Un pioneiro de película

Un documental recupera a figura e o traballo de José Gil no audiovisual a comezos do século XX

A historia dun avanzado do cinema galego contada nun film. José Gil revolucionou a comezos do século XX a cultura do país coa súa aposta polo audiovisual e deixounos algúns dos documentos históricos máis importantes que existen neste ámbito. O documental José Gil. Fotógrafo e pioneiro do cine, recolle agora a traxectoria deste pouco coñecido personaxe da man de Miguel A. Romero.

Inventor, fotógrafo, cineasta, produtor, vendedor de coches ou publicista na Galicia dos anos 10 e 20. Non cabe dúbida de que José Gil foi unha persoa adiantada á súa época e cunha decidida vocación de modernidade. "Resultoume incrible que non houbese nin publicacións nin documentais sobre el. Eu descubrino lendo un libro de Xosé Nogueira sobre a historia do cine en Galicia e axiña me pareceu un personaxe moi rico para facer algo" explica Miguel A. Romero, director do proxecto. Debemos ter en conta que Gil inicia a súa actividade comercial co cinema xa nos anos 10, cando este medio chegara a Galicia aínda en 1889 da man de José Sellier, o que amosa o temperán da súa iniciativa. "Desde a Produtora Faro e co apoio de Manolo González, conseguiuse unha axuda de AGADIC e botámolo a andar". González resultou unha figura fundamental á hora de desenvolver este proxecto, xa que é un dos principais investigadores sobre a figura e o legado de Gil.

Documentais
O groso das producións de Gil inscríbense no xénero documental. Integrou o filme no seu traballo como fotógrafo (participou nunha efémera sociedade co tamén vigués Pacheco) e deste xeito gravou abondosas vodas e celebracións por todo o país. Canda a isto, apostou tamén por filmes de promoción industrial, como é o caso do que ten como protagonista os talleres Alonarti ou outros dos que se conserva o rexistro, como o dedicado á conserveira Albo. En xeral Gil centrou a súa carreira en retratar asuntos cotiáns de carácter rexional, desde festas populares ata partidos de fútbol.

Correspondencia
No entanto, a súa pegada fundamental no cinema do país foi o seu papel na creación do Cinema de Correpondencia, é dicir, aqueles filmes que se enviaban entre os galegos residentes no país e aqueles emigrados. Para desenvolver o seu traballo neste campo, Gil chegou a crear produtoras como Galicia Cinegráfica e Galicia Films desde as que planificou a produción seriada deste tipo de traballos. Conserváronse entre estas as coñecidas Nuestras fiestas de allá de 1928, film que retrata diferentes eventos festivos no Val Miñor para a asociación Unión de Hijos de Mogardanes en Montevideo, e mais Galicia y Buenos Aires de 1931, filmada no Condado. Nos dous casos os filmes restauráronse mercé á colaboración entre o Consello da Cultura Galega e mais o Centro Galego de Artes da Imaxe.

Amosar a Gil
O traballo de Romero co documental facilita para alén de coñecer a historia, poder ver fragmentos da propia obra deste cineasta, ao incluír as súas filmacións e fotografías. "O material que recuperou e o que restaurou o CGAI son fundamentais", recoñece Romero. "Empregamos metraxe sobre todo de Galicia y Buenos Aires , de Talleres Alonarti-Sociedad La Artística e dunha voda en Bueu . Canda a esta metraxe xa coñecida, o documental achega algúns novos elementos. "Hai cousas que ata o de agora eran practicamente descoñecidas, como imaxes dunha becerrada na praza de Touros de Pontevedra na que Gil emprega un coche Ford para lidar os touros, postais que estaban perdidas ou o rexistro do invento do automotorcine", furgoneta dotada dun proxector que deseñou o protagonista do documental, "que estaba nun arquivo de Madrid".

Publicidade
Para alén do cinema, Gil resultou un adiantado no emprego da publicidade, xa que ideaba diferentes eventos para dar a coñecer os seus produtos, nomeadamente os coches dos que era representante. Así, para alén desa introdución dos automóbiles na praza de touros, tamén realizou accións como subir e baixar unhas escaleiras de Vigo ao volante dun dos seus autos con vistas a conseguir clientela para o seu negocio. "Era alguén moi avanzado para o seu tempo, publicitábase en todas as revistas e xornais de Galicia e tiña claro que isto era algo fundamental para vender", lembra Romero.

Ficción
Unha das producións que máis curiosidade esperta no legado de Gil é Miss Ledya, o primeiro filme de ficción galego que se conserva, e que conta coa peculiaridade de ter a Castelao como un dos actores. "Sabemos que antes desta, de 1916, Gil filmara outra no 14, pero non apareceu. Realmente o filme foi unha encarga dunha sociedade pontevedresa e el dirixiu sobre un guión de Rafael López Garo", explica o director do documental.

A traxedia persoal
A historia deste pioneiro semella que consegue éxito entre o público. "Ao coñecelo tan pouco chama moito a atención". Canda a súa face de emprendedor, no documental abórdase tamén o aspecto tráxico da súa vida, xa que as súas tres fillas morreron de tuberculosa. Unha espectacular escultura de Asorey e Camilo Nogueira no cemiterio Vigués de Pereiró amosa aínda a tumba onde fican os seus restos. Esta lenta enfermidade e a busca de solucións acarreoulle a Gil múltiples gastos e acabou por levar a que perdese a representación dos coches Ford. A chegada do cinema sonoro e o incremento da competencia, co nacemento de diferentes produtoras no país, acabou por levar á ruína a este empresario.

Esquecemento
Encol do xeito en que un personaxe como este ficou no esquecemento, Romero apunta que "nos anos 20 o cinema era considerado algo inferior que a intelectualidade mesmo rexeitaba", explica. Posteriormente "mantívose a ignorancia sobre o traballo desta época. Cómpre recuperar esa figura, habería que se preguntar, por exemplo, por qué os premios do audiovisual se chaman Mestre Mateo e non José Gil". Unha das explicacións da relativa ignorancia sobre este personaxe é que os seus filmes estiveron durante moito tempo perdidos e só nos últimos anos comezaron a se pór a disposición do público e se poden coñecer mediante as redes.

O legado e a memoria
Romero sinala que é perfectamente posible que o legado conservado de Gil medre aínda co tempo. E é que das máis de 150 películas que se calcula que rodou apenas se conservan 5 títulos. "O outro día fixemos unha presentación no Museo do Pobo. Pois un mes antes, unha persoa deixou alí unha lata de películas coa rodaxe dunha voda en Padrón que pensamos que é del". Nos vindeiros meses están previstas diferentes presentacións desta produción. Un acordo coa Federación de Cineclubs facilitará a difusión do traballo desde pioneiro do cinema. "Con este filme queremos reivindicar a súa figura dun xeito contundente. Foi o primeiro produtor, camarógrafo e montador do noso país e pensamos que está inxustamente esquecido. Parécenos que é de xustiza reivindicalo e agardamos que isto permita que se lle coñeza mellor".

Galería: José Gil

Galería: José Gil

Cartel de José Gil, fotógrafo e pioneiro do cine

Retrato de José Gil en <i>Vida Gallega</i>

Retrato de José Gil en Vida Gallega

Fonte: Miguel A. Romero

José Gil a filmar en Balaídos

José Gil a filmar en Balaídos

Fonte: Miguel A. Romero

José Gil coa súa dona e as fillas

José Gil coa súa dona e as fillas

Fonte: Miguel A. Romero

Un dos anuncios de José Gil en <i>Vida Gallega</i>

Un dos anuncios de José Gil en Vida Gallega

Fonte: Miguel A. Romero

Detalle da tumba das fillas de Gil en Pereiró

Detalle da tumba das fillas de Gil en Pereiró

Fonte: Miguel A. Romero