As cámaras apuntan a Díaz Castro (III)

O Proxecto Nimbos amosa as posibilidades audiovisuais dos versos do homenaxeado no Día das Letras

Facer curtametraxes a partir dos poemas de Nimbos. Esta é a proposta que o colectivo Acto de Primavera realizaba o pasado verán a un grupo de cineastas do país. Unha ducia de producións na rede (e aínda as que restan), amosan as posibilidades que achegan os versos de Díaz Castro de se facer filmes.

Unha das propostas máis orixinais que se están a ver arredor de Díaz Castro este ano é o Proxecto Nimbos. O blog Acto de primavera realizou unha convocatoria aos creadores do audiovisual do país para crearen pezas orixinais a partir de cadanseu texto do libro máis coñecido do poeta. Antonio Caeiro, Xacio Baño, Margarita Ledo, Otto Roca ou Xurxo Chirro son algúns do preto dunha ducia de creadores que achegaron xa as súas curtametraxes ao proxecto. Segundo explica Martin Pawley, impulsor da iniciativa canda a Xurxo González e José Manuel Sande, "o verán pasado lanzamos a proposta vía mail a unha serie cineastas sen saber quen respondería e inicialmente dixeron que si 20 ou 30. Irase vendo se finalmente todos fan a súa peza".

A proposta
"O desafío pretendía que creadores moi diversos fixesen unha obra non literaria a partir dun texto literario", lembra Pawley. Para conseguir isto, a convocatoria tiña unicamente dúas condicións. "A duración, para lle dar certa homoxeneidade ao proxecto, tiña que estar entre os tres e os cinco minutos. Haberá pezas máis longas e outras máis curtas, pero a idea era que ninguén presentase propostas de media hora ou máis". Canda a isto, a outra limitación era que a curta "debía se inspirar nun poema pero sen o empregar integramente. Pódese facer só cunha parte do texto ou mesmo sen recoller ningún verso. Con isto queriamos evitar caer en videopoemas ou poemas ilustrados".

As causas dos Nimbos
Detrás do desafío, segundo confesa Pawley, está "a miña propia admiración por el e por Nimbos e o saber que outra xente a compartía". A resposta supuxo para os organizadores "certo grado de sorpresa. Tendo en conta que se trata de facer algo sen recursos, por conta propia e sen retorno. Había algunha xente coa que si contabamos que se sumase, pero non tanta nin con propostas tan diversas e interesantes". Entre as causas deste eco, Pawley apunta unha sona que pode resultar sorprendente nun poeta cun único libro publicado. "Cónstame que hai xente cun grande interese en Díaz Castro. Para fin foi curioso que xente que entre os trinta e os trinta e tantos anos, que xa non viviu nin o apoxeo de Nimbos nin os seus ecos. Ademais trátase dun libro ao que durante moito tempo non houbo acceso fácil, xa que entre edición e edición pasou anos esgotado nas librarías". No entanto, este crítico cinematográfico salienta que "xente nada nos anos 70 ou 80 tiña curiosidade pola obra cando non admiración expresa nalgúns casos. Tivemos persoas que xa desde o comezo tiñan claro qué poema querían facer porque coñecían a obra".

Experimentación
Para alén do interese pola obra do homenaxeado, Pawley salienta tamén "unha vontade e un espírito de experimentar e de facer cousas distintas" entre os autores do audiovisual de hoxe. "Nun momento de moitos cambios, cun panorama complicado e mudan moitos paradigmas, as propostas que se afastan do convencional teñen máis sentido que nunca, e isto tamén axuda a que a xente se preste a experiencias deste tipo".

Versos para imaxinar
En xeral as propostas recibidas e publicadas ata o momento "encaixan na categoría de experimentais, aínda que cunha grande diversidade de enfoques, que era o que pretendiamos. Segundo o coordinador da proposta, Díaz Castro "é un autor moi singular na literatura galega. Pódese dicir que é un poeta puro, fóra de modas que non encaixaba nas tendencias do seu tempo". No seu caso, nun momento no que predominaba a poesía social, "emprega un rexistro poético, con vocación de transcendencia. Ese exercicio de pureza lírica fai que sexa singularmente estimulante para facer achegas desde outros ámbitos artísticos. Penso que é moi axeitado para musicar e tamén para artes visuais. Obriga a un tratamento diferente, non se presa a ser ilustrado, senón recreado".

Algúns nimbos
Á hora de seleccionar algunhas das producións presentadas, Pawley apunta que "persoalmente téñolle moita estima á primeira, realizada por Xuxo Chirro. Pareceume moi útil no sentido de que axudou a definir o que non era o proxecto. Ademais, sendo un dos impulsores da iniciativa, tiña moi claro o enfoque e penso que acadou unha peza moi notable". Fóra diso apunta que "hai pezas nas que a música ten un valor especial. Carlos Álvarez-Ossorio presenta unha proposta moi diferente pero moi coherente co proxecto. Temos pendente de publicar algunha como a de Eloi Domínguez que é espectacular, dunha calidade enorme. Ou a propia Margarita Ledo, sendo alguén que chegou a coñecer ao autor, desde a súa persoal linguaxe cinematográfica, fixo unha achega valiosa e curiosa a esta homenaxe". En xeral, apunta, "estamos moi agradecidos ás propostas e á valentía coa que asumiron este desafío.

Outro xeito de celebrar
A innovación da proposta consolida unha certa tendencia dos últimos anos a conmemorar mediante o audiovisual os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas. "Que persoas de tan diferentes formacións e espíritos se sumasen a este tributo non ten precedentes e supón un pequeno fito que asoma como se pode festexar o Día das Letras de xeito totalmente libre, independente e autoxestionado. Amosa que a sociedade civil é quen de enfiar os seus propios xeitos de homenaxear un autor literario ou calquera outra cousa".
Aínda que contentos co resultado, os coordinadores do Proxecto Nimbos non teñen claro se repetirán a proposta para o vindeiro ano. "Estaría ben que se puidese repetir, pero tampouco queremos que se converta en algo ritual e rutineiro". O Día das Letras achégase, e ata entón irán subindo novos vídeos ao proxecto. No entanto, os responsables da iniciativa advirten que a cousa non remata aí. "Ao longo de 2014 irá habendo outras propostas, posiblemente mesmo algunha de autores non galegos e algunha que podería ter circulación alén do propio proxecto e verse noutros contextos. A ver qué vai pasando".