O bookcrossing protagoniza o Día do Libro

Bibliotecas, museos e centro de ensino centran as actividades

A celebración este 23 de abril do Día Internacional do Libro concita, como vén sen do habitual, unha nutrida programación de actividades. O bookcrossing ou liberación de libros en espazos públicos afiánzase como opción para a conmemorar a data. Así, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo de Belas Artes da Coruña e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, dependentes da Consellaría de Cultura libertarán preto de 2.500 volumes nunha iniciativa na que participa tamén o MARCO de Vigo canda a case medio centro de museos de todo o Estado.

Canda a isto, como non, as bibliotecas preparan unha programación especial que incluirá contacontos, visitas escolares ou obradoiros. A Consellaría de Cultura editou tamén un marcapáxinas conmemorativo da data cun texto de Paco Martín.

Pola súa banda, tamén a delegación galega do Centro Superior de Investigacións Científicas se suma á data con sesións de contacontos "cientificosos" en diferentes centros escolares e mais cunha conferencia de Marilar Aleixandre sobre "Expedicións científicas reais e imaxinarias”
Marcapáxinas con texto de Paco Martín para o Día do Libro 2014.