A serie Regalo de Memoria recupera o testemuño de persoeiros do país

A Fundación Araguaney presentaba esta mañá o proxecto

Catorce persoeiros do noso país debullan as súas memorias ante a cámara en diferentes entrevistas. A Fundación Araguaney presentaba esta mañá en Compostela a serie documental Regalo de Memoria, unha produción que CTV desenvolveu a partir da novela do mesmo título que escribiron Ghaleb Jaber Ibrahim e Noemí Martínez en 2011. A iniciativa pretende pór en valor as memorias e o coñecemento de persoas de avanzada idade que son relevantes para o país. A Fundación cedeu de xeito gratuíto a V Televisión e á TVG o material das entrevistas do cal se tiraron os episodios de media hora que se poden consultar íntegros na rede.

Entre os catorce nomes que participan no proxecto están o de Xerardo Fernández Albor, Xosé Neira Vilas, Xosé Fortes, Antía Cal, Pilar Briones ou Baldomero Pestana entre outros. A presentación da serie contou, canda a Ghaleb Jaber Ibrahim, coa presenza do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares e do profesor de Ciencias Políticas da Universidade Santiago de Compostela, Xosé Luis Barreiro Rivas.