TEDx 2014: Cara ao cambio

Repasamos as mellores conferencias do encontro sobre innovación

O pasado 13 de decembro o Centro Social Fundación Novacaixagalicia Pontevedra acollía a edición 2014 do TEDx Galicia. Este encontro, centrado na innovación e baseado en conferencias informais, acaba de publicar no seu web e mais na sua canle de Youtube os vídeos coas intervencións completas que se puideron ver naquela sesión. Repasamos unha selección das mesmas da man de Marcos Pérez, coordinador do evento.

Criptografía, emprendemento, comunicación, educación ou música. Os temas que se abordaron nas dez conferencias do TEDx 2014 foron do máis variado. No entanto, desde a organización verifican a existencia de determinadas correntes nas charlas que se puideron escoitar no encontro. Segundo apunta Márcos Pérez, "o que máis nos preocupa como tendencia nas charlas do TEDxGalicia é o feito de que a forma lle gaña protagonismo ao fondo. Quizais somos os primeiros que temos contribuído a isto pero tamén pode ser a mostra dunha sociedade na que falamos moito máis do que facemos". A nivel de contidos, non entanto, a organización detecta unha corrente cara a propostas alternativas. "podemos ver un importante achegamento cara á necesidade de mudar as cousas. Este ano presentáronse alternativas para a educación, as empresas, o consumo, as redes sociais... chegando ata a cuestionar o propio concepto non evolucionado da vida democrática".


Á hora de facer a selección de conferencias desde ano, Pérez sinala catro conferencias que lle chamaron especialmente a atención.

Yo mono: Pablo Herreros


"Pablo investiga sobre o comportamento de primates trazando paralelismos aplicados a ámbitos humanos como a empresa, a política ou a educación. Na súa exposición, Pablo rompe algúns dos nosos prexuízos cara ao comportamento animal. Os resultados de experimentos con nenos e primates amosan como entre os instintos primarios existen valores positivos como a colaboración, a cooperación e o sentimento de xustiza. Entón, qué estamos a facer para conseguir apagar estes instintos?".


3 accións sinxelas para cambiar a educación: Xosé Manuel Dopazo


"Sen conexión premeditada das súas charlas, Xosé Manuel dános unha pista para responder á pregunta anterior. Xosé Manuel Dopazo é profesor de Lingua e Literatura e Diretor do IES Maruxa Mallo. Esta charla encerra a esencia dunha charla TEDx. Unha idea propositiva que nos permite tomar parte da resolución dun problema de interese xeral. Neste caso, Xosé Manuel provócanos cara a unha reflexión encol dos contidos superfluos que enchen os debates sobre educación e, sacando toda a palla do medio, conclúe con tres accións ben sinxelas que realmente mellorarían a educación".

¿Y si mañana cierra facebook?: Gonzalo Garré


"Con este suxestivo título a charla de Gonzalo Garré, membro do departamento de marketing da Escuela de Negocios NCG, expón a necesidade de volver pensar na comunicación como elemento de conexión máis que como fin en si mesmo. Centrado na importancia das persoas e desde a defensa da comunicación online, Gonzalo fai unha interesante proposta cara á racionalidade no seu uso".

La vaca emprendedora: Frankie Gómez


"Desde a crítica ao emprender por emprender como proposta válida fronte a todos os males da economía, Frankie Gómez fai unha divertida e realista charla que repasa os conceptos e aspectos claves do emprendemento a través dunha metáfora moi galega: a vaca. Frankie é actualmente CEO de Confirmsign".

Para alén destes exemplos, e como desafíos de cara ao futuro, logo dunha edición na que houbo críticas por problemas técnicos e de xestión do tempo, Pérez apunta que "falta un paso máis e traballamos insistentemente por lle dar o formato axeitado. O reto vén ser o de toda a vida, ser quen de pasar das palabras aos feitos