Exhíbete!

Repasamos as mostras que se poden ver estes días

Imaxe da exposición A-nundando de Eva Lootz na Galería Trinta
Imaxe da exposición A-nundando de Eva Lootz na Galería Trinta
Cans, amigos, universos graníticos, feitos históricos… son moitos os temas que abordan as exposicións que se poden ver estes días en Galicia. Tan variados coma no formal onde hai para todos os gustos, pintura, fotografía… O único denominador común é que son exposicións de pequeno formato, de baixo orzamento e que se manteñen nun escenario artístico que contén o alento.

Coproducións, exposicións itinerantes, mostras a partir de coleccións propias, exposición que se alongan no tempo… as fórmulas para sortear a crise son ben coñecidas e xa analizadas. Coa crise e os recurtes económicos instalados, facemos un repaso por algunhas das mostras que están en cartel.
Os veraneantes do MARCO
Eric Baudelaire (Salt Lake City, EUA, 1973), Mohamed Bourouissa (Blida, Alxeria, 1978), Luc Delahaye (Tours, Francia, 1960), Shai Kremer (Kibboutz Gaash, Israel, 1974) , Cristina Lucas (Xaén, España, 1973) , Eduardo Nave (Valencia, España, 1976), Paola De Pietri (Reggio Emilia, Italia, 1960) Paolo Ventura (Milán, Italia, 1968) comparten un interese por aproximarse aos feitos históricos a través do seu traballo. Uns fano con fotografía, outros con video e outros con instalacións. A través deles, chega ao MARCO unha exposición que permite revisitar feitos históricos a través da súa ollada. A mostra estará ata finais de maio, para viaxar despois a PHotoEspaña, Madrid, durante os meses de xuño e xullo de 2014.
Os 93 do CGAC
O CGAC pecha as Actividades organizadas para conmemorar os seus trinta anos de existencia cunha mostra que gravita arredor do ano que se inaugurou. 93 pretende convidar ao espectador a facer unha viaxe a un ano concreto, con artistas emerxentes que daquela serviron de referencia para unha nova xeración. Son moitos os nomes que se poden ver nesta exposición que tira de fondos propios para concretar unha época.

O bosquexo do mundo na Seoane
Exemplo de colaboración institucional, de itinerancia e de aproveitamento de recursos e sinerxías. O bosquexo do mundo é unha mostra colectiva comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre que entra nos talleres dos artistas para achegar formas de traballo, pezas en proceso e rematadas que permiten achegar novas lecturas e tamén novos interrogantes sobre a orixe e significados das obras. Obxectos, cadernos de notas, esquemas, recortes de prensa, vídeos, fotografías, repertorios de imaxes, textos propios e alleos, xestos e materiais atopados… que ofrecen outra ollada sobre o proceso de creación.

Os novos valores do Auditorio de Galicia
O auditorio de Galicia continúa coa súa aposta para novos valores e presenta unha exposición que acolle todos os traballos presentados ao seu certame. Son 46 obras de 114 artistas menores de 40 anos nados ou residentes en Galicia de todos os estilos e xéneros. Unha boa mostra para testar a creación actual.

As galerías
A Galería METRO aposta pola colaboración e súmase ao Festival Miradas de Mulleres coa producción da exposición Pel e silencio, unha mostra colectiva comisariada por Neves Seara, con obras das artistas Ana Gil e Basilisia Fiestras. Un proxecto que xera un dialogo entorno á pel como vestido, como imaxe e como órgano sensitivo.

A Galería Vilaseco acolle estes días unha exposición Bernard Plossu. Baxo o título “México&París” ofrece unha mostra da súa forma de paisaxes insinuados e suxeridos. Ademais, o propio artista estará presente na galería o xoves 20 coincidindo coa presentación dun volume que compila as súas mostras en México. Estará presentado por Manuel Vilariño e nese mesmo día poderase ver a o filme en súper 8 El viaje mexicano.

O romanticismo e o barroco xogan un papel clave na construción do universo creativo de Helena Segura-Torrella. Unha creadora que exhibe na sala Moret Art (A Coruña) os seus últimos traballos para falar das relacións humanas e o seu contorno. As composición e a forma de trazar a atmosfera e a tensión narrativa condicionan estes traballos.

Outros proxectos que continúan son o de Estado Critico, na Sala Alterarte, na que críticos escollen a artistas cunha exposición pensada especificamente para ese espazo. Agora mesmo, a exposición "Mozas, amigos e cans" de José Luis Torrico comisariada por Ignacio Pérez-Jofre, que afonda nos tres conceptos que dan lugar ao título: dunha banda os cans, que se insire na defensa activa que o artista realiza dos animais. Doutra, os amigos, un tema recorrente do seu traballo e que se pode apreciar nos retratos que fai. E, por último, as mozas, a fascinación que o creador amosa polo corpo das mulleres que converte o erotismo nun motor do seu traballo.

A Galería Trinta exhibe neste momento unha serie de debuxos de gran tamaño da artista Eva Lootz. En A-nudando a creadora continúa explorando o tema dos nós que arrincou nunha exposición que a artista ofreceu en2012 no Cïrculo de Belas Artes. Unha exposición na que interrelacionan a teoría do nós da matemática avanzada, a teoría da psicoanálise, memorias antropolóxicas e un xogo infantil (ata o 18 de abril). Pola súa banda, a Galería Ad Hoc (Vigo), ofrece os últimos traballos de Itziar Barrio. Baixo o título The music you want me to hear, afonda sobre as dinámicas de poder, o desexo e as situacións e realidades construídas. Cada peza ten o seu propio significado pero que, en conxunto, ofrecen unha narrativa que afonda na confrontación entre o público e o privado, a ficción e a non ficción, e a deconstrucción do aparello cinematográfico (ata o 16 de abril).