Neira Vilas, Cándido Pazó, o Festival de Ortigueira e o Centro Pen Galicia levan os Premios da Cultura Galega 2014

Tamén foron galardoados a Galería Trinta, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, o profesor David Mackenzie e o Grupo Marcelo Macías

A Xunta de Galicia deu a coñecer onte os gañadores dos Premios da Cultura Galega neste ano. Xosé Neira Vilas foi o galardoado na modalidade de Letras, recoñecéndoo como "un dos narradores que mellor describiu a dureza da vida campesiña e o sentimento de desarraigo do emigrante galego". No campo das artes plásticas recoñeceuse a Galería Trinta, mentres o galardón de artes escénicas levouno o actor de dramaturgo Cándido Pazó. O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira mereceu a honra do xurado na categoría de Música, mentres no audiovisual recoñeceuse o traballo da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI).

O profesor David Mackenzie, primeiro catedrático de Estudos Galegos no mundo anglófono levou o premio da modalidade de Lingua, mentres o Grupo Marcelo Macías, que leva desde 1941 a traballar na arqueoloxía, fíxose coa categoría ao Patrimonio Cultural. Finalmente, o Centro Pen Galicia viu recoñecido o seu traballo na modalidade de Promoción Exterior.

Cada un dos galardoados recibirá unha obra de Antón Pulido como premio nun acto que está previsto celebrar a finais deste ano.