A Editorial Galaxia continuará coa rolda de presentacións do seu novo selo Mar Maior en Madrid e Bos Aires, despois de facelo en Bruxelas, da man do Instituto Cervantes. O obxectivo, segundo o director de Galaxia Víctor F. Freixanes, "queremos lanzar a cultura galega alén das nosas fronteiras. Bruxelas e Bos Aires son as nosas primeiras referencias de proxección exterior: Europa e América". Por iso, a editorial ten previsto tamén a apertura dunha filial en Brasil. Os primeiros autores editados amosan a combinación de clásicos e contemporáneos pola que aposta Galaxia para a internacionalización: desde Álvaro Cunqueiro ou Emilia Pardo Bazán a Ramón Villares, Xulia Alonso, Xavier Alcalá, Begoña Caamaño e Antón Riveiro Coello. Freixanes tamén anunciou a apertura dunha Plataforma dixital nos primeiros meses de 2015, tamén orientada ao mercado internacional, con obras de autores galegos en formato electrónico e en papel, e en varias linguas.