Para aclararse coas diferentes posturas en conflicto

O contexto do cambio

| | Seccións: Lingua
Compartir:

A traxectoria da evolución da normativa do galego é complexa. Tres diferentes visións da nosa relación da lingua co portugués crearon asímesmo cadansúa proposta sobre como debemos escribir a nosa lingua. Serafín Alonso, experto na evolución do estándar do galego, explícanos as principais posturas en conflicto e a evolución da normativa.

AS POSTURAS EN CONFLICTO

Nunha síntese extrema diferenciamos, na actualidade, tres correntes básicas. Unha primeira, autonomista, que considera o galego un idioma independente. Outra, reintegracionista, que o considera integrado nun diasistema con tres estándares (galego, portugués, brasileiro). E unha terceira que o xulga un dialecto asilvestrado, sen outra posibilidade de escrita culta có padrón portugués (exclusivismo lusista).

Autonomismo.- Distinguimos nel dúas tendencias:

Oficialismo.- (En Galicia, en galego). Non é mester ser sociolingüista experto para decatarse de que os galegos e as galegas que aceptan como válida e xustificada a normativa elaborada polo ILG e a RAG constitúen a inmensa maioría (académica e extracadémica) da poboación.

Reintegracionismo de mínimos.- (Na Galiza, en galego). Tamén coñecido como normativa de concórdia, vía media ou terceira vía. A súa distancia verdadeira con respecto á ortodoxia oficialista foi sempre máis extralingüística ca estrictamente ortográfica.

Reintegracionismo.- (Na Galiza, em galego). Continuador do autodenominado reintegracionismo de máximos, postula unha maior aproximación ó portugués (uso de g e j, lh e nh; sufixo –çom...). Perdeu forza nos últimos anos polo avance do exclusivismo lusista e a mellor aceptación acadada polos “mínimos”.

Exclusivismo lusista.- (Na Galiza, em português) Improvisamos esta etiqueta para designar ós que defenden como único estándar posible para Galicia o portugués, que debe ser adoptado polos galegos de forma plena e sen reservas.

¿Como se escribe?
Pincha aquí para ver un cadro coas diferencias ortográficas de cada unha destas normativas do galego.

O MOMENTO ACTUAL

Unha hipotética converxencia do reintegracionismo de mínimos na corrente maioritaria, que algúns anuncian como inminente, non remataría coas críticas ó autonomismo, pero a relevancia simbólica dunha acción deste tipo podería ser apreciada positivamente por un grupo reducido pero influente de cultivadores do galego.

En realidade, non consistiría noutra cousa que outorgar sanción oficial a unha aproximación que, no teórico e no práctico, leva anos en marcha (pensemos, p.e., na tendencia que se albisca na revisión da normativa oficial de 1995 ou na ortografía adoptada nos últimos anos pola AS-PG nas súas publicacións).

De chegar a callar finalmente, as iniciativas para conseguir implantar en Galicia un estándar superposto (portugués, castelán) non cesarían. Nin tampouco os cuestionamentos verbo da idoneidade da escrita oficial (sexa a que for). Pero unha reagrupación táctica dos usos gráficos reforzaría o centro normativo e permitiría compartir tempo e aliar esforzos noutras frontes do noso conflicto lingüístico onde se libran batallas ben máis decisivas para o futuro da lingua

SERAFÍN ALONSO PINTOS (Bonn, 1969).
<
Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Colabora desde hai anos con diversas publicacións (Grial; Revista de Lenguas y Literaturas Catalana, Gallega y Vasca; Boletín do Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega). No ano 2000 gañou o VI Premio de Ensayo de Catalán, Gallego y Vasco da UNED co traballo Para unha historia do estándar galego. As propostas do período 1966-1980. Traballa como profesor de ensinanza secundaria e na actualidade prepara a súa tese de doutoramento sobre o proceso de estandarización do galego.

Que che parece esta nova?
39 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito