As igrexas agochadas

A Universidade de Santiago e o CSIC investigan o descoñecido patrimonio dos templos prerrománicos

Santa Eufemia de Ambía (Baños de Molgas), xanela central da cabeceira
Santa Eufemia de Ambía (Baños de Molgas), xanela central da cabeceira
É sabido que o románico é o grande estilo arquitectónico medieval de Galicia, e son moitas as igrexas e edificios que, aínda en pé hoxe así o testemuñan. No entanto, antes deses templos, existía toda unha rede de construcións relixiosas esparexida por todo o país. Agora, un equipo de investigación da Universidade de Santiago e mais do CSIC están a procurar os seus restos, e a descubrir un importante patrimonio agochado.

"Temos documentadas evidencias dunhas 422 evidencias de igrexas de entre os séculos V e XI en Galicia". explica José Sánchez Pardo, director do equipo que está a desenvolver o proxecto EMCHAHE ( Early Medieval Churches: History, Archaeology and Heritage). A colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e mais o Centro Superior de Investigacións Científicas está a tirar á luz uns bens ata o de agora descoñecidos."A densidade que estamos a atopar é grande comparada con outras áreas como Asturias ou o País Vasco. Isto amosa un dinamismo que non se coñecía na época". Todo un patrimonio relixioso que na maior parte dos casos desapareceu co tempo, substituídos os templos por construcións máis recentes. "É moi difícil que se conserven estas igrexas porque houbo moitas remodelacións, pero o que si atopamos é que moitas conservan restos dos muros e pezas orixinais. Isto é algo que ata o momento non se constatara na maior parte dos casos". E é que por vez primeira, este estudo pretende ofertar unha visión "desde arriba". "Os estudos sobre esta época centráranse en edificos monumntais ou na igrexa como institución, pero non houbera unha compilación exhaustiva desta documentación".

Como atopar un templo altomedieval
Para identificar estes templos, dos que apenas fican restos, os investigadores deben atender a diferentes evidencias. "Hai que atender aos restos materiais, tanto artísticos como arqueolóxicos. Facemos o que se chama arqueoloxía da arquitectura, a buscar elementos anteriores ao románico". Así, por exemplo , o tipo de pedras ou de técnicas que se empregan ou mesmo a masa empregada para as unir achegan importantes informacións sobre a época de partes concretas de templos. "No románico empréganse perpiaños monumentais, moi traballados, mentres que antes estaban moitos menos elaborados e reutilizábase moitos material de construción antigo, normalmente romano. Logo o xeito de colocar as pezas tamén era diferente". Canda ao traballo a pé de igrexa, o equipo segue tamén a pista de abondosa documentación medieval, onde se rexistra a existencia destes edificios. "En documentos de lugares como Samos ou Celanova menciónanse moitas igrexas da época".

Máis evidencias
Non só restos de muros, senón en ocasións pezas escultóricas teñen sobrevivido ao paso do tempo. "Hai restos moi característicos da época, como as xanelas xeminadas"(con arcos partidas por unha columna), ou "capiteis, restos de risos ou mesmo inscricións". Ademais destes datos, á hora de datar a orixe dunha igrexa empregan unha técnica de luminiscencia ópticamente estimulada que, mediante a análises do morteiro que une as pedra permite datar o momento de construción dun muro cun erro apoximado de só 40 anos. O estudo, que leva xa un ano en marcha, concéntrase polo momento nas áreas do contorno de Lugo, de Ourense e de Iria Flavia, onde se estudan máis dun cento de igrexas con posibilidades de ter trazas altomedievais. Destas máis de cen "estudamos a fondo 12 e imos aplicar as técnicas de datacións de morteiros en 8".

Descubertas
Entre os achados que xa se realizaron no marco do proxecto, este investigador destaca casos como a inscrición que apareceu en San Martiño de Armental. "Non estaba rexistrada, é unha pedra que se reutilizou e que estaba dada a volta e ollando para os bancos da igrexa, na que está inscrita a data de construción, no 871". O templo, segundo apunta, "construíuse ao tempo que o mosteiro de San Pedro de Mezonzo, e seguramente polos mesmos fundadores. Tamén na Cidadela, no antigo campamento romano preto de Sobrado, descubrimos que durante a ocupación que se deu na Alta Idade Media se construíron dúas igrexas". Algo que obriga a repensar a importancia deste asentamento. "Ata o de agora pensábase que nesta época se dera unha ocupación residual deste espazo, pero agora vese que houbo tentativas de reconstruílo coa estrutura que tiña. Logo de cinco séculos abandonado. dalgún xeito, alguén fixo un esforzo de medios moi importante para montar ese complexo e construírlle dúas igrexas, trátase dunha apropiación simbólica do lugar".

Con todos os datos obtidos, o proxecto pretende "cruzar os datos obtidos polas diversas fontes para termos un mapa que amose as fundacións eclesiásticas de Galicia no período. Queremos ver quen investía en facer estes templos, en que zonas se creaban, e relacionar así a arquitectura coa sociedade da época". Os interesados en seguir a evolución desta iniciativa dispoñen dun Facebook, no que o equipo de traballo vai dando a coñecer os seus achados.