Nove estreas de compañías nacionais e internacionais presentan a cuarta edición do festival santiagués Alternativa

En minoría

Mañá comeza Alternativa 2003, unha das citas máis importantes do calendario escénico galego. Teatro, música e danza son os compoñentes dunha cita que trae, segundo Ana Vallés, unha das programadoras do Festival, “o máis fresco do que se está a facer hoxe en día”. Como principais novidades, ademais dun cartel cheo de estreas, a ampliación do festival de tres a seis semanas. E por estirar, tamén estiraron os cartos xa que esta edición contou cun orzamento máis baixo.

Con 15.600 euros a Sala Nasa e o Teatro Galán presentan hoxe un programa cheo de novidades. Nove estreas de espectáculos en Galicia das que unha é tamén en España e dúas son estreas absolutas. Nomes moi coñecidos e recoñecidos no panorama nacional e internacional, como é o caso da danza de Guillermo Wickert ou da compañía vienesa Willi Dorner, xunto con outros menos coñecidos pero que prometen dar moito que falar. Sen embargo, Ana Vallés, responsable do festival, fai tamén outra lectura "unha programación moi rica nun festival moi pobre porque o orzamento deste ano, sumando as achegas económicas que temos que son as do IGAEM e do Consello da Cultura Galega, é de 15.600 euros para seis semanas de programación para dúas salas". O resto dos cartos póñenos as propias salas xa que a billeteira, debido á pouca capacidade das salas (100 espectadores no teatro Galán e 160 na Sala Nasa) é simbólica.



Cábalas con poucos cartos

"Movémonos nunhas marxes absolutamente ridículas. Hai outros festivais que están recollendo esta programación que traemos a Galicia, que é de luxo, e que están contando con cantidades coas que non nos podemos comparar". E é que as cifras son escandalosamente diferentes. Por exemplo, a última edición do Festival da Escena Contemporánea de Madrid que garda moitas similitudes co galego (en número de espectáculos e na calidade das compañías) o ano pasado contou con máis de 480.000 euros. É dicir co que custou o festival de Madrid, poderíanse organizar 30 festivais como o Santiagués. E non é porque a dirección da Sala Nasa e do teatro Galán fagan milagres, senón porque segundo Ana Vallés, "a xente quere estar nesta programación, porque é de prestixio para as compañías". Nas catro edicións que van de festival, o evento fíxose un oco no calendario de eventos alternativos máis importantes, nas publicacións especializadas máis recoñecidas e dentro da rede de circuítos alternativos do estado.



"Nós non podemos pagar o caché das compañías - apunta Ana Vallés- hai moitas que reducen moito máis do 50% para poder estar aquí. E é moito máis complexo no caso de compañías estranxeiras porque con estes orzamentos non nos podemos permitir grandes excesos". Gozar coa presencia da compañía austríaca no cartel desta edición implicou máis dun ano de contactos. A dirección do festival non podía sufragar o caché por unha única actuación, entón tiveron que xestionar (por ambas as partes) que fixeran unha pequena xira por España, o que implica un maior número de xestións. "Só así é posible que veñan. É unha xestión moi complexa e case de lotería", matiza Ana Vallés.



Novidades

E todo este esforzo que asumen as compañías directoras do festival, Nasa e Galán, concentrábase nos dous espacios en tres semanas. Pero, apunta Ana Vallés "ao simultanear nas dúas salas a programación con varios programas cada unha desas tres semanas, considerabamos que para a cidade de Santiago e para o público que tiña era un pouco concentrado". E a súa solución foi alongalo no tempo, pasando das tres semanas anteriores a seis.



Deste xeito ábrese tamén ás opcións da xente que viña desde diferentes puntos de Galicia a Santiago para ver o festival as fins de semana. E que parece que a programación está feita para ese público "asiduo e fiel" que desde a organización comproban que se presenta de ano en ano.



Alternativa con características específicas

Con esta cuarta edición a Alternativa consolidase máis aínda como cita singular e arriscada dentro do panorama cultural galego. Singular porque se trata dunha iniciativa privada e independente. Alternativa é, precisamente, a iniciativa das dúas salas independentes que existen en Galicia, que funcionan de xeito estable e que teñen unha programación continuada durante todo o ano. E por outra banda é arriscado porque ofrecen unha visión actual das novas linguaxes escénicas. Algo, no que Ana Vallés incide "tentamos presentar a creación de agora nas artes escénicas e isto implica estar ao día no que se está facendo. E polo tanto vas asistir a erros a tropezos, pero tamén é certo que estarás na frescura do que se está a facer hoxe en día". En todo caso está garantido que son espectáculos de difícil acceso ás redes de exhibición existentes en Galicia. Tal e como Madrid ten o seu festival de outono, Alternativa é o evento co que se pecha o inverno e saudamos a primavera.