Alejandro de la Sota protagoniza a primavera do CGAC

As últimas adquisicións do centro, o proxecto 27 negros e Paco Rocha completan a programación

Alejandro de la Sota
Alejandro de la Sota
O Centro Galego de Arte Contemporánea protagoniza hoxe unha cuádrupla inauguración. A partir das 20 horas de hoxe o espazo compostelán abre as portas da exposición 100 anos con Alejandro de la Sota coproducida coa madrileña Fundación ICO. O proxecto repasa a traxectoria do coñecido arquitecto cando se fan cen anos do seu nacemento. Canda a este proxecto, o Centro amosará tamén unha colectánea as súas últimas adquisicións. Traballos de Usue Arrieta & Vicente Vázquez, François Bucher, Waltercio Caldas, André Cepeda, Patricia Esquivias, Suso Fandiño ou Fermín Jiménez Landa entre outros atoparanse nas salas do edificio de Álvaro Siza.

A estas mostras súmase aínda o proxecto 27 negros. O galego Misha Bies Golas coordina esta iniciativa na que outros tantos artistas de diferentes xeracións achegan cadanseu monocromo de cor negra. Nomes como Nacho Martín Silva, Carlos Maciá, Vítor Mejuto, Ángela Cuadra, Suso Fandiño, Antonio González ou Din Matamoro participan desta iniciativa. Para rematar, o fotógrafo Paco Rocha amosará o seu traballo Naturalmente humano no espazo de proxectos do centro.

As catro exposicións poderán visitarse ata o vindeiro 15 de xuño.
Ligazóns