Sementes de letras

Máis de 7.000 lectores e lectoras participan dos clubes de lectura

Son un dos fenómenos culturais máis interesantes da nosa cultura contemporánea. Dunha maneira crecente, máis de douscentos grupos de amantes da literatura reúnense por todo o país intercambiando as súas visións dos libros e atopándose cos seus escritores favoritos. Son os clubes de lectura de centros educativos e para adultos que veñen de celebrar a súa xuntanza anual. Enchen auténticos auditorios. E poderían transformar o índice de lectura en Galicia.

Quen asistira á Xornada de Clubes de Lectura, organizada polas Bibliotecas Escolares de Galicia e celebrada o 6 de xuño na Escola Galega de Administración Pública sorprenderíase de ver como o notable auditorio do centro se enchía a última hora da tarde para escoitar ao escritor Pedro Feijóo. Máis de trescentos profesores que organizan semanalmente xuntanzas nos seus centros para planificar listas de libros, propoñer novos títulos ou reunirse a dialogar e debater con escritores. Estes profesores coordinan os clubes fóra do seu horario laboral e sen remuneración de ningún tipo. Puro amor polos libros e a lectura.

“Comezamos a traballar en materiais para o fomento da lectura no 2005”, indica Cristina Novoa, asesora das Bibliotecas Escolares de Galicia, “pero atopabámonos co tema de que cando chegas a secundaria o tema dos materiais é secundario. Ou consegues a implicación do profesorado e do alumnado ou non hai nada que facer”.
Os asesores da Consellería de Cultura e Educación propuxeron entón, nunha guía de lectura sobre libros de viaxes, a posta en marcha de Clubes de Lectura. E tres botáronse a andar, en Gondomar, Vigo e Betanzos. A xeito experimental, no ano seguinte a Consellería de Educación lanzou unha convocatoria de axudas para os clubes de lectura de centros de ensino secundario

Para o ano seguinte, os asesores conseguiron crear unha convocatoria para dar axudas a clubes de centros de ensino secundario. Tratábase dun proxecto secundario, na medida en que se realizarían fóra dos horarios lectivos e laborais, e polo tanto cun importante factor experimental. Pero a resposta dos institutos foi ben exitosa. Nesa primeira convocatoria 2007-2008 chegaron peticións de máis de cen centros. “O que fumos vendo”, asegura Novoa, “é que os clubes de lectura convertéronse nunha peza fundamental para a dinamización da lectura en secundaria”. Na actualidade, Galicia xa dispón de máis de douscentos clubes de lectura, nunha auténtica explosión do que se coñece como “lectura social”, lectores que se acompañan os un aos outros na experiencia de ler un libro completo. Segundo a Consellería de Cultura e Educación, máis de 7.000 mozos e mozas participan nestas experiencias lectoras.

Como funcionan
“A base que conforman os clubes de lectura”, sinala Novoa, “son unhas lecturas seleccionadas, un calendario cos libros seleccionados e xuntanzas periódicas”. Pero en realidade, esas actividades fóronse ampliando en moitas direccións: encontros cos autores, visionado de películas, obras de teatro, lecturas dramatizadas…Na actualidade albíscase tamén unha evolución no propio concepto de clube de lectura: a maioría según a ser xeralistas, pero uns cantos estanse a especializar en banda deseñada, ciencia, ensaio…Mesmo hainos asociados ás lecturas gastronómicas, que empregan para experimentar nas súas propias cociñas.
Desta fervedura, destes 215 clubes de lectura galegos, un 25% dos centros dispoñen de clubes de adultos, destinados a pais lectores e adultos non vinculados á comunidade escolar e que están a medrar nós últimos anos.

A diferencia do que se podería considerar, “nos clubes de lectura non sempre están os mellores alumnos. Un clube de lectura inflúe na adquisición de competencias clave, como vocabulario, ou para os nenos tímidos que ás veces non teñen moitas habilidades sociais, o clube de lectura axúdalles moitísimo”. Os clubes son coordinados por profesores ou por responsables das bibliotecas, que marcan unha liña de xeito aberto, aínda que os libros poden ser propostos por calquera membro.

Cara a cara cos lectores
Algúns autores son auténticos trotaclubes de lectura, coma é o caso de Marcos Calveiro e Rosa Aneiros. “Eu creo que despois do que é escribir, nunca agardas o que é a creación dos teus personaxes nas cabezas de quen te le, e iso é o que descubres cando vas aos clubes de lectura. Esa é a verdadeira lectura”, di Rosa Aneiros. “As lecturas deles son moi distintas ás túas, e moitas veces as lecturas da túa obra son contraditorias entre os propios lectores. Eu como escritora vou aos clubes de lectura sobre todo a escoitar”.

“Eu vou a saber de verdade o que son os meus personaxes, ideas que pensaba que estaban moi claras despois non o eran tanto, e ao revés”, continúa Rosa. “Agora, á hora de escribir, iso inflúeme. Eu antes que o 90% da obra literaria era cousa miña, pero agora xa estou nun 30% ou 40%”, hai unha parte da historia que está nas súas cabezas. Eu sigo construíndo as miñas historias igual pero sabendo que unha significativa parte dela vaise montar na cabeza dos lectores”.

De adultos ou de novos, os clubes de lectura son un fenómeno tan novo como prometedor para a literatura galega.