Novas publicacións amplían o foco sobre Díaz Castro

A poesía completa, unha perspectiva teolóxica ou o proxecto Nimbos de Luz son os útlimos lanzamentos

O Consello da Cultura Galega acollía onte a presentación de A ferida da beleza. Esta obra de Segundo Pérez, deán da Catedral de Santiago e amigo persoal de Díaz Castro, analiza a obra do homenaxeado no día das letras desde unha perspectiva teolóxica, nun novidoso enfoque sobre o traballo do poeta de Guitiriz. O traballo, editado polo Instituto Teológico Compostelano, incide nas claves relixiosas que se poden atopar nos poemas de Díaz Castro.

Pola súa banda, a editorial Galaxia está a presentar a súa edición da Obra galega completa de Díaz Castro, un exhaustivo traballo coordinado por Armando Requeixo que rescata a totalidade dos poemas do autor na nosa lingua e que inclúe máis de dúascentas composicións, o que multiplica por seis o volume da súa creación coñecida. O volume inclúe asimesmo a edición definitiva do poemario Nimbos, desenvolvida por Requeixo e Lui G. Tosar.

A mesma editora lanza agora Nimbos de luz. Esta obra, coeditada coa Xunta e mais coa Real Academia recolle o material da exposición homónima que está a percorrer o país e inclúe un DVD co documental O instante eterno de Xosé Antón Cascudo. O libro presentarase publicamente o vindeiro mércores 12 de maio na sede da Real Academia Galega, na Coruña.

Ademais destas obras, a editora ten xa na rúa a nova edición de Nimbos, e mais Xosé María Díaz Castro. Vida e obra, de Armando Requeixo.