O panorama empresarial

O número de empresas culturais non diminúe malia ao impacto económico da crise no sector

Seguen a nacer empresas culturais, aínda que as cifras económicas do sector van a peor. A edición e o mundo das bibliotecas e arquivos aparecen como os sectores relativamente máis dinámicos fronte a unha baixada xeral do número de firmas dedicadas ao audiovisual e música. O enorme peso do autoemprego e unha importante eiva no campo das exportacións completan o panorama destas firmas que nos achega o Observatorio da Cultura Galega no informe As empresas culturais en Galicia.

Aínda que timidamente, o noso país contradí a tendencia estatal á mingua no campo das empresas culturais. Se no conxunto do estado desapareceron 1.170 destas entidades entre 2008 e 2012, en Galicia o saldo do mesmo período é de 26 firmas máis. No entanto, este pequeno incremento dista de ser un fenómeno sostido. Logo dunha tendencia crecente do sector ata 2011, no que se superaron as 5.500 firmas en activo, no seguinte ano deuse un importante descenso que, se ben menos acusado que no caso estatal, podería indicar un cambio de tendencia. Por outra banda, as cifras de inscrición e empresas deste ámbito no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil semellan repuntar nos primeiros meses de 2014. Ata abril inscribíranse 28 destas firmas, case o dobre das que naceron no mesmo período do ano anterior.

Sectores
Por sectores, a edición preséntase como un ámbito no que o número de empresas medra, aínda que timidamente, ao igual que as firmas dedicadas ao campo das bibliotecas, arquivos e museos. Na outra cara, o audiovisual, xa sexa cine, vídeo, radio ou televisión, así como a edición musical, aparecen como os sectores que están a sufrir máis a crise e no que máis actividade se destrúe. No conxunto son as entidades dedicadas á creación artística e espectáculos as que teñen máis peso, nada menos que o 25,9% da actividade empresarial cultural do país.

A pegada no Estado
O número das empresas culturais galegas supón apenas un 5,4% do total do Estado. Aínda que a porcentaxe pode semellar pequena, a nosa comunidade ocupa o quinto posto, a grande distancia, iso si, de Madrid, Cataluña e Andalucía, que encabezan a clasificación. Dentro do sector, destaca de xeito curioso o peso relativo que teñen as entidades dedicadas á fabricación de soportes, aparatos de imaxe e son e instrumentos musicais. As 26 firmas deste tipo contabilizadas en 2012 supuñan nada menos que o 8,3% das existentes a nivel estatal.

O tamaño
O autoemprego predomina na maioría das empresas do ámbito cultural no noso país, nada menos que un 58,3% das mesmas non teñen ningún empregado, e o 99,6% das mesmas entran no epígrafe de Pequenas e Medianas Empresas (PEMES) con menos de 50 traballadores. Desde 2011 semella que hai menos empresas con entre 20 e 49 asalariados e tamén mingúan as que non teñen ningún. Na contra, increméntase as que teñen unha ou dúas persoas a soldo.

Os cartos e a exportación
O Valor Engadido Bruto, do sector deu en 2011 un total de 1.321 millóns de euros, un 2,58% do total galego. As cifras revelan un descenso xeneralizado en todos o indicadores económicos das empresas culturais, cun destacado baixón no Excedente Bruto de Explotación, que perdeu un 8,88% neses doce meses. A pegada da exportación, que en 2013 supuxo 4,2 millóns de euros, está a ser tamén sensiblemente menor nos últimos anos. A tendencia é aínda máis sombría se temos en conta que no conxunto da economía do país medran as vendas ao exterior.
Informe: As empresas culturais en Galicia.