Eurozone de Chévere é o vencedor desta edición dos María Casares

A gala fixo unha fonda homenaxe a Xosé Manuel Olveira “Pico”, finado en 2013

O equipo de Chévere recollendo o premio. Foto: Olalla Lojo/AAAG
O equipo de Chévere recollendo o premio. Foto: Olalla Lojo/AAAG
O mellor espectáculo teatral do ano pasado foi, para a profesión, Eurozone de Chévere. A montaxe que recrea a crise de Europa, adaptándoo á estética do filme de Tarantino Reservoir Dogs, foi a gran vencedora da noite ao recibir tamén a xerra que os recoñece como mellor iluminación, escenografía e a interpretación de Patricia de Lorenzo como actriz secundaria. Seguiuno, As do peixe, a homenaxe ás mulleres traballadoras das conserveiras de Cándido Pazó, que recibiu tres galardóns: mellor texto orixinal, mellor dirección (de Cristina Domínguez) e mellor actriz protagonista (Susana Dans).

O palmarés complétase cos dous premios de Bye, Bye Honey un para a música de Carlos Mosquera “Mos”, e outro para a interpretación de César Goldi como actor de reparto. Levaron un premio, a adaptación de Xosé Manuel Pazos Varela para Teatro do Atlántico en A charca inútil; o vestiario de Uxía P. Vaello para Voadora en Waltz, a maquillaxe de Trini Silva e C´est la vie de Matrioshka Teatro. O mellor actor protagonista foi Josito Porto polo seu monólogo en As mil vidas de Matias Houseman. A gran esquecida da noite foi a compañía de nova creación Il Maquinario Teatro que non obtivo ningún dos seis galardóns aos que era finalista.
Gañadores dos María Casares.