As cámaras apuntan a Díaz Castro (I)

Diferentes producións audiovisuais poñen o foco na vida e na obra do homenaxeado no Día das Letras

O homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano está no foco. Documentais e creacións audiovisuais están a se achegar desde as máis diversas perspectivas á vida e á obra de Xosé María Díaz Castro. Creacións a partir das súas poesía, repasos da súa vida e obra e mesmo un retrato da súa aldea natal son algunhas das propostas que están sobre a mesa. Repasamos as visións fílmicas de Díaz Castro nunha serie de dúas reportaxes.

A seguir a tendencia que se está a dar nos últimos anos, tamén neste 2014 o audiovisual súmase á celebración do Día das Letra abordando desde diferentes olladas a figura e a obra do homenaxeado. No entanto, non todos os proxectos audiovisuais encol do autor naceron nin moito menos ao abeiro do Día das Letras. O intenso traballo de promoción do autor que se veu desenvolvendo desde a zona de Guitiriz deu pé a que varios dos proxectos comezasen antes desta homenaxe.

Pioneiro
O pioneiro neste sentido foi Xulio Xiz, que gravou xa entre 1987 e 1988 Xosé María Díaz Castro. Nimbos de poesía, coa participación do propio poeta, que percorre lugares destacados da súa vida e fala sobre o seu traballo, ademais de recitar algúns dos seus poemas. Este documental, dunha media hora de gravación, "agora vese como un achado arqueolóxico, o único documento audiovisual de Díaz Castro", segundo recoñece Xiz. Encol do seu temperán interese polo poeta, o director recoñece que "eramos amigos desde comezos dos anos 70, e cando en 1986 creamos a produtora Ophiusa, ocorréuseme que había que lle facer unha homenaxe audiovisual ao que era un dos máis importantes poetas vivos do país pero que daquela estaba totalmente ignorado en Galicia".


Rodar a Díaz Castro
A afinidade entre os dous creadores facilitou, segundo recoñece Xiz, a rodaxe. "A gravación foi como algo natural, a cámara complementaba a relación que tiñamos habitualmente". Betanzos, Mondoñedo ou Guitiriz son escenarios da produción. "O retorno a Guitiriz nos seus últimos anos, cando se xubilou, supúxolle un reencontro con Galicia, tamén grazas á Asociación Xermolos, que o acolleu e lle deu tamén un ambiente literario e político que facilitou ese reencontro". A experiencia do documental foi moi positiva para o propio autor, que sinalou que "conseguiu que lle emprestasen un vídeo para a ver. Nós estábamos contentos porque pensabamos que saira ben, e ele corrixiunos a dicir que saíra moi ben. Estaba encantado. Nese sentido tiña a inocencia dun rapaz novo, como dicía nos poemas, tiña os ollos abertos ao amencer".

Nova difusión
Logo de que no seu día a produción se puidese ver en diferentes proxeccións en Lugo, Guitiriz ou Compostela, unha versión remasterizada e dixitalizada do documental está agora dispoñible de xeito íntegro na rede. "Asinamos un convenio coa Consellaría de Educación pensando sobre todo en que os rapaces dos centros educativos poidan traballar con este material. Pensamos que está ben que se poidan achegar de xeito directo e case físico á memoria dun autor que, se non fose por este documento, só poderían coñecer polos libros. O documental complementa un pouco ese achegamento".

O instante eterno
Alén desa proposta, este ano ve tamén a luz outro documental, máis ambicioso, sobre a vida e a obra do homenaxeado. Neste caso, o proxecto O instante eterno corre por conta de Xosé Antón Cascudo, que contou co acceso ao arquivo fotográfico e textual do poeta custodiado por Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos. A filmación preséntase estruturada en cinco tempos, atendendo a catro estacións na vida do poeta e mais un epílogo sobre o seu traballo. Entrevistas a diferentes persoeiros da cultura e coñecidos do autor, retratos da paisaxe máis próxima ao autor ou versos recitados por Xiana Arias tentan reflectir o coidado proceso creativo de Díaz Castro e as circunstancias na que se desenvolveu a súa obra.


Investigación e incógnitas
Segundo explica o director "o proxecto xorde en 2011, cando se facían 50 anos da publicación de Nimbos e con vistas ao centenario do autor, en 2014". A intención era "facer un documental que abrangue a súa vida e obra, algo ambicioso no que se recollesen entrevistas con amigos e estudosos e que revisitase esas zonas clave para Díaz Castro, como a aldea de Vilariño, Mondoñedo, Betanzos, Vilagarcía ou Madrid". Para alén de retratar o poeta e a súa obra, "o proxecto pretendeu desde o comezo no deixar fóra ningún espectador e facer algo que todos puidesen entender, do mesmo xeito que Díaz Castro integraba tan ben a alta cultura e a cultura popular. Nese sentido estou contento porque vexo que o documental suscita interese por parte do público e entre os seus propios veciños". Cascudo recoñece que o descoñecemento que ata o de agora existía en xeral sobre o personaxe, "fai que fose complicado mergullarse na súa vida, había moitas incógnitas por mor desas tres décadas que pasou en Madrid". Entre as descubertas dese proceso, Cascudo destaca do autor "o ser un poeta tan complexo que se pode considerar unha antoloxía da poesía universal. Toca todas as perspectivas e é relixioso, existencial e social".


Presentación
A produción, xa rematada, está a se presentar en diferentes foros. "Estamos de xira, pasamos polo País Vasco, e logo da Semana Santa visitaremos a Complutense de Madrid e Sevilla". En vindeiras datas agárdase presentar o proxecto en colaboración con diferentes asociacións e cineclubes por todo o país. Ademais, a Editorial Galaxia prepara o lanzamento dunha fotobiografía sobre Díaz Castro escrita por Alfonso Blanco, de Xermolos, que incluirá o DVD co filme.

Como se fai un poeta
Sen correr tanto, tamén se adiantaron á conmemoración os alumnos do IES de Guitiriz co nome do poeta, que ao longo do curso 2012/2013 fixeron o seu propio achegamento audiovisual a esta figura. Poemas musicados, entrevistas, lembranzas e reflexións dos veciños da vila amosan a lembranza e a percepción sobre o homenaxeado e o seu tempo. Non contentos con isto, no IES continúan o seu traballo e publicaron xa un karaoke sobre un poema do autor musicado e outro vídeo no que os alumnos do centro cantan os versos do homenaxeado. A produción está íntegra na rede e pode consultarse libremente.


Esa lus, unha canción para Díaz Castro