde atopara en realidade as pranchas xilográficas coas que se imprimiran e hoxe están depositados no Museo de Pontevedra.



Pero o achado da Biblioteca do Seminario era anterior. Como un século antes. De mediados do século XVII, o que os converte nun dos obxectos históricos do xogo máis antigos atopados no país. Os dous investigadores, Roberto e Ana, propuxéronse comprobalo. Enviáronlle copia do material a José Eguía, o director do Museo Fournier, en Vitoria; posiblemente, unha das principais autoridades en barallas históricas en Europa e xerente da principal colección de naipes do Estado. Eguía validoullo: "Non se coñece moito a Iehan Bolai. O que si se sabe é que fabricou máis barallas. Entre outras cousas, porque nós temos unha aquí no museo, que foi atopada no pazo de Quiñones de León en Valladolid".



Consultando catálogos, comezaron a ter claras algunhas cuestións. Por exemplo, a súa inspiración. Segundo Roberto Reigosa, "este é un modelo procedente de Francia, posiblemente adaptado en Cataluña ou Valencia. Segue a tipoloxía catalana, non a flamenca da época", aínda que dunha gran calidade no seu trazo e na representación dos motivos, dos paos e das cabalerías da baralla. Outras, sen embargo, cambiaron ó longo da elaboración desta reportaxe. Pensábase que as cartas databan do século XV ou principios do XVI, polo estilo empregado. O autor, Iehan Bolai, era un descoñecido completo. Primeiro pensouse que era xudeu. Logo o abano abríuse. O cambio na súa datación deuna Ignacio Cabano, editor do libro "As orixes da imprenta en Galicia" e experto bibliógrafo, quen localizou ó misterioso Volay -xa con "v"- en París, en 1640, realizando unha baralla "retro" para a época, feita con motivos e imaxes xa algo desfasadas para a súa época. Non é tan estraño que un parisino chegara ata aquí: no século XVII, o xogo e a elaboración de naipes estaba prohibido polos reis españois. Numerosos franceses acudiron ós reinos da Coroa de Castela para montar negocios de xogo e fabricación de naipes. Nun deles en Sevilla, xestionado por un tal Pierre Papin, xogou e bebeu Miguel de Cervantes.



Detalles esclarecedores

Reigosa repasa as copias da baralla e vai amosando a cabeza dun cabalo, o trazo dunha espada, a caída das roupas da sota de bastos. "Este tío encantoume, vinlle unha serie de detalles que indican que controlaba moito. Hai cousas moi diferentes. Se por exemplo, noutras barallas da época unha figura coma o cabalo non entraba, cortábana directamente. O autor dos debuxos encáixaas dentro do límite e controlaba moito: era un tallista da antiga escola xilográfica hispánica". Repasando as cartas, hai pequenas pegadas, pequenos detalles só comprensibles para os bibliógrafos e investigadores. Nunha aparece a estrela de David, aínda que logo viuse que era un motivo que, a pesar da expulsión da comunidade xudía de España en 1492, repetiuse nos conservadores naipes ata xa empezado o XVIII. Pero neses pequenos detalles é onde se atopan as claves para situar o achado. O misterioso Jean Volay (asinou as cartas como Iehan Bolai) representou o pao de ouros con moedas da época dos Reis Católicos. E na súa parte superior pódese apreciar, case invisible, un acueducto. Ao consultaren catálogos de numismática histórica -a ciencia que se dedica ao estudio das moedas- descubriron que aquel era o logo da ceca -a fábrica de moeda- de Segovia. Un detalle tan pequeno semellaba indicar que estaban do modelo de cartas case orixinal ou orixinal.



A arte de reciclar papel

Os restauradores saben que, no pasado, as tapas dos libros adoitaban aproveitar papel anterior. A materia prima era cara e para facer un cartón resistente ao tempo era preciso coller aqueles papeis inservibles da biblioteca. Así, por exemplo, atopáronse hai 50 anos as cantigas de Martín Códax coa súa partitura o que constituíu un dos grandes descubrimentos da nosa literatura medieval.



No século XVIII, o encadernador da “Biblia” aproveitou material anterior, posiblemente acumulado no seu obradoiro. As pranchas de naipes eran boas candidatas. Como se pode ver no documento anexo a esta reportaxe, o autor da baralla non rematara o seu traballo. Mentres algunhas das pranchas están completamente pintadas, outras só teñen unha pequena capa de azul, ou vermello, ou simplemente están sen cor, só coas siluetas ou os trazos. Este feito -o traballo sen rematar- foi unha das suposicións que fixo pensar en que o traballo fora feito en Galicia e abandonado por algunha razón descoñecida.



O traballo fora feito aquí, sen dúbida. Roberto Reigosa colleu unha das pranchas e púxoa a contraluz para buscar unha marca de auga -é así como lle chaman aos símbolos, case inapreciables, que os fabricantes de papel deixan nos pregos- e atopou unha especie de sagrado corazón cunha cruz dentro e coas iniciais I e M abaixo. Roberto asegura que "atopamos outros libros no ITC que tiñan esa marca. En libros do 1500 empregábanse para facer as tapas. É un papel nada doutro mundo, de aquí da zona". Comparouno con outros documentos da época na área de Santiago e atopou que ese símbolo, o do fabricante de papel, repetíase noutros documentos da época conservados na biblioteca en que traballaba.



A biblioteca do ITC é unha descoñecida para o público xeral en Santiago. Sen embargo, ten fondos sorprendentes: nos seus andeis atesóuranse sete incunables, case oitocentos volumes do século XVI, máis de mil cincocentos volumes do XVII e máis de dous mil cincocentos do XVIII. O seu fondo musical é impresionante: case seis mil partituras. Roberto e Ana tiñan onde comparar e buscar. E ás veces, na rutineira vida dun investigador de bibliotecas, unha pequena morea de papel fai que se abra unha fiestra cara ao pasado. Aínda que esa ollada estea pintada de sotas, cabalos e reis.

Infográficos: o achado e o proceso de fabricación dos naipes

Infográficos: o achado e o proceso de fabricación dos naipes

Presentamos dous infográficos co proceso de achado e fabricación dos naipes.

Infográficos: o achado e o proceso de fabricación dos naipes

Infográficos: o achado e o proceso de fabricación dos naipes

Facsímile completo da baralla atopada.
Descarga en PDF o facsímile completo da baralla do século XVII atopada no Instituto Teolóxico Compostelano.