Os Premios da Crítica, galardóns honoríficos outorgados pola Asociación Española de Críticos Literarios, fixéronse públicos hoxe en Logroño. Das dúas categorías dirixidas á literatura en galego, Narrativa e Poesía, as obras repectivamente elixidas foron A lúa da colleita (Galaxia) de Anxos G. Sumai e Raíz da fenda (Eds. Xerais) de Berta Dávila. Os dous libros son candidatos na vindeira entrega de premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega. O libros de Anxos Sumai publicouse como gañador do Premio García Barros 2013 e Raíz da fenda recibira o XV Premio de Poesía Johán Carballeira, ademais Berta Dávila foi recoñecida na entrega dos Premios Ánxel Casal da Asociación de Editores Galegos como mellor autora do 2013.