Quiosco: Grial 201

O impacto das tecnoloxías dixitais nos diferentes procesos da cultura centra esta publicación

Segundo o editor, Víctor F. Freixanes, Este número de GRIAL aborda o que os estudosos denominan un novo xeito de narrar (Transmedia Storytelling ) e de producir/distribuír a narración, atendendo ás posibilidades e recursos que ofrecen as chamadas Novas Tecnoloxías. Anxo Abuín e Xosé Nogueira coordinaron un equipo de ensaistas que, dende a literatura e a comunicación, dende o audiovisual ás novas formas de negocio da cultura, abordan un tema de actualidade: os chamados Transmedia, que afecta tamén á cultura e a creatividade galega. A maiores, e sen saír dese discurso, María M. Maceiras aborda a transición dixital na lectura de textos mentres que Xosé Luis Franco Grande lembra as primeiras experiencia da radio en lingua galega despois da guerra civil: Raíz e Tempo, contra finais da década dos 60.

O número 201 complétase coas seccións tradicionais de Creación, o Rego da Cultura (cunha memoria especial para Antonio Pérez Prado) e o Espello das Letras: critica de libros, no que se inclúe unha lembranza de Patria Arias Chachero para o grupo de creadores galegos do Café Comercial en Madrid, un ensaio de Montse Pena Presas sobre a relación de Carlos Casares co mundo da infancia e a tradución dun poema grego do século III a C, o Mimiambo de Herodas. No capítulo dos referentes históricos, Henrique Monteagudo recupera dous documentos do galeguismo, unha carta de Ramón Cabanillas (fillo) a Castelao dende México e o chamado Pacto da Concordia, Galeuzca 1941. Nunha liña semellante, Facundo Reyna Muniain analiza as estratexias e políticas culturais do exilio, entre 1940 e 1960, no Centro Galego de Buenos Aires.
Conclúe o presente número de GRIAL cun traballo do profesor Díaz-Fierros Viqueira sobre a presenza do tren, símbolo do progreso, na obra de Curros Enríquez, e un novo ensaio de Carlos Lema, esta vez sobre "Literatura, feminismo e retórica do progreso".