As bibliotecas galegas sufren unha gran caída de investimento

O número de usuarios e préstamos incrementouse durante os últimos dez anos

O Observatorio da Cultura Galega publicou hoxe o seu informe “As bibliotecas galegas”, no que detalla a situación deste tipo de centros en Galicia. Entre as conclusión do informe está a forte caída de investigmento público en Galicia, pasando de 5,5 millóns de euros en 2008 aos 1, 3 millón de euros en 2013. Sen embargo, o número de usuarios incrementouse en máis de 300.000 persoas desde o 2002.

Galicia ten máis dun millón de usuarios de bibliotecas (1.029.856), nunha serie que foi en ascenso continuo desde 2002. Nos últimos dez anos aumentou un 57,9% o público adulto e un 15,9% os usuarios infantís, estando nestes momentos a proporción ubicada nun 85,8% de adultos e un 15,9% de usuarios infantís.

Financiamento
No ámbito do financiamento, as estatísticas do INE recollen “unha redución das axudas económicas, coa excepción dos concellos e entidades locais, que son os únicos que aumentan as súas contribucións”. O gasto de persoal segue a aumentar, cun ascenso de máis de 1.200.000 € en Galicia, pero o investimento sufre unha notable caída. “Se en 2008 os investimentos en bibliotecas superaban os 5,5 millóns de euros, en 2012 non chegan a 1,3 millóns de euros”, sinala o informe.

Fondos
Os fondos das bibliotecas públicas galega sitúanse a redor dos 5,1 millóns de volumes, e as adquisicións tenden a medrar. Os concellos financian o 67,88% dos custes da rede de bibliotecas de Galicia fronte a Xunta (26,57%). Á súa vez, os préstamos de fondos a usuarios están en ascenso desde 2006 rexistrándose case dous millóns e medio en 2012.

Acceso ás bibliotecas
Galicia é a antepenúltima comunidade autónoma no uso do acceso ás bibliotecas, cun só 16.3% da poboación accedendo a estes servizos.