Villares presenta un decálogo de acción do CCG

Explicou no Parlamento as liñas básicas de actuación para o seu novo mandato

Ramón Villares presentou este pasado venres no Parlamento as que serán liñas básicas de traballo no Consello da Cultura Galega para o seu vindeiro mandato (2014-2018). Villares resaltou o dinamismo da institucion: "só permanece no seu plenario unha cuarta parte dos membros desde o ano 2006". O Presidente incidiu na necesidade de avanzar un gran pacto pola cultura, para considerala un valor estratéxico e como un instrumento mesmo para saír da crise. “E hai que dicilo aquí porque son os partidos políticos os que teñen a potestade para facelo” apuntou.

Para o mandato 2014-2018, Ramón Villares presentou un decálogo das propostas estratéxicas que asumirá a institución. A primeira delas consiste en promover a colaboración institucional, co obxectivo de buscar sinerxías cara a elaboración de políticas culturais coordinadas. A segunda pasa por chegar a novos públicos para a cultura galega. Para poder acadar ese obxectivo, a terceira proposta consiste na diversificación das actividades, con novos formatos e unha maior descentralización para chegar a ámbitos locais. A cuarta é potenciar a acción exterior, relacionada coa quinta que consiste en xerar produtos para a internacionalización de cultura galega.
A presenza da cultura galega na rede será outro dos grandes eixes de traballo, que se concreta en varias propostas do decálogo. Concretamente na sexta, que consiste en etiquetar dixitalmente a cultura galega; a sétima, coa recuperación e dixitalización da documentación particular e a novena, que consiste en editar obras de referencia na rede, algo que xa se está a facer coa divulgación en redes sociais da obra de Castelao Sempre en Galiza.

A oitava proposta céntrase na elaboración dun Plan Director do Patrimonio Cultural no exterior, que permita coñecer o patrimonio depositado nos centros e institucións galega da emigración e elaborar liñas de actuación para velar pola súa protección e posta en valor.

A última proposta do decálogo consiste en situar Galicia no contexto europeo. Con motivo da celebración en 2016 da creación das Irmandades da Fala no contexto do rexurdimento dos nacionalismos europeos de comezos do século XX, analizar o nacemento da identidade galega no contexto da Europa de entreguerras.