Revelación de segredos

O proxecto Palabras secretas recupera a tradición máxica de Galicia

Fotograma de O licornio
Fotograma de O licornio
Con ocasión da noite máis máxica do ano, recuperamos o proxecto Palabras Secretas. A xornalista Ana Lois compila neste proxecto os saberes tradicionais para curar, enmeigar e desenmeigar. Unha impresionante colección de vídeos que están dispoñibles na rede e que, asegura, irán a mais.

“O proxecto comezou case por casualidade. Era un tema que sempre me atraeu moito, pero nunca pensara en facer nada. Hai un tempo unha amiga foi a Muros ver unha señora que quita o mal de ollo a empregar unha peneira, e voltou fascinada. Eu fun despois, e pareceume algo estéticamente precioso. E pensei que cando morrese esa xente eses coñecementos ían desaparecer para sempre, así que pensei en os gravar só para os conservar”. Ana Lois explica así o xeito no que botou a andar esta iniciativa, un completo web que permite coñecer polo miúdo historias, lugares, remedios e romarías de carácter máxico. A partir dese comezo, aos poucos, “fun sentindo curiosidade por outras señoras maiores con este tipo de coñecementos, e medio en serio medio en broma fun gravando ata que tiven material abondo. E entón pensei que non tiña moito sentido non o publicar”.

Métodos
Conseguir que persoas de idade estean dispostas a falar ante a cámara de coñecementos que a miúdo se transmitiron de xeito discreto ou foron directamente desacreditados por institucións da modernidade, ao se considerar supersticións, non é un traballo sinxelo. “Non vas cun letreiro posto a preguntar. Hai que ir polas aldeas casa por casa, preguntar, botar horas coa xente e xerar confianza para que alguén conte algunha cousiña. Logo outros contan máis cousas e así vas encadeando. Ás veces estás dous meses nun sitio ata que alguén comeza a falar, mais ao final paga a pena. Non é que eu teña unha habilidade especial. En Tomeza botei nove meses e desde que comecei a gravar pasaron xa cincuenta meses e teño só unha área pequena cuberta”. Á hora de conseguir novos contactos para ir ampliando os contidos do proxecto, Lois apunta que “a través de coñecidos descubrín unha ou duas persoas e logo fun organizando outras recollidas. Como non dispoño de orzamento nin máis recursos que o meu tempo e os meus aforros, tentei aproveitar as miñas viaxes para facer gravacións. Así, traballei en Pontevedra, onde adoito ir para visitar os meus pais, ou fun á Lama, e aos Ancares onde teño amigos, Se vou unha fin de semana a algures sempre pregunto e recollo algo”.

Financiamentos
“Cando xa levaba tempo co proxecto e antes de me arruinar o Concello de Pontevedra animoume a facer recollida en Pontevedra, e de aí saíu o documental Terra de Pastequeiros. A actividade dos sanadores tradicionais da zona e Tomeza protagoniza esta produción, que para a Ana Lois abre un camiño a seguir e admite contactos con outros concellos para desenvolver proxectos similares. “Tento implicar as institucións porque penso que é o xeito de que todos contribúamos no proxecto. Están a se deixar de lado moitos proxectos culturais coa excusa da crise, mentres para outras iniciativas seguen a se investir cartos. Temos que reivindicar que eses cartos se gasten en nós. Non vou facer un crowdfunding para isto, a xente xa está a tope de gastos”. En todo caso, asegura que non ten interese económico ningún nesta iniciativa, antes ao contrario. “A miña intención e poder facer unha boa posprodución de son, xerar tamén traballo para profesionais a partir da recollida e, se podo perder 4.000 euros no canto de 9.000 con este proxecto, pois estupendo”.

Impacto
Dentro dos contidos, a responsable da proposta apuntou sentirse sorprendida por moitos. “Gustoume moito a gravación das señoras da peneira que foi impactante e que levou isto a despegar. Logo hai moitas bendicións que resultan impactantes, sobre todo as que semellan máis primitivas, con árbores, un corno ou pedras de sal. Nos Ancares unha señora abenzooume con follas de bieiteiro e resultoume impresionante”. Como ela, o proxecto acadou un importante eco a nivel mediático e entre o público. “Desde o principio tiña claro que lle ía gustar a moita xente. O que si me sorprende é que funciona ben entre xente moi nova, que se está a preocupar por recoller e preguntar nas súas aldeas. Isto é o para min é o máis atraente”.

Inéditos e compilación
índa que a cantidade de gravacións publicadas xa sobrepasa as trinta, a xornalista asegura que dispón dun material inédito que duplica o que xa se pode ver na o web do proxecto. “Penso que o proxecto comeza a ter forma e gustaríame pensar nunha grande recollida, máis sistemática, por toda Galicia”. Os vídeos, publicados na plataforma Vimeo, pódense ver no web do propio proxecto. “Se alguén os quere pór no seu propio web, eu déixollos sen ningún problema, pero tento que se faga un uso respectoso deles, non quero se haxa burlas dos protagonistas”, explica. Como propostas de futuro, a xornalista apunta que “todos os que traballamos en proxectos documentais temos a idea de que hai que facer un documental de 52 minutos. Pero eu teño o pánico da obra inacabada, sempre estou coa idea de que mañá podo atopar algo impresionante. Cada vez que pensei que atopara algo estupendo, ao pouco descubría un caso aínda máis espectacular. Entón non quero polo momento facer nada fechado porque aínda faltan moitas zonas por recoller”.

Futuros inmediatos
A curto prazo, a xornalista sinala que “hai unha riqueza enorme de tradición. Moitos remedios dos que ouvín falar e aínda non atopei. Ademais hai urxencia. Unha xeración de xente maior vai morrendo, e máis do que facer agora a miña “grande obras audiovisual”, prefiro facer capítulos pequenos. Ao mellor dentro de vinte anos fago ese documental, pero agora mesmo quero recoller”. Como retos máis achegados, apunta “implicar a máis ente e conseguir un pequeno financiamento para facer máis recollida”.