A comunidade dos filmes

O Proxecto Socheo recupera o patrimonio audiovisual da Guarda

Recuperar o patrimonio fílmico dunha comunidade e polo ao servizo desa mesma comunidade e mais de todos os interesados em facer algo con el. O Proxecto Socheo recupera as películas domésticas da Guarda e as producións históricas con este escenario e evidencia as posibilidades que oferta este tipo de material. Continuamos a nosa serie sobre a recuperación do patrimonio audiovisual.

Todo comezou co proxecto Vikingland. Este premiado filme de Xurxo González Chirro naceu a partir do material gravado por un galego emigrado para traballar nun ferry entre Dinamarca e Alemaña. "Cando fixen este traballo, vin que na Guarda" de onde é natural o director, "moita xente tiña material semellante. Como non ía facer outro filme, pensei como se podería pór en valor, e así naceu o proxecto", no que o acompañan Beli Martínez , Luís Cividanes, Gustavo González e Pablo Lomba. Fronte a outras formas de patrimonio, o equipo de Socheo apunta que "apostamos polo audiovisual porque é o medio máis accesible, máis mediático, máis axeitado ás redes sociais e máis facilmente compartible". Segundo recoñece, este interese polo audiovisual non é algo anovador. "Hai unha xeralización destes proxectos, non inventamos nada. No noso caso a diferenza fundamental é que é todo de balde e que aproveitamos plataformas como o Youtube e as redes sociais para o dar a coñecer. Ademais estas plataformas facilitan un novo xeito de entender o arquivo, sen límites de acceso". En total case 200 filmacións que se poden consultar íntegras na rede. O equipo de Socheo dixitaliza o material fílmico e devólvelle aos donos o orixinal e mais unha copia dixital.

As videobitácoras: un tesouro particular
Como elemento diferencial dos fondos audiovisuais que se recollen no proxecto, González salienta a existencia dun xénero particular de filmacións privadas, as videobitácoras. "Como historiador do cinema, no proxecto destacaría as videobitácoras. Desde os noventa, cando se popularizaron as cámaras de vídeo, moitos mariñeiros gravábanse nos barcos para dar a coñecer un traballo que era invisible na sociedade. Isto é son moitas horas de material que están por estudar, hai mesmo de xente que nos anos 60 e 70 xa filmaban con cámaras de cinema, aínda que cando se dá o incremento de produción é coa chegada do vídeo". Así, abundan nos fondos do proxecto as gravacións nas que se poden ver diferentes traballos do mar. "O meu propio filme,Vikingland está feito a partir da videobitácora dun traballador". Este tipo de traballos, lonxe de ser exclusivos da Guarda "hainas en máis portos, eu sei de casos en Vigo ou en Vilagarcía, e ten que haber outros. O das gravacións nos barcos é un terreo aínda por estudar. Trátase de xente que xa desde os anos 60 ou 70 tiña acceso a cámaras de cinema e logo, co vídeo, produciron un material inxente".

Vistas turísticas e filmacións históricas
Canda a estas gravacións, o proxecto detectou outra tendencia importante no patrimonio audiovisual da Guarda, as vistas turísticas. "Hai moitas visitas gravadas. O monte de Santa Trega é unha icona, hai moitas gravacións tanto de xente do lugar como de visitantes. Fixemos unha relación das imaxes gravadas desde o monte e son bastantes". As festas locais tamén teñen o seu peso nos filmes rescatados. "Hai bastante peso das festas do monte, é un tema que se repite. Mesmo dáse o caso curioso que na gravación dun desfile aparece outra persoa a gravar, e decubrimos que temos as dúas visións no arquivo". Para alén das filmacións particulares, o proxecto recolle no seu seo antigas gravacións sobre A Guarda inseridas en documentais ou outras producións profesionais. "Ampliamos o espectro e incorporamos, como se fósemos unha Film Comission, todo o material que atopamos sobre o terreo".

A relación coa xente
Ao se desenvolver no marco dunha comunidade concreta, o contacto directo e a transmisión boca a boca é fundamental para a recollida de material no proxecto. "Chégannos vídeos á caixa de correo da casa. Consideramos que a comunidade debe sentirse implicada e orgullosa do material que se compila". Nese sentido, "ademais do traballo na rede, procuramos tamén facer presentacións físicas do material, é moi interesante. Logo de cada acto, a xente chama por un e di que ten material. Estes eventos permiten entrar en contacto directamente coas persoas, póñenche cara e xa non es alguén que está na nube, pasas a ser unha persoa física". En xeral, segundo sinala González, "os colaboradores están encantados e mesmo se sorprenden porque pensan que imaxes como as dun casamento non poden ter valor".

O valor das relacións
"O material caseiro, que estaba relegado a un consumo familiar, colle outro significado a se pór en relación con outro material", explica González. Do mesmo xeito, no proxecto Socheo realizáronse montaxes con filmes recollidos que permiten, por exemplo, ver en paralelo dúas gravacións sobre a descarga da sardiña, unha dos anos 60 e outra actual, e aprezar as mudanzas. Ou observar a evolución da paisaxe da vila a partir das múltiples panorámicas que se recollen no proxecto. "Só coas panorámicas gravadas desde o monte pódese seguir a historia do cinema" e a súa evolución técnica en paralelo á transformación da Guarda. "Hai que pór en valor o material e fomentar que aparezan significados para alén das propias imaxes".

O uso
Do mesmo xeito que González artellou Vikingland a partir dunha videobitácora, desde o proxecto Socheo queren facilitar a reutilización destas imaxes. "Non lles pomos marca de auga, o que buscamos é un respecto polo material e polo traballo que facemos, se alguén o quere, pódennolo pedir e enviámolo sen problemas" lembra o director, un caso que xa se deu con diferentes produtoras que estaban a traballar en documentais e que recuperaron imaxes do proxecto. A dispoñibilidade do material na rede facilita tamén completar datos sobre as diferentes gravacións. "Ao estar nas redes sociais, facilítase que a xente comente e complete cuestións como a data da gravación, ou onde se fixo."

Ampliacións
Lonxe de se conformar co traballo feito, o equipo de Socheo pretende ampliar o proxecto. Deste xeito teñen varias iniciativas para ampliar o ámbito xeográfico do arquivo. "Houbo interese desde Salvaterra ou en Caminha por facer cousas semellantes". Alén destas iniciativas locais, o equipo traballa nun proxecto que busca reproducir a iniciativa de Socheo en diferentes portos galegos e, nunha iniciativa máis ambiciosa, a nivel europeo. "Temos que tentar asegurar a nosa supervivencia, e logo gustaríanos redimensionalo a eses dous niveis". A maiores, non desbotan ceder o material que atesouran en discos duros a algunha entidade ou arquivo que teñan interese en coidalo. "Se hai algunha institución que o vaia tratar mellor do que o facemos nós, pasámolo sen problema", asegura González. "En realidade nós vémonos máis como custodios deste material do que como um lugar de arquivo. Cando outra entidade garanta a accesibilidade ao material e a súa conservación, a nosa función rematará".