Onde cabe todo, agás o convencional

Compostela acolle WOS Inc, unha innovadora fórmula de festival que integra diversas artes

Un festival de música no límite da temporada, sen grandes escenarios, sen zona de acampada, en espazos fechados nun centro histórico. Un programa que inclúe coloquios, actuacións artísticas e disciplinas como o audiovisual ou as artes plásticas. Santiago de Compostela acolle entre os vindeiros 14 e 16 de setembro WOS Inc, a primeira edición dun evento que quere fomentar o diálogo e incidir na escena creativa do noso país.

"Incubadora de ideas" é o lema co que bota a andar en Compostela, a vindeira fin de semana, a primeira xeira de WOS Inc. Un festival no que un destacado cartel musical comparte programa con iniciativas en artes plásticas, mesas redondas, audiovisuais e outras iniciativas ata un total de 40 propostas que se distribuirán pola zona histórica da cidade. O proxecto xorde da man da produtora Work on Sunday, responsable tamén do selo discográfico Matapadre. Segundo sinala Fran Arias, director do festival, "levamos tempo dándolle voltas á idea, pensamos que os modelos de proxectos están obsoletos e deberían mudar. Nese sentido cremos que o concepto típico de festival con grandes escenarios, barras polas bandas e un mercadiño xa non tiña moito máis que dicir". Deste xeito abordaron a creación dun evento que foxe en grande medida dos tópicos dos festivais e que resulta anovadora no noso país. "Esta tendencia funciona noutros lugares do mundo, aínda que non tanto en España. A nivel internacional están a xurdir festivais urbanos, indoor e mais multidisciplinares", asegura.

Música orixinal
A orixinalidade predomina tamén no programa, no que a música continúa a ocupar un lugar central. Grupos como A Place to Bury Strangers, Cave, Ensemble Economique, Jupiter Lion, Red Fang, Sonic Jesus, Spindrift, The Cosmic Dead, White Hills, White Manna e Wooden Wand compoñen o cartel principal, ao que se suman propostas galegas como Camarada Nimoy, Chicharrón, Guerrera, Orquesta Metamovida, Ulobit e Unicornibot. Segundo recoñece Arias, "non é un proxecto que tentemos facer popular. Sabemos que a maior parte do público non coñece os artistas que programamos, e posiblemente algúns deles se viñesen nunha xira independente ao mellor vendían 20 ou 25 entradas. Pero queriamos afastarnos desa corrente de festivais que acaban compartindo carteis moi parecidos para un público moi concreto". En paralelo a isto, "buscamos afondar en diferentes estilos dentro das propostas alternativas. Hai desde música experimental ata rock psicodélico, folk e bandas de todo o tipo". O festival remata con WOS Inclubbing, un minifestival de música electrónica que reúne picadiscos galegos como Músculo!, Astroboyz ou Egho con foráneos como Sebastian Russell ou Jupiter Lion.

Entre artes
Segundo aseguran desde Work on Sunday, para desenvolver a proposta, "contactamos con diferentes axentes culturais que desenvolven proxectos que nos gustan en distintas disciplinas artísticas, e buscamos non nos centrar só na música cunha perspectiva máis de experimentación e investigación". O espírito fundamental que impulsa o novo festival é o diálogo, a idea do potencial que xera o contacto con outras propostas culturais. A explorar estes encontros, o programa inclúe representacións como o Ultrashow de Miguel Noguera e o espectáculo ¡Pelea! de Kiko Amat; un showcooking, unha mesa redonda sobre o Humor desde a trincheira, outra sobre a crítica musical, videoregueifas ou instalacións artísticas fan parte da proposta.

Outros espazos
Ademais dos contidos, a iniciativa presenta tamén como novidade a súa aposta por locais fechados no centro urbano de Compostela para acoller as súas propostas. "A cidade ten espazos moi interesantes para desenvolver actividades culturais. Son lugares próximos, co atractivo propio da zona vella e queremos vinculalos a un proxecto conxunto". Aínda que esa novidade implica tamén unha certa dificultade engadida para desenvolver o proxecto. "É complicado conseguir para a mesma fin de semana todo os espazos nos que transcorre o festival". Lugares como a Zona C, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Teatro Principal, a Sala Capitol ou a Fundación Granell entre outros albergarán as actividades do programa. "É difícil de producir, controlar os aforos ou comprender o fluxo da xente pola cidade e er qué lles interesa máis".

Conectar coa escena
Para os responsables de WOS Inc, esta iniciativa supón unha importante aposta que busca consolidar unha escena actualmente moi activa pero atomizada. "En Galicia está a pasar algo importante. Hai unha escena alternativa galega en ámbitos como a ilustración e a nivel musical abondan propostas alternativas como Discos Porno, Discos da Máquina, Northwest Side, Sinsal, que xa leva moitos anos, ou nós mesmos con Matapadre. Son moitas plataformas que fan cousas e en moitos casos teñen un recoñecemento fóra de Galicia e mesmo fóra de España, pero que non se podían identificar cun festival aquí, tirado o Sinsal", asegura Arias. Como obxectivo final de todo o proxecto, o director recoñece que "agardamos deixar un pouso en Galicia, aínda que non o facemos só para aquí. Tamén se trata de facer algo que chame a atención fóra, en Madrid ou Barcelona, e estamos a atopar resposta desde moitos lugares. "Queremos construír diálogos do público cos artistas pero tamén destes entre si". Nese sentido, Arias asegura que "queremos xerar diálogo entre as cousas interesantes que se fan aquí e as de fóra, mesturar todo e xerar un diálogo construtivo que leve a facer máis diálogos e máis arte. Pensamos que isto vai beneficiar tanto aos artistas como ao público".

Na liña xeral do evento, Arias recoñece que a propia organización desta xeira ten moito de experimento. "Isto é como un avance que queremos concretar máis para 2015. Aínda que levamos moitos anos a traballar na produción o proxecto tennos intrigadísimos, aprenderemos da propia edición e investigaremos con el, haberá cousas que funcionarán e cousas que non" De cara ao futuro, a intención é "ir a máis, introducir máis disciplinas e estilos, contarmos con artes escénicas, audiovisual ou deseño gráfico. Aquí cabe todo".
Ligazóns