Peregrinar hai mil anos, peregrinar hoxe

Algunhas das características do fenómeno da peregrinación mantéñense desde a Idade Media

Desde hai máis de mil anos, as peregrinacións a Santiago de Compostela son un fenómeno que, sen interrupción, achegou ao noso país milleiros de persoas. No entanto, moitas cousas mudaron deste o comezo deste fenómeno en plena Idade Media. Aproveitamos a celebración en Compostela do I Congreso sobre Turismo e Peregrinacións para falar co historiador José Miguel Andrade Cernadas sobre as condicións nas que se facía o camiño na Idade Media.

Este profesor da Universidade de Santiago ten estudado polo miúdo o fenómeno da hospitalidade cos peregrinos nas Rutas Xacobeas durante a Idade Media e sobre esta cuestión versará a súa intervención no do I Congreso sobre Turismo e Peregrinacións que se celebra desde hoxe e ata o vindeiro venres en Compostela. A partir dos seus estudos pódese verificar como moitas peculiaridades do percorrido mantéñense desde o comezo do fenómeno aló polo século XI. Así, a preferencia por facer o camiño a pé, símbolos como as vieiras (empregadas para identificar os peregrinos) ou, por suposto, o percorrido, mantivéronse con poucas alteracións ao longo do tempo.

Os peregrinos como Cristo
Si mudou, neste tempo, a concepción dos peregrinos, cando menos teoricamente. " Na Idade Media Occidental considérase como un ser que está nunha orde específica e debe ser acollido do mellor xeito posible. A nivel espiritual e ritual, o peregrino considerábase un émulo do propio Cristo. E así o recolle a propia regra dos beneditinos, na que se sinala que "como tal debe ser recibido nos mosteiros. Isto na teoría, claro, logo na realidade había todo tipo de casos en función dos lugares e das posibilidades", explica este historiador. Unha visión relativamente distante da que actualmente ten boa parte da sociedade sobre estes viaxeiros.

Xerras de viño e spa
Dentro de toda a variedade dos aloxamentos que atopaban os peregrinos, e tendo en conta que "falamos dun período de mil anos, nos cal mudaron moitas cousas" advirte Andrade, atopamos documentos que amosan un trato relativamente envexable. "De Roncesvalles sabemos que alí os peregrinos podían mesmo se bañar, o que non era moi habitual na época. Tamén se lles afeitaba e lles cortaban o pelo". Canda a estes servizos, outros máis habituais eran unha alimentación coidada. "No mosteiro de Burgos, que se fundou no século XIII eran moi ben agasallados e recibían unha ración de carne importante, dúas xerras de viño cada un, pan e legumes", sinala Andrade. No entanto, non todo eran comodidades envexables, xa que o máis habitual era ter que compartir leito. "Eran obxectos moi caros durante moito tempo e entón polo xeral a xente durmía no chan ou na mesma cama". En xeral durante a Alta Idade Media foron os mosteiros os responsables de acoller e atender estes viaxeiros.

Outras ofertas
Fronte a isto, en moitos pequenos hospitais había que se conformar "cunha xerra de viño, un anaco de pan e poder durmir baixo teito". De feito, se ata o século XIII eran maioritariamente os mosteiros os encargados de atender os peregrinos, a partir do XIV e do XV multiplicáronse os pequenos hospitais. "Xorden a partir de fundacións reais ou privadas. son instalacións máis pequenas e atenden moitas veces treitos nos que ao mellor non había outras opcións", pero ao tempo tampouco achegan as mesmas comodidades. En paralelo, mantívose sempre, aínda que existen poucos rexistros históricos ao respecto, unha rede privada de pousadas e mesóns. "Na propia cidade de Santiago, na Baixa Idade Media hai toda unha serie de pensións e albergues especializados en antender peregrinos pola súa orixe nacional", unha oferta que non semella ter moito que envexar á actual.

Diferenzas entre peregrinos
Para alén do aloxamento escolleito, tampouco todos os viaxeiros recibían o mesmo trato nin eran todos da mesma orixe. "Aínda que as fontes canónicas, como o propio Códice Calixtino falan de que o camiño era para todo o mundo, temos que ser conscientes de que falamos e sociedades nos que para o campesiños era moi importante poder estar onda a terra e traballala. Dispor dos tres, catro ou oito meses necesarios para facer unha viaxe como esta non estaba ao alcance de calquera", explica este medievalista, a lle restar significación á variedade dos camiñantes. Así e todo, dentro dos que se botaban ao camiño había diferenzas. "Mesmo na regra de San Bieito faise distinción entre o trato para peregrinos pobres e ricos. Posiblemente houbeses espazos diferenciados na maior parte dos mosteiros, por unha banda un albergue para xente de certa consideración social e pola outra o hospital para xentes do común".

Atención médica
Unha das particulares vantaxes con que contaban os peregrinos na época foi, durante moito tempo, dispor dunha atención médica no percurso. "Ata a creación das universidades nas cidades nos séculos XII ou XIII en boa parte de occidente os únicos lugares onde había unha medicina que transcendía a popular aínda que non chegase ao académico eran os mosteiros". Esta atención era realmente necesaria nun momento no que a maior parte da xente facía o Camiño a pé no que era unha auténtica aventura. "Daquela entrañaba auténticos riscos e dificultades, moitos morrían ou quedaban extenuados. Non era como hoxe que hai sitios para durmir cada quince quilómetros ou menos. A xente tiña que percorrer treitos longos sen atopar onde se acoller. Os camiños tampouco estaban tan coidados e había que lidar con cans, ladróns ou mesmo lobos", explica este investigador. "Nese sentido os coidados sanitarios e dos pés, a alimentación e mesmo a posibilidade de se lavar era fundamental"

Motivacións
E é que, ao igual que está a acontecer nos últimos anos, a Idade Media en xeral foi un período de auxe constante no fluxo de peregrinos a Compostela. "Mesmo na época de crise da Baixa Idade Media a peregrinación medra sempre, o seu primeiro freo foi a reforma protestante. Neses anos aparecen máis constancia documental do fenómeno de peregrinación e a das mulleres peregrinas", lembra Andrade. Advirte tamén que xa daquela se daban casos de "turigrinos, como lle chaman agora, que mesmo tiñan albergues específicos na cidade de Santiago". Xente que, para alén de motivacións espirituais, facían o camiño "por todo tipo de razóns mundanas", tanto ou máis variadas como as que podemos atopar nos nosos días. "A espiritual era a razón principal. A obtención de indulxencias e a redención de pecados é algo moi a ter en conta no mundo da peregrinación. Tamén está a posibilidade de obter a curación a determinadas doenzas visitando lugares sagrados, aínda que esa non é a especialidade de Santiago". Canda a estas causas relixiosas, atopábanse tamén, de xeito curioso, "xente que redimía mediante a peregrinación culpas civís ou penais, conmutaban tempo en cadea peregrinando en Santiago. E logo a niveis máis mundanos había de todo, deste inquedanzas por viaxar ata facer negocios".

Problemas con peregrinos
Con esta variedade dábanse tamén diferentes comportamentos por parte dos visitantes. "Hai testemuños de altercados, violencias e tumultos por parte dos peregrinos. Mesmo na Catedral de Santiago, que daquela estaba sempre aberta e se podía durmir nela", lembra Andrade. "Hai que ter en conta que era, polo xeral xente cansa que viña de moi lonxe e que non todos eran, nin moito menos, uns peregrinos perfectos". Canda a isto, mesmo algúns dos milagres que se lle atribuían a Santiago na época era o castigo a algúns peregrinos cun comportamento pouco desexable de cara aos seus anfitrións, o que amosa a existencia deste tipo de desviacións da norma. Máis tarde, de cara á Idade Moderna foron multiplicándose as denuncias de falsos peregrinos que tentan aproveitar a hospitalidade propia do Camiño para vivir.

Vivir do peregrino
Do mesmo xeito, non todo o mundo amosaba o mesmo respecto pola figura dos camiñantes. "A peregrinaxe, como hoxe, xeraba unha actividade económica que facía que moitos viaxeiros fosen obxecto de roubos e de enganos, tal e como recolle o Códice Calixtino". Os asaltos e sobreprezos non son cousa dos nosos días, e de feito, nas peregrinacións medievais eran todo un problema. "No Códice sinálanse tramos especialmente perigosos como a rexión de Montes e Oca, Terra de Campos, País Vasco ou algunhas zonas de Navarra, tanto pola presenta de ladróns e salteadores como pola extorsión a peregrinos, que algúns cabaleiros e nobres fixeron o seu xeito de vida".

Así pois, son moitos os paralelismos que se poden atopar entre os peregrinos de hoxe e os de hai mil anos. Os interesados en saber máis sobre este fenómeno, para alén dos traballos do propio Andrade, pode estar atento do Congreso que se desenvolve estes días en Compostela.